Falece o creador, actor e director teatral Roberto Vidal Bolaño ós 52 anos de idade

De aquí, do teatro

Acaba de baixar o pano. Agora chegan os momentos dos aplausos. Roberto Vidal Bolaño, ou o que é o mesmo o pai do teatro profesional galego actual faleceu o mércores, 11 de setembro. Levouno por diante o único que non puido deter todo este vendaval creativo, un cancro. O mundo cultural galego está a valorar tan grande perda.

O dramaturxia galega chora hoxe a última función de Roberto Vidal Bolaño. O dramaturgo faleceu onte logo dunha longa enfermidade, segundo informan os seus familiares. A capela ardente está instalada no Salón Teatro, en Santiago. Hoxe a capela ardente abre hoxe as 08:00 h. O enterro será ás 16:30 no cemiterio compostelán de Boisaca.



REACCIÓNS



O mundo da cultura e da dramaturxia chora a perda de Roberto Vidal Bolaño. Aquí iremos recollendo as declaracións de amigos, actores e personalidades sobre o seu pasamento.




Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia

A asociación "lamentou profundamente" o pasamento de Vidal Bolaño. Expresou o seu sentimento "pola perda dun dos pilares básicos da historia e do presente da cultura galega". Para a asociación, "Roberto Vidal Bolaño deixará unha pegada difícil de borrar ó considerar que a súa dramaturxia está á altura dos grandes escritores da lingua galega".



Manuel Bragado, editor (Edicións Xerais de Galicia)

“A morte de Roberto Vidal Bolaño é unha noticia tristísima que nos enche de desacougo. Supón a desaparición de unha figura importantísima; sen él non sería posible o teatro galego dos últimos trinta anos. Como autor, contaba ademais cunha indubidable aceptación do público: podemos constatar que “Saxo tenor” é dos poucos títulos reeditados do teatro galego. Ademáis Roberto destacou noutras moitas facetas: como promotor, como director teatral, mesmo adaptando textos de outros autores. O que nos consola é que seguirá vivindo, na escena, no legado das súas obras que nos quedan.”




Grupo municipal do BNG do Concello de Santiago

O grupo local do BNG en Santiago destacou que a cidade vén de perder un veciño que exerceu a súa profesión e creatividade "coa liberdade como único obxectivo" e apostou pola "formación de base" coma o futuro do teatro en Galicia.



Xulio Lago, director


“Roberto Vidal Bolaño é o referente principal do teatro neste país, tanto desde a perspectiva de director e escritor como a de actor e empresario. Roberto, xunto con outras persoas, foi quen iniciou a nova etapa do teatro galego, a que vivimos agora. A súa obra valorarase en maior medida en canto haxa unha maior perspectiva, co paso do tempo. Era unha persoa querida, pero descoñecida para unha gran parte da poboación que non vai ó teatro -porque tampouco convén que vaia-. Esa masa social accederá ó coñecemento da obra de Vidal Bolaño cando el, como autor, sexa tratado socialmente como merece.”



Euloxio Ruibal, dramaturgo


“Neste momento sinto sobre todo a perda dun compañeiro, dun representante digno do teatro de Galicia. A súa traxectoria teatral é decisiva e fundamental no teatro galego dos últimos vintecinco anos. É un baleiro difícil de encher. Era unha persoa tan polifacética: o seu traballo abranguía desde a escritura de obras ata a dirección, pasando pola actuación, e chegando mesmo á escenografía. Roberto era un home de teatro total.”




X.M.Olveira "Pico", actor e ex-presidente da Asociación de Actores


"Sinto a perda dun amigo e de quen eu considero o dramaturgo galego máis
importante da segunda metade do século XX", explica o popular intérprete.
"Roberto era un home moi traballador e querido; en ocasións polémico, pero
respetado por toda a profesión, polo moito que se lle debe: el foi un dos
pioneiros da profesionalización do teatro en Galicia". Con él pérdese "unha
voz moi crítica". Para o futuro, Pico agarda que "Vidal Bolaño sexa un dos
autores máis representados a nivel de todo o Estado, porque nos últimos
anos estaba escribindo obras dunha enorme valía".



Consello da Cultura Galega


O Consello da Cultura Galega "lamentou profundamente" a morte do dramaturgo. Segundo a institución, Bolaño foi un "renovador incansable do teatro" e manifestou que "as súas múltiples facetas profesionais -actor, dramaturgo e director- foron fundamentais para avanzar no soño da normalización teatral de Galicia".



Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM)

A institución que ía acoller o vindeiro espectáculo de Vidal Bolaño manifestou que "o teatro universal perde desde Galicia a un home de enorme talento, que destacou tanto como autor, director e actor, pioneiro e veterano da escena galega". Dende o IGAEM, "recórdanse especialmente no IGAEM tódolos proxectos compartidos ós que el prestou sempre a súa inesgotable creatividade e profesionalidade sen tacha ó longo dos últimos anos; e que fixeron valorar tanto a súa capacidade artística como a súa elevada cualidade humana".