N+1 convértese en profesional, logo de constituirse como empresa

Teatro reconvertido

N+1 xa son profesionais. Acaban de deixar de ser unha compañía de teatro afeccionado para converterse nun grupo que debe, pode e vai a vivir do teatro como unha forma máis de gañar o pan. Por detrás unha chea de traballo, de papelexo e de contrasentidos para poder facer do seu oficio, beneficio.

O Estudio de Teatro N+1 son unha asociación cultural fundada en 1998 que se dedica ó teatro. E en tan pouco tempo xa ten no seu haber máis dunha vintena de montaxes, o que supón unha cifra nada desdeñable para o que é unha formación de carácter afeccionado. Pero desde hai un temporada N+1 tiña previsto darlle un novo aire á súa compañía, ofrecer unha nova actividade cultural, como contacontos, montaxes escenográficas de todo tipo, e sobre todo, atopar unha rendibilidade a un traballo que implica dedicación. E a isto chámaselle profesionalizarse, facer disto unha forma de vida. Algo así como a canción do verán, que se repite a cotío nos centos de compañías profesionais. Grupos que habitualmente traballan nos ratos libres coa esperanza de que a súa situación cambie (e con ela a forma de ver o teatro en Galicia). E esta cantata leva algo de seu que é o que implica facerse profesional en Galicia.



Pero nun país no que o teatro se mantén a cargo de subvencións e de cartos públicos, dado que a presencia do público ás salas é moi minoritaria e restrinxida, cómpre cumprir os requisitos que marca a lei. E para poder acceder ás subvencións que aporta o IGAEM o camiño obrigado é a profesionalización. De feito, nas bases da convocatoria 2002/2003 para a celebración de convenios de producción ou distribución de espectáculos teatrais recentemente publicada aparece, no primeiro requisito a necesidade de “xustificar documentalmente a súa profesionalidade”. O que demostra que se non presentaches unha montaxe de forma profesional non podes acceder a esas axudas. E facelo precisa dunha evidente producción que, obrigatoriamente, implica cartos. É a pescada que se morde a cola.



O camiño empresarial




A situación que vive hoxe en día N+1 é análoga á que están a pasar numerosas empresas en Galicia, sexan do tipo que sexan. E iso implica pasar por un trámite burocrático complexo e custoso. A inscrición no IAE, a definición de sociedade (coas características económicas que se precisa para cada tipo), o número de socios e de traballadores, desenvolver un estudio económico de viabilidade do proxecto, as instalacións previstas.. unha serie de actuacións que pouco teñen que ver coa dinámica creativa e productiva que un espectador medio ve logo na posta en escena. E un traballo preciso para que se poidan conseguir as subvencións que aseguren a celebración dos espectáculos. Unhas axudas que, por outra parte, pretenden garantir que os cartos públicos que se destinen sirvan para contribuír a difundir unha práctica teatral cunhas mínimas garantías, xa non só de éxito, senón tamén de calidade. Pero nisto das artes escénicas resulta difícil discernir e separar números e calidade, cuantificar o cualitativo.



E para esas axudas do IGAEM antes hai que presentar unha montaxe. N+1 xa ten a súa, titúlase “Ella, el e Pirandello” que xa tivo unha primeira posta en escena aínda que con carácter afeccionado. Iniciados xa no trámite administrativo de constituírse como empresa, a próxima vez que se poñan na pel dos protagonistas farano de xeito profesional. Logo terán que esperar para saber se as axudas públicas lles axudan a conseguir o seu obxectivo que é ofrecer espectáculos de calidade.