Blanca Cendán: “Este é o meu soño”

O comité asesor da directora do CDG reunirase por primeira vez o vindeiro día 14

É a primeira directora do Centro Dramático Galego por méritos propios. Chega cun proxecto debaixo do brazo que pretende achegar o buque insignia da dramática galega cara o musical e o teatro de rúa. Blanca Cendán non estará soa, descúbrenos ao seu equipo asesor formado por sete persoas, que tentarán axudala a xestionar un Centro Dramático que poñerá o énfase na coprodución en detrimento da produción propia.

¿Cales son as ideas principais dese proxecto que presentaches ao concurso de méritos polo que fuches elexida directora do CDG?
Antes que nada, teño total liberdade para desenvolver o meu proxecto. O conselleiro (Roberto Varela) díxome que teño toda a liberdade artística pero todo o control financeiro. Este ano teremos 200.000 euros menos no segundo semestre e quero ser realista con esta nova cifra. Neste mes que levo de traballo estiven vendo que é que se pode facer. Con respecto a unidade de produción (é dicir, os espectáculos que se fan desde o propio Centro Dramático Galego), faremos Salomé e, o vindeiro ano, o musical xa anunciado (A ópera dos tres peniques). O CDG hoxe non se pode permitir dúas ou tres producións propias como se viña facendo con anterioridade. Creo que se pode facer unha produción ben orzamentada e logo un par de coproducións con outras entidades. Ao incrementar o orzamento podemos pasar de 20.000 euros a 80.00 ou a 120.000 euros e iso significaría tamén poñerlle o Selo CDG. Implicaría incrementar o número de días nas xiras, máis presenza na sociedade, máis cartos e máis apoio do CDG que pasa a ser unha parte activa na distribución do espectáculo, antes en man das compañías.


A colaboración parece que ser unha palabra clave no teu mandato...
Nós queremos facer as cousas ben e non lanzarnos a facer iniciativas que logo non poidamos manter. No sistema de coprodución daremos opción a máis compañías e máis proxectos. Pero buscaremos colaboración en todos os ámbitos. Por exemplo, para A ópera dos tres peniques levaremos a cabo un convenio de colaboración coa Real Filharmonía para o apartado musical. Non está aínda pechado pero si hai disposición para levar adiante este proxecto e hai músicos que están moi motivados. Ademais, debería levarse a cabo en prazas e escenarios grandes nos que haxa un foxo para que se poidan meter os músicos e facer o espectáculo con garantías. Falamos do Palacio da Ópera de Coruña, Narón, Vilagarcía… ao mellor non será unha xira tan longa pero estaremos máis días neses escenarios.
_____

O CDG INCREMENTARÁ AS COPRODUCIÓNS CON OUTRAS ENTIDADES. HOXE NON NOS PODEMOS PERMITIR DÚAS OU TRES PRODUCIÓNS PROPIAS COMO SE VIÑA FACENDO CON ANTERIORIDADE
____

Relacionado con iso, unha da críticas ao CDG é que pasa moito tempo no Salón Teatro e logo fai unha xira moi pequena
Non estou de acordo. Está so catro semanas, con 3 días semanais o que significa 12 funcións. Menos non se pode estar. Se falamos da xira é outra historia porque depende de moitas variables, como son o modelo de contrato do actor que non pode superar os seis meses, e outros trámites burocráticos. Pero iso é algo que se ten que xestionar desde outro lado.


Volvendo ás coproducións ¿podería ser con compañías públicas?
Niso estamos. O día 21 de xuño asistirei a unha reunión do Ministerio de Cultura, con responsables do INAEM e dos organismos teatrais máis importantes de toda España, e tentaremos ver como solucionamos todo isto. Todos sabemos que temos crise e haberá que ver que se pode facer de xeito conxunto.

Na túa presentación, o Conselleiro apuntou que un dos retos pasaba polo incremento de público. Hai xa feitos estudos e enquisas, así como algunhas propostas… cales consideran que poden ser as estratexias durante a túa dirección?
Hai que consolidar o que xa existe porque é unha realidade que os espectáculos do Centro Dramático Galego teñen público. Se ademais desenvolvemos novos xéneros como o musical e o teatro de rúa, penso que por aí si virá xente nova. Tamén é certo que me gustaría aclarar que aínda que está moi de moda o teatro musical non me interesa a vertente comercial, senón a vertente de calidade e estou pensando aquí en todo o traballo de Mario Gas, por exemplo. Este é o soño da miña vida. Tal e como temos bos coreógrafos, músicos, actores-cantantes, fáltanos un director de musical e imaxino que o teremos dentro duns anos, pero hoxe temos que traelo de fóra.

__

SE DESENVOLVEMOS XÉNEROS NOVOS COMO O MUSICAL E O TEATRO DE RÚA PENSO QUE CONSEGUIREMOS ATRAER A XENTE NOVA
___

Apuntaches nalgunha ocasión a importancia do público infantil, ¿vai ter un programa específico?
Quero traballar na captación de público infantil e adolescente. En Salomé hai a proposta, para o que contaremos coa colaboración da concellaría de Educación de Santiago, de facer unha unidade didáctica a través dun cómic para que coñezan a literatura de Óscar Wilde. Pero non só co concello de Santiago, senón tamén en Ferrol con Roberto Taboada. É captación de público novo que será o público do día de mañá.

Sempe destacaches a importancia do proxecto formativo, ¿van seguir adiante iniciativas como Dramaturxias de actualidade e o Centro de creación dramática?
Non sei se para este ano, pero si para o que vén porque supón unha aposta pola formación e por autores e directores novos. En formación continua quero aproveitar a presenza de directores para facer unha especie de master class cos directores e especialistas convidados para que os actores que non foron seleccionado nos cásting poidan coñecer o seu traballo. Creo que a SGAE está a facer un labor bastante interesante e se está a mover nese sentido pero hai que tirar máis por aí.


Estabamos nun momento creativo a nivel de producións e de recoñecemento, e neste contexto agroma unha situación económica complicada que parece non vai ser temporal. ¿Cómo se vai xestionar esa situación coa responsabilidade do CDG de ser o motor do teatro?
Temos que resolvelo con moita imaxinación, que a baixada de orzamento non leve proxectos por diante. Haberá que buscar novas maneiras de desenvolvelo. Sei que as compañías están axustando cachés, porque non se pode seguir así e o primeiro que se cae é a cultura. Non sei como pero tentaremos que continuar cara adiante con todos os proxectos en marcha.

____

ALFONSO PATO, GERARDO PEREIRA MENAUT, XAN CEJUDO, KUKAS, ROBERTO TABOADA, ANA VALLÉS E CARLOS NEIRA CONFORMAN O EQUIPO ASESOR QUE SE REUNIRÁ POR PRIMEIRA VEZ O DÍA 14
____


Tendo en conta a crise ¿non choca falar de facer unha xira internacional?
É complicado pero creo todo se pode facer a través de intercambio. Son partidaria de investir en viaxes, en cultura… en coñecer xente que abrirá portas para máis adiante. Non sempre se cobren todos os gastos, pero pode haber un acordo. Neste sentido, quero manter unha liña con Berlín, porque vivín alá e coñezo moita xente do eido teatral cirquense e cinematográfico e quería establecer unha ponte, pero será para o ano que vén.

¿E Sudamérica?
O meu obxectivo principalmente é Europeo porque penso que os proxectos europeos son máis factibles. Levar unha compañía a Brasil e a Arxentina é moito máis custoso. Imos intentalo todo porque hai boa disposición e imos artellar todas as maneiras posibles.

Cales son os grandes retos do CDG a día de hoxe?
Agora mesmo estamos na elección dos actores por casting, porque existe moita xente que non coñecemos aínda. Nesa liña, teño prevista unha viaxe á ESAD a facer unha visita aos novos actores e as novas propostas de teatro; sitios como Espazo Aberto, a escola de teatro de Narón… e hai que ver moitas cousas.


Como vai funcionar o comité asesor? ¿Vai cobrar? ¿Con que periodicidade se vai reunir?
Reunirémonos por primeira vez o 14 de xuño. Está composto por Alfonso Pato (pola súa implicación rural e social que eu quero trasladar a Santiago e implicar á cidadanía); Gerardo Pereira Menaut (pertence ao Observatorio do territorio galego que contempla a nivel paisaxístico); Xan Cejudo; Kukas; Roberto Taboada (pola súa implicación e intercambio de programación e coñece moi ben a rede), Ana Vallés (polo seu traballo en teatro de rúa co en Pé de Pedra) e Carlos Neira (por Espazo Aberto e polo seu traballo de introducir novos públicos). A periodicidade virá marcada pola urxencia. Primeiro haberá unha presentación na que lle contarei as propostas para este ano e pedirei asesoramento. Como é lóxico non están en nómina e cobrarán dietas.


O feito de ser unha directora que dirixe e non, estás prepara para asumir o risco de que o director faga iso que se esperaba del
Por suposto. Coñezo á xente coa que quero traballar pero tamén hai que arriscar. En principio non contemplo dirixir, pero no futuro, ao mellor no ano terceiro ou cuarto ano, dirixo. Nunca se sabe. Eu empezo con moitas ganas, con todas as consecuencias e que é marabilloso.