Comezan as Xornadas de cine e vídeo de Galicia con maiores atrancos

Cine sen interrupcións

Un ano máis as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (as Xociviga) chegan á súa cita. Con máis atrancos que nunca, pero facendo forzas de fraqueza para facer desta a súa edición de transición, que dea paso a unha etapa máis sólida e consolidada. Unha liña na que Portugal terá moito que dicir.

Se existe unha palabra que pode definir ás Xornadas de Cine de Vídeo de Galicia, as coñecidas como as Xociviga, é a súa irregularidade. Nas dezasete edicións que comprenden a historia deste emblemático punto de encontro de xenios e artesáns do cinema houbo momentos desiguais. Lonxe quedan as xornadas de encontro, con mesas de debates nos que ilusionados homes como Carlos Velo e Chano Piñeiro poñían a andar o xermolo do audiovisual en Galicia. Se cadra algo deste espírito de dialogado, de debate pretenden arrincar esta nova edición das Xociviga, un pouco sendo fieis ós seus principios, presentando un programa con seminarios e mesas redondas. E facéndoo con máis atrancos que nunca. A pouco menos dun mes que se botara a andar esta edición, os mozos que viñan organizando o evento, decidiron tirar a toalla. A batalla coas institucións pola falta de subvencións (na edición do ano anterior a Consellería de Cultura retiroulles a súa axuda), o desánimo e a existencia de atrancos e barreiras de todo tipo foi minando a súa moral e decidiron desistir.



Pero esta é a lexislatura do audiovisual, a da posta en marcha da lei que regula este tipo de actividades, a do empeño da Xunta a través de cinco consellerías por facer do audiovisual que está en cernes un sector de negocio productivo. E non podía ser que un dos cimentos nos que se asenta o audiovisual galego caese do calendario. E o encargado de poñerse man á obra foi o Concello do Carballiño, que puxo á fronte a todo un experto no tema, Anxo Santomil (presidente da Federación de Cineclubs de Galicia), para que lidiase unha batalla contra o reloxo non só para que as Xociviga non desapareceran, senón tamén para que seguisen sendo fieis á súa cita. E todo para que desde hoxe Carballiño sexa capital do cine e do vídeo por uns días.



E Santomil bateu o pulso económico rabuñando cartos do Concello (9.000 euros) e á Xunta (6.000 euros) creando o que el definiu como “ unha edición de transición, na que pretende que o contido e o espírito desta edición das Xociviga estea orientado a conseguir un modelo de certame, de identidade cultural ben definida, baseado na producción cinematográfica galego-portuguesa”. Aínda así a memoria é traicioneira ás veces, e hai quen non esquece que este presuposto está lonxe dos sete millóns que houbo hai uns sete anos. Con todo, desde hoxe e ata o vindeiro 10 de agosto Carballiño celebrará as súas Xociviga.




Futuro




E se estas xornadas pretenden ser de transición, iso implica que se van a sentar as bases do que serán o ano que vén. E iso pasa, en primeiro lugar, por asegurar un organizador que garanta a existencia deste evento anualmente, para que situacións como as de este ano non se volvan repetir.

Esa garantía de futuro está contemplada dentro do programa, que inclúe unha xornada para constituír un Padroado; “Que se pretende que estea configurado, segundo explica Santomil, polas institucións públicas, sobre todo o que é a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a deputación e o propio Concello. E no que poidan estar integrados entidades culturais cinematográficas como a Federación de Cineclubs de Galicia e o Cineclub Carballiño. E isto co fin de consolidar as Xociviga”.



Pero ese futuro pasa polo día de hoxe, onde se inicia unha nova liña, allea ó que foi o propio espírito das Xociviga e que atende á inclusión do audiovisual de Portugal, como un espacio de creación, producción e distribución común. E así este ano o programa contará coa exhibición de cine luso (tanto longametraxes -“Capitães de abril”, de María de Medeiros; “O bobo” de Luís Álvaro de Morais; “Fintar o destino” de Fernando Vendrell; e “Tempos Dificeis” de Joao Botelho-; curtametraxes – “Cinemmamor” de Jacinto Lucas Pires; e Animación “A suspeita” de José Miguel Ribeiro).



Aínda que estas Xociviga pretenden ser de transición cara ese novo espacio común que se pretende desenvolver, ten algo de vello, do bo daquelas Xociviga iniciais que servían de punto de encontro de ideas, de problemas e de centos de historias arredor das diferentes facetas do audiovisual. E todo isto vólvese a recuperar cos encontros e coas mesas de debate que agrupan en torno a tres ideas principais. A primeira está relacionada con dirección e producción cinematográfica e impartiráa José Luís Cuerda logo da proxección de “A lingua das bolboretas” (que dirixiu) e “Los Otros” (filme de Amenábar que produciu). A segunda das mesas de debate aborda “o circuíto alternativo: o intercambio de cinematografía nacionais e circulación e exhibición” para o que contarán coa presencia de representantes do sector de portugal, cataluña, francia, italia e da International Federation Films Societies. A terceira aborda a coproducción e distribución cinematográfica Galicia e Portugal, na que participan profesionais de ambos lados do sector.




Premios




Como toda festa do audiovisual que se precie non poden faltar os premios e os galardóns para premiar as produccións e creacións. Uns galardóns que se subiron de contías económicas gracias á participación do Festival de Cine de Ourense e a Federación de cineclubs, que pretende así crear unha liña de conexión entre ambos certames para darlle á provincia unha certa importancia no sector. E así convocaron dous premios.



Por unha banda, o primeiro premio de guións cinematográficos Galicia – Portugal que ten dous premios. Un primeiro dotado con 1.800 euros (con 6.00 euros máis do Festival de Cine para a producción do guión que se estreará no festival do 2003) e un segundo premio de 1.200 euros.



Pola outra, convocaron tamén o primeiro premio curtametraxes Galicia e Portugal dotado con 3.000 euros.



Ademais, o acto de entrega destes galardóns (que será o 10 de agosto) fallarase tamén o 5º premio Chano Piñeiro de traballos escritos sobre
sobre a Galicia Cinematográfica, dotado con 3.000 euros.


Programa das Xociviga.
Para que non perdas ningunha das actividades organizadas nas Xociviga, aquí tes o programa do evento.