O lugar das ideas

O Consello da Cultura Galega renova a súa Mediateca web

Hoxe, o Consello da Cultura Galega renova a súa Mediateca web, tanto a nivel gráfico como no seu concepto. O novo e ambicioso servizo do web corporativo permite aos usuarios acceder a un universo de contidos culturais producidos polo CCG en diferentes soportes, desde libros ata informes, conferencias e debates en audio e vídeo. Todos os contidos son gratuítos e de libre descarga, e permiten acceder o máis completo e diversificado repositorio de publicacións, conferencias e debates sobre a cultura galega de Internet.

Desde hoxe está dispoñible a nova Mediateca do Consello da Cultura Galega, o primeiro paso do novo redeseño do web institucional. A nova Mediateca créase como almacén e repositorio do coñecemento que xenera a institución, a través das súas múltiples accións: desde publicacións, documentos e informes ata a dixitalización dos numerosos eventos (conferencias e debates) sobre os grandes temas da cultura galega e universal. Máis de 110 audios, 329 publicacións, vídeos e fichas de máis de 400 expertos son o punto de partida para a nova Mediateca do CCG.

De publicación a aplicación
Este gran cambio é a resposta a un novo concepto cultural: o incremento dos tempos de lectura e percepción de contidos en pantalla por parte dos usuarios, que nos últimos anos incrementouse sen cesar. A Mediateca refúndase para converterse nunha base de datos accesible desde calquera dispositivo, na que se poden consultar un gran número de referencias, que funciona como aplicación de apoio ao coñecemento e a toma de decisións.

Os novos libros electrónicos, pero tamén a portabilidade dos formatos multimedia, permiten aos usuarios acceder en calquera punto e con calquera dispositivo aos contidos. Ademáis, o deseño enfatiza o que a nova Mediateca considera importante: as áreas temáticas, por riba dos formatos nos que estea o contido final. Os usuarios poden recuperar a produción do CCG a partir de etiquetas temáticas e o sistema devolve publicacións, eventos, ou outro tipo de materiais.

Algo de historia (recente)
No ano 1998 o Consello da Cultura Galega iniciou o seu sitio web. No ano 2000 deu un paso decisivo: permitir o libre acceso e descarga ao inxente material de publicacións da institución. No ano 2002 o CCG decidiu incorporar tamén o seu catálogo ao nacente servizo Google Books. E no 2005 refundou o seu catálogo editorial para comezar a incorporar os primeiros contidos audiovisuais. A nova Mediateca é un paso adiante no proceso de creación de servizos culturais para os cidadáns que está a establecer o CCG.