As sondaxes no Castro das Barreiras revelan un elevado desenvolvemento agrícola antes da romanización

Está situado no inicio do casco urbano de Vimianzo

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

A piques de rematar as sondaxes no castro das Barreiras, un notable asentamento de grandes murallas próximo ao casco urbano de Vimianzo, os achados confirman a antiga orixe do asentamento. "Entre o século III e o I a.C", afirma Ángel Concheiro, responsable da escavación, "e non foi romanizado". Entre os achados máis interesantes, apareceron tres estruturas arquitectónicas de pranta redondeada, "unha delas moi grande, de 7 metros de diámetro", ou instrumentos de ferro, como unha fouce "perfectamente datada en época castrexa" ou un coitelo.

Para Concheiro, os achados teñen dúas relevantes implicacións desde o punto de vista arqueolóxico. "O feito de que non fora romanizado", asegura o arqueólogo, "é moi importante", asegura , "porque desmonta o vello mito de que as grandes murallas dos castros foron construídas en época romana". Para Concheiro, a maiores, "demostra que as comunidades castrexas xa tiñan un nivel de desenvolvemento que lles permitía facer explotacións agrarias no fondo do val, ou instrumentos coma as fouces".

As cerámicas atopadas tamén sinalan con precisión a ubicación do castro. Apareceron materiais cerámicos do estilo das Rías Baixas, pero tamén do norte da provincia da Coruña. Estes días taparanse as sondaxes feitas en agarda da decisión da administración sobre o futuro do xacemento, aínda que mentres non rematen a escavación é visitable para o público xeral. ¿Cal é o seu futuro? Para Concheiro, "hai poucos sitios arqueolóxicos tan rendibles coma este desde o punto de vista turístico e de difusión social. Este castro marca a entrada da Costa da Morte".

Que che parece esta nova?
32 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Un sol alumea nas Barreiras

Un sol alumea nas Barreiras

A segunda campaña arqueolóxica no castro vimiancés permite coñecer máis sobre o carácter e o final dun asentamento da Idade do Ferro

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Vimianzo, Morte, Arqueoloxía, Costa da Morte...