A primeira edición de Titirideza pretende servir de sede os monicreques

Fíos de marioneta

Monicreques de fíos, luvas, varas e variñas; historias cómicas entre a moralidade e o lecer; porta de aberta ó teatro que divirte a grandes e a nenos. Os monicreques seguen sendo esa arte menor, a irmá pequena e pobre do teatro, que abre a porta dun mundo imaxinario. Estes días están no seu museo que ten a súa sede en Lalín nun evento que dan en chamar Titirideza. Ábrese o pano.

Son herdeiros do estremeño José Silvent, máis coñecido como Barriga Verde, controlado pola censura polo ton seu espectáculo, entre culto e moral, que levaba ás feiras das vilas de Galicia. E algo dese espírito bohemio e aleccionador conservan os monicreques
hoxe en día. Xa non son dúas ou tres compañías, tampouco moitas máis, pero van tendo espacios de representación propios (a sala Yago en Compostela) e gozan de varios certames anuais (en Santiago, Pontevedra e Lugo, que proximamente pretenden levar ata Ourense). E ós irmáns pobres do teatro acáballes de saír outro escenario para delicia de grandes e pequenos. O novo espacio é en Lalín e chámase Titirideza.



Titirideza




Durante nove días, dez compañías achegarán polas vilas e prazas da localidade pontevedresa diferentes representacións titiriteiras. Un espectáculo que naceu, segundo o responsable do festival Damián Paío “para darlle máis actividade a un apartado que estaba máis inactivo, así como o teatro conta xa con máis público a miúdo, decidiuse de
facer no verán un festival de marionetas
marionetas; e que sirva para ocupar un pouco máis o lecer
no pobo; para que non queden desatendidos os rapaces”.



Pero non é casual que sexa en Lalín onde se desenvolva esta pequena homenaxe ós títeres no verán. Xa que desde hai dez meses alberga o Museo Galego da Marioneta. Unha iniciativa que xurdiu dun convenio entre o Concello e as compañías lalinenses, Seisdedos e Viravolta, polas que o concello lles cedía unhas instalacións a cambio de organizar actividades (con carácter permanente e temporal) para nenos. Neste marco xurde esta iniciativa con vocación anual e que supón un pequeno experimento. De feito, Paío recorda que “nós neste momento o que quixemos foi invitar ás compañías galegas, para logo outros anos, despois de ver o que fallaba e mirar os defectos poder invitar a compañías de fóra para amosar cómo se traballa noutras comunidades”.




Programa




Pero o espectáculo non é nada improvisado. No cartel figuran case todas as compañías de marionetas que agora mesmo moven os seu espectáculos Spaguetti, Malabaranda, Monicreques de Kukas, Viravolta títeres, Títeres Cascanueces, Títeres Cachirulo, Títeres Trompicallo, Tres Globos, Artello T. Alla Scala, Miro Magariños, que desde este domingo desfilan polas rúas lalinenses.




E o programa é moito máis que as exhibición dos espectáculos. Están as exposición permanentes do Museo de Marionetas, que son as que están
todo o ano no propio museo, que son inclúe unha pequena colección de marionetas artesanais, procedentes de diferentes partes do mundo, así como a colección cedidas por outras compañías xa extintas en Galicia e os bonecos construídos por Viravolta para os seus espectáculos. Desde o sábado, os monicreques de máis actividade e antigüidade que hai en Galicia, os de Kukas, colgan nas paredes do Museo Municipal Ramón María Aller. Unha mostra que foi creada hai cinco anos cando os seus monicreques e bonecos cumpriron vinte anos.



E logo hai un apartado destinado a cursos para achegar as marionetas dun xeito moito máis pedagóxico para achegar a dinámica da propia arte. Durante o festival, e aproveitando que estamos en tempo de vacacións, comezou un curso para nenos de 7 a 10 anos. Pero non será o único, segundo os cálculos de Paío, “haberá outro curso en novembro ou en outubro específico para monitores de tempo libre”. E por último, completando o nivel de especialización haberá un terceiro obradoiro para profesionais titiriteiros, que está pendente de confirmación por parte dun persoeiro recoñecido no mundo dos monicreques.



E para levar adiante este programa os organizadores, o Concello e o Museo, contan cuns 18.000 euros que lles chegan desde o Igaem, a Dirección Xeral de Cultura e logo o propio Concello.