Patrimonio ao arbitrio das marés

Malia a un grande apoio social, a conservación de embarcacións tradicionais enfróntase á múltiples trabas

A dorna Moura, de Carreira (Ribeira)
A dorna Moura, de Carreira (Ribeira)
Nos últimos anos a recuperación do patrimonio marítimo do noso país está a sufrir un importante pulo. Da man da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e de museos e aulas do mar, este patrimonio fráxil e intimamente vencellado a un xeito de vida que desaparece está a ser recoñecido. Agora, no marco do proxecto Dorna está a realizar por vez primeira un inventario detallado daquelas embarcacións de tipo tradicional que se conservan nas nosas costas.

“As embarcacións tradicionais son unha realidade no que conflúen a función dun carpinteiro coas necesidades de oficios como o xeito ou o marisqueo. Supoñen unha síntese importantísima do que é a cultura costeira e marítima, e nelas conflúen dous intereses aos que se suma aínda o saber navigar”. Quen explica deste xeito a importancia destes bens patrimonais é Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Galicia. Carrera é un dos responsables dun inventario de embarcacións tradicionais que se está a elaborar no marco do Proxecto Dorna, unha iniciativa para promover a sustentatiblidade e a recuperación do patrimonio marítimo nas costas europeas.

A potencia galega
A investigación que realizaron neste sentido revela, segundo Carrera, que en comparación con outros países implicados no Proxecto Dorna como Portugal, Escocia ou Euskadi, “a situación non é mala. Existen moitas tipoloxías de embarcacións que aínda se conservan, aínda que algunhas evidentemente se perderon”. Ata certo punto, o feito de que aínda contemos cunha pesca de baixura artesanal relativamente viva fixo que se mantivesen xeitos artesanais que noutros lugares son xa historia. “En Escocia por exemplo practicamente xa non hai embarcacións de traballo operativas”.

O inventario
A importancia do traballo que se está a desenvolver no marco do Proxecto Dorna, dedicado a recuperar o patrimonio marítimo en Galicia, Euskadi, Portugal e Escocia, queda de relevo ao ollarmos a páxina na que esta iniciativa publica o inventario de embarcacións. Alí atopamos, canda ás nosas tradicionais gamelas, atuneiros bascos, barcas de remos escocesas ou esquifes das Illas Hébridas, entre outros tesouros das augas do Atántico Norte. Ao igual que o rexistro de estaleiros de ribeira que se está a desenvolver no marco desta mesma iniciativa, o Proxecto Dorna está a preparar a edición dun catálogo en papel no que se recollerán de xeito exhaustivo os datos de catorce embarcacións galegas, divididas en nove tipos e catorce subtipos, o que nos dá unha boa idea da variedade que presenta o patrimonio deste tipo que se conserva no país. Segundo Xerardo Triñanes, presidente da Asociación de Carpintarías de Ribeira AGALCARI e outro dos implicados na elaboración deste catálogo de embarcacións tradicionais, “somos un dos países máis ricos en cantoa tipoloxías de embarcacións. O catálogo non as recolle todas, e na base de datos aparecen as que están máis ou menos identificadas e recollidas na Federación pola Cultura Marítima. A idea é continuar de cara ao futuro o inventario cunha ficha completamente definida”.

Os problemas de conservación
O feito de falarmos de ben patrimoniais relativamente frágiles como son as embarcacións de
madeira, expostas aos elementos e que ademais teñen un uso práctico e continuado como vehículos e instrumentos de traballo fan que a protección das mesmas sexa unha cuestión complicada. Segundo Triñanes, ás cuestións intrínsecas do material e do emprego súmanse graves eivas legais sobre este patrimonio. “Existen moitos atrancos ao recoñecemento destes bens. Por exemplo agora mesmo estamos a agardar a que a Lei de Navigación recoñeza o patrimonio marítimo flotante, que está aínda sen definir de xeito oficial”. A situación afecta, por exemplo, ás exencións de impostos no amarre, xa que Portos de Galicia establece unha definición de patrimonio que deixa fóra boa parte das embarcacións deste tipo. De xeito semellante, o actual regulamento que se lle aplica as embarcacións de madeira, datado en 1963, establece unhas condicións que favorece a construcións de cascos de poliéster “aínda que está comprobado que as de madeira son moitísimo máis seguras” lembra Triñanes. Os defensores neste patrimonio denuncian que a indefinición ao respeito destes bens supón un serio problema para quen teña interese, por exemplo, en se facer cunha embarcación deste tipo. Segundo este carpinteiro, “é máis sinxelo para alguén facer un avión do que ter unha embarción tradicional. Por exemplo, os coches antigos teñen a súa propia normativa” que establece en qué condicións poden circular e os exime de determinadas medidas de seguridade implantadas con posterioridade á súa construción. “Moita xente ten unha destas embarcacións e emprégaa para recreo, pero manter iso ten uns costes, e deberían estar moito máis protexidas mesmo pola súa importancia ecolóxica”.

Históricas e tradicionais
Nunha primeira achega a esta cuestión, Triñanes apunta que, malia á diversidade de aspectos que se poden ter en conta, “partimos dunha primeira denominación que sería o de embarcacións de interese patrimonial. De aí teriamos por unha banda as embarcacións históricas, que poden ser calquera material, mais sempre cun valor histórico, e logo as tradicionais, que ao meu ver son aquelas de madeira e, para min, construída con métodos tradicionais”. Precisamente a afinar esta separación está tamén a traballar o Proxecto Dorna e, tal e como recoñece este carpinteiro de ribeira, “hai quen pode falar de que para que sexa considerada tradicional unha embarcación debe estar feita a partir doutra orixinal e estar relacionada con ela”.

Movemento social
Para alén, Carrera destaca a importancia do movemento social que se dá na nosa costa a prol deste tipo de embarcacións. “En Euskadi por exemplo hai proxectos deste tipo pero non hai moitos máis do que en Galicia. Temos un movemento civil importantísimo, cunha Federación que agrupa máis de corenta colectivos. A eiva no noso caso é a falta dun apoio público de xeito continuado, algo que si existe noutros lugares”. Malia a este movemento cívico, para o director do Museo do Mar segue a faltar unha consciencia social a prol do patrimonio flotante. “En xeral a xente sabe que non se debe tocar ou mover un hórreo, por exemplo. Pero nas embarcacións non hai nada que legalmente diga que se deben protexer”.

O problema do catálogo
Como un dos primeiros pasos, na liña do que xa está a facer o proxecto Dorna, Xerardo Triñanes apunta que “cómpre definir o concepto de patrimonio marítimo flotante, facer un censo de embarcacións e darlle unha categoría a isto. Hai vontade e vimbios, temos a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asociación de Carpintaría de Ribeira, o Museo do Mar e mesmo o proxecto Dorna”, explica Triñanes que, no entanto, e dadas as dificultades da cuestión, recoñece que “non é un traballo que poida facer só un historiador ou un carpinteiro de ribeira, é algo complexo que se debe pór en común”. De novo no marco do Proxecto Dorna está a se desenvolver a marca BATE (Barco Atlántico Tradicional Europeo) que certificará os traballos tradicionais neste campo seguindo directivas da UE.

O futuro
De cara ao futuro, Triñanes apunta que na actualidade “están a se superar problemas e pondo as pedras do que será o recoñecemento do patrimonio marítimo flotante”. Carrera pola súa banda sitúa o horizonte de expectativas non moi afastado. “En Francia están a un nivel neste sentido ao que nos gustaría chegar aquí. Hai promoción pública e privada e, sobre todo, unhas leis que amparan a conservación. Alí as embarcacións de traballo teñen unha consideración patrimonial, e ese é o marco de referencia ao que nos gustaría ir”.

Galería: Embarcacións tradicionais no inventario do Proxecto Dorna

Galería: Embarcacións tradicionais no inventario do Proxecto Dorna

Anguleiro, único exemplar rexistrado de carocho. Fonte: Proxecto Dorna Base de Datos do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico

A fanequeira

A fanequeira

Buceta conservada en Bouzas. Fonte: Proxecto Dorna Base de Datos do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico

A Marosa

A Marosa

Gamela Coruxeira. Fonte: Proxecto Dorna Base de Datos do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico

Pajarito

Pajarito

Bote polbeiro de Ferrol. Fonte: Proxecto Dorna Base de Datos do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico

A Oleira

A Oleira

Racú conservado en Bouzas. Fonte: Proxecto Dorna Base de Datos do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico

Pescadoira

Pescadoira

Traiñeira da Asociación Os Galos, de Bueu. Fonte: Inventario do Patrimonio Marítimo do Arco Atlántico. Proxecto Dorna.