As distancias físicas (e psicolóxicas)

Os museos de arte contemporánea acoden ás colaboracións para a saída ante a crise

A vindeira semana o MARCO abrirá unha exposición que traballa cos fondos propios do CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporánea. 89km é o título desta mostra que fai referencia aos quilómetros que separan ambas cidades e anticipa o que pode ser unha vía para o futuro.

“A verdade é que as veces facemos grandes esforzos en traer e montar exposición con moitas obras de fóra e chegou un momento en que pensamos que temos a colección do CGAC, que leva case vinte anos e nunca se amosou en Vigo e que é unha colección de todos os galegos e galegas”. Así de sinceiro é Iñaki Martínez-Antelo, director do MARCO e promotor desta iniciativa que pretende sacar dos almacéns a colección de arte pública máis importante de Galicia. A súa idea, formulada desde hai moitos meses, coincide ademais coa intención de Miguel von Hafe de “dar a coñecer os fondos propios da institución, que se fixo dun xeito de urxencia con Espectral e que continúa agora con esta exposición no MARCO”. Non é só unha exposición que pretende sacar do almacén as obras que durante anos se foron arquivando e mercando, senón que marca unha colaboración entre as dúas entidades.

As colaboracións entre CGAC e o MARCO
Un é municipal, o outro autonómico. Un conta con colección propia e o outro alberga en depósito oito pezas da acaba de iniciar colección da feira de arte contemporánea, Galicia atlántica. Un conta con sete anos mentres que o outro está a piques de cumprir os vinte. E como similitudes, ambos os dous teñen un director electo por concurso de méritos e nos seus obxectivos figura a divulgación e investigación na arte contemporánea. Sen embargo, nos anos de convivencia xa teñen unha pequena historia común. O Proxecto Edición (no que tamén estaba implicado a Fundación Luís Seoane da Coruña) foi a primeira vía de colaboración estable entre ambos centros e, malia que a iniciativa de produción, exposición e investigación como aquela non parece volver repetirse, “estamos abertos a calquera proposta” apuran a contestar (por separado) ambos directores. Sen embargo, sobre a mesa non hai ningunha outra proposta que non sexa a que está en marcha. “A verdade é que resultou moi interesante e enriquecedor a exposición de 89 km e non só no que atinxe a contar cunha mostra senón ver xente do CGAC traballando aquí, compartir ideas para o catálogo…” explica Iñaki Martínez Antelo. Un entusiasmo compartido por Miguel von Haffe que fala dunha “exposición ambiciosa que fai unha interpretación desde unha comisaria externa”.

Desde o MARCO teñen claro que “podería ser un bo punto de partida” xa que, para Martínez Antelo, “son moitas as colaboración con institucións galegas e estranxeiras que establecemos, pero agora mesmo coa situación económica que temos todas as institucións están moito máis abertas aínda que cada unha quere ter marcada a súa liña de programación e os seus intereses e moitas veces non é doado”. Nese sentido, tanto Iñaki como von Haffe advirten o feito de que as colaboracións que xurdan no futuro non serán de levar unha exposición dun sitio a outro. “Non hai distancia suficiente que o xustifique de feito, sería máis doado mover a xente en autobús que a propia exposición” apunta o director do CGAC. En todo caso, esta exposición é a única colaboración que ambas entidades teñen asinado a curto e medio prazo.

As colaboracións con outras entidades
A golpe de convenio, os centros de arte contemporánea do país aclaran por escrito o que lle corresponde facer a cada un. “Non hai outra fórmula posible” coinciden os dous directores. E baixo esa fórmula xurídica foron todas as colaboracións que os centros realizaron nos últimos tempos: como o MAMBO, co Gulbekian, co FRAC Lorraine de Metz…. e as que lle esperan. O CGAC está a piques de inaugurar unha mostra que resulta da colaboración desta institución co Xacobeo e co Auditorio de Santiago e que permitirá a Rubén Santiago reinterpretar a cidade de Santiago. Ademais, entre a colaboracións prevista para o futuro destaca unha coa Fundación Granell para celebrar o centenario do nacemento do artista, ao tempo que se está a traballar cun profesional para abordar a arquitectura contemporánea. Ademais “hai esa vontade co tecido institucional galego e cos profesionais de diferentes áreas” apuntou Miguel. A clave, na colaboración con outras entidades está no que Martínez Antelo deixa moi claro “compaxinar os intereses de cada unha da partes implicadas”. No caso do MARCO está pendente de inaugurar unha gran exposición sobre Virxilio Viéitez que despois viaxará a Madrid da man da Fundación Telefónica. O seu director explica que “cando temos un proxecto enriba da mesa, estudamos a viabilidade e en moitos deles vemos a necesidade de ter que contar con outra institución para levalos a cabo. Case todos os proxectos que coproducimos ata o momento foron xestados desde aquí. Só aceptamos outras iniciativas que viñan de fóra pola oportunidade entrar nesta itinerancia, que viña todo feito e producido (como foi o caso da exposición de Cándida Höffer)”.
Ligazóns