Os híbridos

Play Doc aparca a crise cunha edición na que analiza a influencia da ficción no documental

Imaxe do curso de formación
Imaxe do curso de formación "Retrato filmado", no que os participantes gravan a vida de sete habitantes de Tui
“Nos últimos tempos hai unha tendencia á hibridación, a mestura entre ficción e documental, na que xa non se marcan os límites. Queda lonxe aquela obxectividade imposible que marcaban os antigos cánones” afirma Ángel Sánchez, codirector de Play Doc. O festival de documentales de Tui abre hoxe fiel unha nova edición da cita co audiovisual independente, creativo, vangardista e moi apegado á realidade. Os recortes orzamentarios planan de fondo nun programa que homenaxea o polaco Marcel Lozinski, referencia indiscutible en Polonia, coetáneo de Krysztof Kieslowski e finalista ao Óscar por un traballo que amosa a fronteira entre Polonia e a Unión Soviética.

O documental co que Carlos Núñez explora as súas orixes familiares e a influencia da música brasileira (Brasil somos nós) comeza a sétima edición de Play Doc. Un festival de documentais único na súa especie, que ten unha media de 8.000 asistentes cada ano e que consegue a base do esforzo dos seus codirectores (Ángel Sánchez e Sandra García) que realizadores de documentais de referencia se paseen co público e outros creadores polas rúas dunha vila pequena. “É un dos sinais de identidade deste encontro e o que nos permite diferenciarnos doutras cita semellantes” asegura Ángel Sánchez. Na súa opinión é un gran punto a favor para convencer a moitos convidados, aínda que iso tamén teña a súa lectura negativa. “Ao non estar apoiado por un gran concello por detrás, a axuda económica que podemos ter tamén é menor, co que en anos como este resulta demoledor”. Dos 120.000 euros de edicións pasadas, Play Doc conta este ano só con 60.000 euros que notará o público na cantidade de actividades organizadas pero “non na calidade”. Play Doc prescinde das actividades matutinas, concentrando nas tardes os tres piares sobre os que se asenta este escaparate de realidade: exhibición, formación e divertimento.

Exhibición
Ángel Sánchez apunta que “continuamos nas mesmas marxes que en edicións anteriores e temos arredor duns 30 títulos na sección competitiva”. Sen embargo, nesta ocasión existe un cambio importante, xa que as producións galegas compiten na sección oficial e non nunha categoría á parte. “Era unha demanda vella que levaban un tempo pedindo os propios creadores galegos, de estar ao mesmo nivel que os internacionais” asegura Sánchez. E así foi. Nesta edición, as cifras de presentación de traballos rondan as mesmas que en edicións anteriores (arredor de 700) que exhiben as influencias que a ficción exerce sobre o documental. Na opinión do director do certame, “o documental é un xénero moi vivo que, malia que non ten reflexo nos mass media é un terreo de abono para realizadores que logo dan paso a outros xéneros como a ficción”. No fondo, esta influencia ten moito que ver coa presenza dun dos cinestas convidados, Marcel Lozinski, un dos documentalistas polacos de referencia que ten unha traxectoria caracterizada por unha maneira planificada e provocadora de intervir na realidade. Lozinski, candidato ao Óscar en 1994 por A 89 mm de Europa estará presente no encontro para ofrecer unha clase maxistral sobre o seu método de traballo canda unha escolma da súa filmografía. Ademais del, tamén de orixe polaca, estará Leck Kowalski, coñecido cineasta da cultura underground que estrea o seu último traballo The End of the World Begins With One Lie, que critica o verquido de petróleo de 2010 nas costas de Luisiana (EEUU).

Formación
“Nós sabemos que non podemos competir porque non podemos crear un mercado como fan os festivales deste estilo noutras partes do mundo por varios motivos: nin temos persoal nin capacidade orzamentaria” explica o director de Play Doc. Tendo en conta esta circunstancia, desde o encontro pretenden tirar da orixinalidade e suplir esa carencia cun programa formativo atractivo e interesante. “As nosas viaxes a outros certames audiovisuais son para establecer vínculos, servir de ponte do audiovisual galego e, ao mesmo tempo, dar a coñecer formatos orixinais para formar novos talentos audiovisuais”. Play Doc mantén dúas iniciativas que se sumaron ao programa con certa proximidade. Un deles estreouse en decembro de 2010 e, baixo o título “Docs in Progress” oito realizadores conviviron para compartir o seu proceso de traballo. “Foi unha experiencia moi enriquecedora, apuntou Ángel Sánchez, que agarda se estreen estes traballos ao longo do ano en diferentes festivais de carácter internacional.

Divertimento
Hai en Play Doc un marcado carácter lúdico que afecta tanto a forma como a fondo do festival. Dunha banda porque na estrutura do programa hai programados concertos e, da outra, porque esas citas están relacionadas cos documentais que se exhiben. De tal xeito nesta edicion estará Tachenko (venres 1 de abril), grupo de pop independente de Zaragoza que gañou un posto de honra no selo Limbo Starr, imprescindible na música indie española e que vén de cumprir dez anos. Relacionado co concerto está o documental Limbo Starr: Dez, conta atrás, no que interveñen músicos como Nacho Vegas ou Ornamento y Delito. E a outra cita musical (sábado 2) está protagonizada por Aaries, irmás de Filadelfia que medraron cantando temas de Lionel Ritchie e teñen colaborado en concertos de The Roots ou Jaguar Wright. Estas irmás, que están a piques de sacar o seu primeiro álbum, Best Kept Secrets, tamén articipan no filme programado en Play-Doc Say My Name (Que se escoite o meu nome), sobre a loita diaria das mulleres no machista mundo do hip-hop e o R&B.