O Colectivo Fonmiñá celebra a XXIV edición da Semana de Cine de Autor de Lugo homenaxeando as realizadoras galegas

Reivindicando autoría

Hai autores e autores, mulleres e mulleres, cine e cine. De todo e para todo hai tipos. Como de xornadas e festivais que teñan o audiovisual por fronteira. Onte comezou en Lugo unha cita habitual en todos os setembros desde hai 24 anos. É a Semana de Cine de Autor en Lugo, que este ano mira en feminino.

Hai un mes ó ano no que Lugo se reencontra co cinema. Unha semana que os case 10.000 asistentes, segundo cifras da organización, se reencontran co patio de butacas, para poder gozar de un bo número de películas que, por problemas de distribución non chegan ás salas convencionais. Trátase da semana de cine de autor de Lugo que cos seus 24 anos de vida ten xa bastantes pases no seu haber. E a súa historia vai paralela á do colectivo Fonmiñá. Un grupo que leva velando polo audiovisual da cidade das Murallas mesmo antes de que se producira este repunte e despegue dos festivais por toda Galicia.



Traxectoria irregular


Desde aquel setembro de 1978 no que se iniciou a “Semana de cine de Lugo” ata hoxe algunhas cousas foron cambiando. Dos 3.000 euros iniciais cos que contaba a organización pasouse a día de hoxe, a preto duns 36.000 euros. Unha cantidade nada cuantiosa se temos en conta que o festival de cine de Ourense (que se celebra no mes de novembro e que ten un orzamento que supera os 240.000 euros). Recorda Manuel Curiel que “empezamos cun presuposto moi pequeno e fomos medrando, relativamente, e sobre todo dentro da multitude de atrancos e problemas que aínda en día hoxe temos”.



E todos eses atrancos ós que se refire Manuel son, principalmente, económicos. De feito, aínda que se cobran as entradas (a módico prezo) o festival segue dependendo das subvencións para poder realizarse. Unhas axudas que son recortadas porque, segundo afirma Manuel, “practicamente todos os cartos que hai para festivais se marchan para Ourense (o Festival de Cine Independente de Ourense, e as Xornadas de Cine e Vídeo do Carballiño)”. Para este ano tiñan prevista a presencia dalgunha das realizadoras ás que se lle dedica a sección principal, pero co custe de todas as actividades e os programas previstos resultou imposible.



O importante era “que o acto cultural máis importante da cidade de Lugo de todo o ano” non faltase á súa cita. E así foi, fiel á súa cita comezou un evento que comezou por ser un realce ó cine en Lugo, nunha cidade que cinematograficamente estaba abandonada.



Neses 24 anos de pases ininterrompidas a semana foi acollendo a etiqueta de “cine de autor”. Unha proposta que partiu de Luís Álvarez Pousa, cando era director xeral de cultura. Unha “especialización” de partiu de quen foi un dos grandes activistas ata aquela do cinema galego (que se deixou notar cunha incipiente política audiovisual a través de subvencións e medidas lexislativas coordinadas desde o Arquivo de Imaxe en Galicia) e que lle deu o salvoconducto para pervivir ata o día de hoxe.


O festival hoxe

“Nós empezamos hai case 25 anos e moita xente que forma parte deste colectivo hoxe ten fillos”. Así recorda Manuel Curiel o paso xeracional e a importancia de ir sentando raíces nunha cidade afastada da revolución do audiovisual, no que foron traballando ano tras ano ofrecendo unha programación que atendese a todo o mundo. E a “Semana” fíxoo conxugando clásicos (este ano dedicado a Billy Wilder), con cine infantil, unha retrospectiva do mellor que se proxectou no 2001, e unha sección oficial.



Unhas das novidades para este ano é un ciclo titulado “Mujeres detrás de la cámara”, no que se pretende achegar ós traballos de catro realizadoras que nos noventa romperon co monopolio masculino que se daba na dirección española. Son as “autoras” principais do ciclo e como mulleres que son nun mundo de homes, crearán discriminación positiva nesta “Semana” onde as espectadoras entrarán de balde ó seu ciclo. Son Icíar Bollaín co seu “¿Hola, estás sola?, María Ripoll e a súa “Lluvia en los zapatos”, pasearemos “Entre rojas” de Azucena Rodríguez e mesmo haberá unha obra que hai pouco que se estreou nas carteleiras, “El alquimista impaciente” da descendente de galegos Patricia Ferreira.



Pero non todo o que xira sobre o cine ía ser celuloide, e nesta edición da “Semana” hai tamén unha exposición, que fai un percorrido sobre a historia da sétima arte en España. Continúa así co “papel pedagóxico” que o colectivo Fonmiñá declara desenvolver na cidade de Lugo desde que se constituíron.



O ano que vén cumpriranse 25 anos desta celebración. Unha data ben redonda e importante e desde o organización pensan que “a 25 edición se ten que celebrar por todo o grande”. Pero iso implica moito esforzo para poder loitar contra todos os atrancos que o camiño poidan xurdir. O colectivo Fonmiñá leva moitos anos, e aínda que seguen traballando coa mesma forza e o mesmo tesón, saben a importancia que ten as colaboracións externas. É por iso que Manuel Curiel afirma “deixamos a porta aberta para todas as institucións e xentes que queiran, xa non só colaborar, senón tamén organizala”