As Luces do Alén

O Arquivo da Emigración Galega presenta un ambicioso catálogo en liña para descubrir o patrimonio educativo da emigración

Desde esta mesma mañá, pódese consultar en liña o proxecto As Escolas da Emigración, unha ambiciosa iniciativa dixital para inventariar, xeolocalizar e documentar o patrimonio educativo fundado polos emigrantes galegos en América desde finais do XIX e as primeiras décadas do século XX. O proxecto revela a confianza daqueles emigrantes na educación e na ciencia como ferramenta para o progreso de Galicia e o esforzo económico co que abordaron a empresa.

Estímase que en Galicia hai máis de 220 escolas fundadas por emigrantes entre finais do século XIX e a Guerra Civil. A través de Sociedades Instrutivas, creadas na emigración, obtiñan fondos para a edificación, dotación e contratación de Mestres que iniciaron, en Galicia, unha concepción moderna da educación. Nela, prestábase máis atención ás ciencias, á cultura xeral, á hixiene e mesmo á educación física. O obxectivo era conseguir o progreso das persoas e de Galicia a través da formación que os emigrantes percibiron que lles faltaba cando marcharon alén-mar.

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, mercé a un convenio coa Secretaría Xeral da Emigración, está a localizar, inventariar, e mesmo a erguer en plano estes antigos edificios. A través dunha aplicación aberta e en liña concebida no Consello da Cultura Galega os usuarios poden explorar as antigas escolas: poucas continúan coa súa función educativa inicial, pero moitas continúan en mans das parroquias e dos concellos, reconvertidas en espazos sociais, culturais ou administrativos. Unha porcentaxe delas, con todo, atópase en ruínas. O número non está pechado: durante a investigación, o Arquivo da Emigración Galega está a localizar aínda máis, inéditas. Polo momento, os visitantes xa poden coñecer as fichas e os detalles de 113 escolas das provincias de Lugo e Ourense. E en proceso de catalogación atópanse xa un número importante de edificios que se irán publicando ao longo de 2010 e 2011. Tamén a exposición As Luces do Alén, baseada na investigación realizada polo Arquivo da Emigración Galega.

O proxecto pódese consultar no seguinte URL: http://mapas.consellodacultura.org/escolas