O nodo dos versos

Poesiagalega.org pretende converterse nun punto central da reflexión poética en Galicia

O punto de encontro para os interesados na poesía galega a partir do século XIX. Este é o ambicioso obxectivo co que nace Poesíagalega.org, un repositorio de recursos sobre este xénero literario que abre a investigadores e público xeral un novo xeito de se achegar aos versos. Textos, vídeos, artigos e todo tipo de contidos teñen cabida nun espazo que aspira a ser un referente internacional.

O pasado venres o Consello da Cultura Galega acollía a presentación de Poesíagalega.org, un web nado da colaboración entre Culturagalega.org, o portal en Internet desta institución e mais do Grupo Alea de Análise Poética da Universidade de Santiago. A iniciativa, que se defina como “base e datos e repositorio dixital sobre poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos”, aspira a revolucionaro xeito no que se investiga este xénero. No momento da presentación, o web recollía 200 documentos na base de datos entre textos, fotografías, vídeos e outros contidos. A intención dos promotores é chegar a 1.500 referencias para 2012.

Ampliar o alcance
Segundo explica Arturo Casas, coordinador do Grupo Alea de Análise Poética, “a idea é facer chegar a información sobre poesía a máis xente da que está a chegar, sobre todo a nivel académico”. E é que, na opinión deste filólogo, existe un desfase entre a importancia do noso panorama poético e os estudos sobre o mesmo. Temos unha produción ampla, plural e atractiva, e a verdade é que non se fan moitas teses sobre iso”. É deste xeito que xurdiu a idea de aproveitar as posibilidades da rede para crear un repositorio de recursos sobre esta produción. Para alén, segundo Casas, a aposta por Internet responde tamén a unha necesidade concreta da investigación literaria motivada por un crecente interese internacional polas nosas letras. “Cada vez hai máis investigadores que traballan en Estudos Galegos que están fóra”, xa sexan investigadores do país en universidades foráneas ou estudosos doutros países. “Sempre me pareceu bo poder tentar fornecelos dos materiais necesiarios para eses traballos. Hai que pensar que moita desta xente non ten a man bibliotecas axeitadas nas que poder facer as pertinentes consultas”.

Investigadores
O resultado destes anceios é Poesiagalega.org. Unha base de datos de recompila artigos, composicións poéticas, videos e todo tipo de material relacionado coa lírica do noso país. Segundo explica Casa, malia a que no novo web se poderán atopar textos poéticos, “non é unha base de datos sobre poesía en si, senón sobre estudos encol da poesía, queremos xuntar discursos críticos, teóricos e comparados”. Con isto “imos pór diante dos ollos dos investigadores e dos internautas que temos unha producón crítica e investigación importante, que é tamén un espello para que nos ollen doutros lugares, a verdade é que non son consciente de que exista algo semellante a nivel mundial”. Cada unha das referencias que se atopan no web está etiquetada de xeito que permite buscas atendendo a criterios como autor, editor, época histórica, estilo, formato e xeito de edición ou tipo de estudo, entre outros criterios que se poden entrecruzar. “Estamos seguros de que pór a disposición da xente esta información tratada con bases de datos ten unha grande potencia. Segundo vaia medrando o número de rexistros poderanse abordar novos xeitos de investigar e de abordar o poético atendendo a factores que normalmente non se ollan e que aquí aparecen”, asegura Casas.

Para alén da investigación
Malia á esta vontade académica, Casas está certo de que o proxecto ten grandes aplicacións para simples afeccionados ou mesmo para o ensino secundario. “Pensamos que os profesores lle poden tirar moito proveito, e queremos potenciar iso desenvolvendo un diálogo coa xente que se dedica á docencia. Logo, para o público que simplemente ten curiosidade, abre moitas posibilidades. Ao ser unha proposta interactiva permite qeu cada quen seleccione o que quere buscar, xa sexa por autores e épocas concretas ou mesmo cruzando datos”. Para os afeccionados á poesía, o coordinador da iniciativa destacan contidos como os videos, fotografías e arquivos de son e de audio que están dispoñibles no repositorio e que se continuará incorporando no futuro.

Recuperación de textos
Obviamente, Poesiagalega.org conta tamén con textos poéticos para alén de artigos sobre a poesía. “Entre os obxectivos que temos está recuperar libros que xa non se poden atopar nas librarías”, lembra o coordinador. Catro libros da extinta colección Letras de Cal, en concreto de Kiko Neves, María Lado, Igor Lugrís e Celos Fernández Sanmartín, abren esta sección. “tamén contamos cunha importante colaboración de Eduardo Estévez e agardamos ir recuperando tamén poesía anterior ás Irmandades da Fala. Malia a que o web é, segundo lemboru o coordinador na presentación, “antes que nada unha base de datos”, inclúe tamén unha axenda e unha sección de novas relacionadas co xénero, así como a Revista de poesía, unha publicación que ao longo de cada semestre irá incorporando artigos, textos poéticos ou traducións para logo editarse en formato PDF.

Poesía alén dos libros
De xeito paralelo á dispoñibilidade de recursos, o proxecto quere abordar tamén un novo xeito de comprender o fenómeno poético que, acorde cos tempos, aposta por manifestacións que trascenden á escrita. “Sen esquecermos que hai unha poesía tradicional moi rica, queremos traballar a idea de que a poesía é máis do que se adoita pensar e non está só nos libros e nas formas metricas tradicionais”. Performances, recitais ou mesturas de poesía con video ou fotografía completan os contidos que se poden atopar nesta iniciativa.

A importancia da nosa poesía
Casas é un firme defensor da importancia dos nosos creadores poéticos. Segundo el, “a poesía, hoxe e sempre, é do mellor que soubemos facer en Galicia ao longo da Historia. Se todo no país estivese a esa altura, isto sería outra cousa. Tanto os nosos poetas, como a xente que pensou sobre a poesía ou os editores atópanse entre o mellor que deu o país. É como outra Catedral de Santiago ou outra Muralla de Lugo feita de sentimentos, palabras, ritmos ou silencios, e a xente debería se consciente de que é así. Á marxe da noción identitaria é un dos capitais máis importantes que temos”.

Novos e vellos xeitos de editar
Na actualidade, a creación galega está a dar mostras de interese pola experimentación e a incorporación das novas tecnoloxías. “Se nos comparamos, por exemplo, con Brasil ou con Hispanoamérica, comprobamos que eles teñen unha inmensa cpacidade de innovación e de presenza na rede, tamén por número. Pero aquí existe unha investigación poética atractiva e interesante. Moita xente está a facer cousas e poñéndoas na rede, onde teñen un público que non é tan menor como se pode pensar. aínda que o blogomillo perdeu algo de pulo continúa a ter unha nervadura moi potente, superior a outros lugares do mundo”. Contrasta, con esta potencia creativa, o relativo descenso na edición de poesía que se está a detectar nos últimos anos no noso sistema literario. “É certo que a edición convencional está algo máis parada, pero debemos pensar que tampouco existen no mundo moitos lugares onde unha colección chegase a superar os trescentos números, como é o caso de Espiral Maior, non é algo tan doado”. A comentar eivas, para este investigador “o que poida que falte son revistas de poesía de tendencia, que teñan unha liña deefinida e propia e non funcionen tanto por aluvión de contidos. As revistas sempre e caracterizaron por marcar unha identidade de proxecto, e isto contribúe moitas veces ao debate e ao dinamismo do sector”.

Cinco exemplos de poesiagalega.org

Arturo Casas seleccionou para nós cinco exemplos do contido que se pode atopar en poesiagalega.org

“En poesiagalega.org faremos dossieres de vez en cando. O primeiro é
sobre un proxecto de poéticas experimentais. Translittera.”
Translittera

“Fotografías recuperadas, por exemplo a da derradeira lección de Basilio Losada (un dos críticos importantes sobre a poesía galega contemporánea, con influencia destacada no ámbito da edición sobre todo nos anos 80 e 90) na Universitat de Barcelona”
Lección de Basilio Losada

Gravacións de poesía tradicional
Tradición oral. Bande (1998)

Un artigo sobre Os Eoas de Eduardo Pondal:
"Para a historia d'Os Eoas. Un poema épico fundacional no labirinto das indecisións". Manuel Ferreiro

Un libro de poemas recuperado: de María Lado, A primeira visión:
A primeira visión