O Ateneo de Pontevedra amosa a súa preocupación polo posible feche do Café Moderno

Novacaixagalicia asegura que o espazo manterá os mesmos usos que na actualidade

A posibilidade de que o Café Moderno feche como espazo cultural preocúpalle ao Ateneo de Pontevedra. A entidade publicou onte un manifesto no que lle reclama a institucións e cidadanía que se impliquen na conservación deste histórico café, restaurado pola Fundación Caixa Galicia no ano 2000 e sede de moitas das actividades culturais do Ateneo. Segundo denuncia Xaime Toxo, responsable da entidade, os encargados do centro remitíronos ao antigo centro da Fundación Caixanova para futuras actividades, asegurando que no futuro o Café quedará reservado para actos puntuais e que se lle dará preeminencia ao segundo para iniciativas de carácter cultural. Desde Novacaixagalicia, no entanto, aseguraron que tanto un como o outro local manterán as mesmas funcións do que ata agora. O Café Moderno aparece xa na actualidade como Centro de Maiores de Pontevedra no web de Novacaixagalicia.

*********** Manifesto do Ateneo de Pontevedra sobre o Café Moderno ***********

CAFÉ MODERNO.
Hai noticias que producen un desalento que xorde da incredulidade. Por iso é moi preocupante a nova que temos sobre o peche do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia) na súa función de espazo aberto para realizar actos de natureza cultural: exposicións, conferencias, recitais, proxeccións.
Descoñecemos o alcance desta medida e a súa concreción na práctica; mais alértanos dabondo como para actuar con dilixencia, dada a repercusión que esta desaparición tería na oferta de espazos para usos culturais.
Todo o edificio é de tal harmonía e beleza que constitúe por si mesmo unha xoia urbana. Ningunha cidade con sensibilidade e conciencia da súa historia estaría satisfeita ao ter que prescindir do uso que na actualidade teñen os distintos espazos que conforman o Café Moderno: a súa fermosa cafetería, chea de encanto; o salón dos murais, sen dúbida o entorno que ten a xeometría exacta que necesita a recreación e a reflexión cultural. A sala de exposicións e a galería corredor co pequeno patio xardín, son recantos poéticos, equilibrados e gardadores da memoria emocional da cidade.
Facemos un requirimento ao tecido cultural e institucional, político e cidadán para que amosen o seu asombro e preocupación diante desta medida; e consigamos entre todos revertela, a través de fórmulas que permitan poder sumar espazos culturais de alta calidade, inseridos nunha idea de cidade que debe considerar a cultura como un dos piares de progreso e de futuro.

ATENEO DE PONTEVEDRA.