Comeza o curso universitario 2002/2003 cun descenso no número de alumnos

Un curso por diante

Para os que estudian moito e para os que non tanto; para os que comezan por primeira vez e para os que repiten; para os profesores e para os alumnos; para todos eles acaba de comezar o curso universitario 2002-2003. E para estes nove meses que quedan por diante tres claves: estabilidade, LOU e máis titulacións.

Formalmente o curso universitario comezou a semana pasada. Cos discursos dos rectores, cos actos institucionais, coas aperturas nos calendarios... pero realmente cando se comeza a respirar que as vacacións xa remataron e son horas de axustar as contas é desde onte, cando os estudiantes tomaron as aulas. O inicio do curso comezou, como non podía ser doutro xeito, como día non lectivo e onte, o día despois, preto duns 80.000 estudiantes encheron as aulas dos sete campus que conforman as tres universidades galegas. Por diante quedan nove meses para estudiar, para saír, para aprender, para investigar e para facer amigos. A Universidade segue a ser un punto de encontro importante para todos os alumnos e como tal, todo vale.



Cada día somos menos


Desde hai bastante tempo as estatísticas rexistran un descenso no número de habitantes na nosa comunidade. E a cada vez máis baixa taxa de nacemento vai chegando pouco a pouco a estratos superiores. E se a iso se lle engade o reforzo da Formación Profesional, e o fracaso escolar, atopamos algunhas das causas polas que a Universidade acusa agora na súa matrícula menos alumnos que noutros anos. E este aspecto centrou unha boa parte dos discursos dos rectores dos tres campus no seu correspondente acto de presentación do curso, que cuantificaban esa perda en case un 30%. (segundo un informe elaborado pola Consultora Andersen sobre o mes de xuño, Vigo perdera un 10% do seu alumnado desde o ano 1990, Santiago outro 10% e A Coruña un 6%).O máis pesimista con estes resultados foi o recén electo pola USC, Senén Barro, que auguraba unha tendencia que se agudizaría co paso do tempo.



Para o que pensaba que o descenso dos alumnos non é algo intrinsecamente bo ó propio sistema porque evitaba a masificación das universidades resulta que non é tal beneficioso. Tal e como puntualizou o rector santiagués, se debe “a esa perniciosa regra de tres que relaciona financiamento e alumno”. E aí entramos en tema arduo e espiñoso que ten que ver coas contas das propias universidades e do seu sistema de financiamento. A día de hoxe, os cartos que xestionan as súas propias universidades proveñen da porcentaxe que establece o goberno do seu PIB (no estado español é do 1’11%, a OCDE inviste o 1’33% e os 17 países de maior renda invisten o 1’59%) e do que cada alumno se gasta na súa propia formación (no estado español o gasto medio por alumno é de 5.000 euros, na OCDE é de 9.000 euros e nos países de maior reda un 12.000 euros). E nos gastos dos alumnos nas súas matrículas (primeiras, segundas, terceiras...) estaban parte dos ingresos que logo redistribúe a universidade. Esto por unha parte, pola outra está a pretendida mellora da calidade (que é un dos obxectivos prioritarios das institucións) coa que subirán os índices de aprobados, se reducirá o tempo para obter un título, co que o alumno, en teoría aportará menos cartos. É por este motivo que nos discursos das aperturas do curso houbera tempo para falar de modelos de financiamento alternativo.



Un mapa para navegar pola educación


E Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña por último ano, foi un paso máis alá no problema do financiamento da universidade pública, debuxando un campo de batalla que ten que ver coa necesidade de abrir o mapa de titulacións. Para Meilán “Se unha universidade garante economicamente unha titulación, o criterio dunha financiamento pública non debería de ser un impedimento para a posta en marcha desa ensinanza”. Deste xeito Meilán daba por aberto un debate que, segundo o seu criterio debería ser de “un ambiente de leal cooperación”. Abofé que se espera que existan rencillas entre as Universidades (algunhas novas e outras vellas), como a polémica de audiovisuais que se disputan A Coruña e Santiago.



Pero todo isto debe ir en par cun deseño académico e integrador, que ten como punto de partida un informe elaborado pola consultaría Andersen e que foi dado a coñecer a mediados do mes de xuño logo de facer unha análise das tres institucións académicas. Un informe que falaba dunha sobreoferta en sectores como agricultura e educación, un elevado nivel de redundancias en algunhas titulacións (era o caso de enfermería que se podía cursar nos sete campus que hai en Galicia) e unha distribución irregular das carreiras ofertadas. E como sectores que había que potenciar (segundo o desenvolvemento económica de galicia) estaba o téxtil, a enerxía, o turismo e o lecer, a comunicación, a sanidade, comunicación social e audiovisual, e o comercio. E sobre todo isto tomarán cumprida nota os rectores das tres universidades galegas que xa foron convocados polo conselleiro de Educación, Celso Currás, para iniciar a análise do actual e futuro mapa de titulacións. Un plan que ten unha data: o 23 deste mes de outubro.




O primeiro dunha era


E este curso que comeza ten un novo signo, ou unha nova tendencia que é o feito de que é o primeiro baixo a polémica Lei de Ordenación Universitaria, a LOU, e que se fará progresivamente en cada unha das universidades. Aínda que cada universidade ten estipulados os seus prazos e os días das súas reunións o sistema é o mesmo para as tres. Cómpre que se celebre a primeira reunión do novo órgano da Universidade, o Consello de Goberno, que establecerá a comisión encargada de redactar os estatutos. Un paso que, malia ser o máis importante na aplicación da normativa estatal, non supón un cambio moi importante con respecto ós antigos porque só se adaptarán as directrices implicadas.



Outros flocos


Amén das características xerais deste novo curso estarán tamén as necesidades ou as particularidades de cada institución. Santiago estrea un novo rector, Senén Barro que comezará a deseñar o programa electoral no que figuraban propostas como un “Campus da Saúde”. E Vigo, Docampo deberá definir aquel proxecto seu de “Cidade Universitaria”. Á falta de que se vaian concretando proxectos como a Universidade Virtual, ata o momento, pequenos ensaios sen grande aceptacións, as novas tecnoloxías van facendo a súa aparición paseniñamente. A Universidade de Santiago xa permite unha matriculación vía Internet, que evitará moitas das colas que se producen nos corredores das unidades de xestión académica. Aínda así, quedan nove meses por diante, para ir pensando no curso 2002/2003 que acaba de comezar.