Da cor á cama

Unha exposición sintetiza o universo creativo de Mónica Alonso

Mónica Alonso cunha das súas obras, na inauguración da exposición
Mónica Alonso cunha das súas obras, na inauguración da exposición
Leva anos traballando sobre as propiedades terapéuticas relacionadas co espazo e coa cor, por iso, moitas das súas obras pretenden provocar determinados sentimentos (angustia, ansiedade, calor….) ao espectador. A súa obra é fácilmente recoñecible pola súa variada e vistosa gama cromática, así como pola recorrencia á escultura plasmada na idea da cama. O universo creativo de Mónica Alonso anega o Museo de Lugo na primeira mostra retrospectiva desa artista lucense que leva vinte anos no mundo da arte.

A súa obra estivo exposta en numerosos centros do mundo. De Chile a Alemaña, de Italia a Francia pasando por numerosos puntos da xeografía española. Mónica Alonso é unha artista segura en ARCO, a súa obra está presente no Centro Galego de Arte Contemporánea, na Fundación La Caixa, na Endesa, na de Caja Madrid, na colección Unión Fenosa, entre numerosos museos, e unha das referencias imprescindibles da arte galega contemporánea.

Naceu en Lugo, onde fixou a súa residencia hai unha morea de anos dunha forma consciente. “Vivimos nun mundo no que se pide que o artista teña como dous ou tres lugares de residencia, como se se valorara esa circunstancia", expón unha Mónica Alonso que asegura facer "unha obra moi íntima, moi persoal e traballo conmigo mesma, por iso necesito un lugar emocionalmente seguro e un equipo técnico para realizar eses proxectos”. Ademais, a artista asegura estar en Lugo exclusivamente cando traballa e, cando non o fai, está viaxando polo mundo. Para o crítico e comisario Xosé Manuel Lens, "pertence ó grupo de autores que ordenan o seu contexto nun continuo diálogo crítico coa arquitectura e co territorio, convertendo o lugar, a memoria e a propia vida en elementos terapéuticos que describen e expanden a súa imaxinativa produción". Un concepto de espazo no que incide a crítica Chus Martínez Domínguez, ao afirmar que "proxecta e dispón espazos propios onde calcular, analizar e testar as anatomías sensibles do pensamento, deseñando mediante a arte estruturas de vida, rincóns, arquitecturas de terapia que son extinción e consolo".

Expor toda unha vida
“O Museo de Lugo convidoume a facer a mostra e como este ano cumplo 40 anos, e levo 18 anos de traballo, pensamos que máis facer unha exposición podíamos facer unha retrospectiva” asegura esta artista. O resultado, que se pode ver desde o pasado venres no Museo Provincial de Lugo, pretende visualizar as liñas de traballo desta artista que ten experimentado coa cor como expresión dos sentimentos, da cama como obxecto escultórico e sobre a intervención do espazo.
A mostra que recupera os seus preto de vinte anos de traballo iníciase con gravados realizados a principios dos anos oitenta (1984). “Son pequenas obras que fixen cando estaba na facultade e que eu considero que é como o xermolo de todo o meu traballo posterior”. Por iso, son o punto de partida desta exposición que tamén fai un percorrido por unha das súas ideas recorrentes: a cama. “A mostra así ve a evolución estética e toda a evolución conceptual ata o proxecto actual Angustia de viaxe” explica a artista. Nesa mesma sala, fíxose un percorrido por proxectos como “Terapia lugar de felicidade”( na que se mostraban dous cuartos de hotel cunha peza central que é unha maqueta deses cuartos na que se transforma a sala nunha burbulla azul) que foi a primeira exposición individual desta artista “algo así como a miña presentación” asegura.

A partir de ahí, a mostra recolle pezas doutros proxectos desta prolífica artista como “Magnífico espacio”, “Campos de experimentación de suicidio”… e recupera un proxecto de 2004. “Trátase das Cápsulas TIP, que son espazos terapéuticos que xera o espectador. Para esta edición quixemos facer un experimento e convidamos a xente de ámbitos dispares para que constrúa o seu TIP. Así, no ámbito da música contactamos con Mercedes Peón, no da literatura con Marica Campo; logo con Miguelanxo García, psicólogo do Clínico de Santiago- e no ámbito da ciencia con Pilar Bermejo, catedrática de crítica analítica”. A exposición complétase cun proxecto inédito, que é o resultado da investigación dunha bolsa que a artista gozou no ano 2009, “era do frío ao calor pasando polo temperado que reflexa a angustia fría e a angustia quente que é unha instalación específica na que convido ao espectador a experimentar a angustia, pero non a destructiva”.

Actividades paralelas
Esta revisión do traballo da artista non se esgota na exposición, senón que desde o museo deseñouse unha serie de actividades paralelas que contribúen a divulgar a súa figura. “Queríamos dar unha lectura total de todo o que se está a amosar na exposición, asegura a propia artista, e hai actividades de todo tipo, desde un libro que recolle os meus soños (A obra onírica de Carme Casbelisa, que se presenta 25 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela); o catálogo da exposición (Mónica Alonso. Obras (1993-2011)11 de maio de 2011, no Museo Provincial de Lugo); así como diferentes percorridos guiados (para escolares, estudosos da arte e público en xeral). Son distintas actividades que servirán para dar a coñecer a importancia do proceso dentro da obra desta artista.