Un torrente creativo

Unha exposición sobre arte e política abre unha nova etapa no Torrente Ballester

A ousadía do bufón
A ousadía do bufón
Os libros de visitas dos centros de arte adoitan conter comentarios agradecidos e positivos sobre as exposicións. Sen embargo, o que hai no Centro Torrente Ballester de Ferrol está lonxe da amabilidade e recolle a incomprensión dunha parte da cidadanía a un centro que escribe unha nova etapa. “Ese libro é xa unha obra de arte en si mesma” responde Susana Cendán, experta en didáctica da arte, que sabe que os proxectos sempre necesitan un tempo. O Centro Torrente Ballester enfía un prometedor camiño que se abre con A ousadía do Bufón, unha exposición sobre arte e política.


Resulta valente e arriscado que a primeira exposición dun centro situado na cidade na que naceu o caudillo relacione conceptos non sempre ben entendidos como a arte e a política. E máis aínda cando nesta exposición titulada A ousadía do Bufón (comisariada por Javier Tudela) exista unha instalación que propoña un centro cultural Francisco Franco que acolle, entre outras cousas, representacións caninas coa cara do ditador. “Non tiña unha intención polémica, senón que queríamos recoller que algún momento da nosa vida, sexa política ou non, todos temos unha parte de bufón” explica Susana Cendán, responsable de programacións. Pero non é ese o contido que ofendeu a algúns de visitantes que se recollen no libro destinado para público senón que se inclúan como obxectos artísticos elementos cotiás (nesta primeira exposición hai unha lavadora) moi frecuentes desde hai décadas nas tendencias contemporáneas. “Tíñase que ter feito moitos anos antes” puntualiza Susana Cendán, que pola súa ampla traxectoria no mundo da pedagoxía e na didáctica da arte contemporánea (traballou no CGAC e posteriormente foi voluntaria no MOMA e no Metropolitan en Nova York), e sabe que para iso precisa tempo. E mentres chega, está a perfilar un proxecto moi pensado para o centro e no seu contorno.

Un centro integrado
Susana sabe que “programar en Ferrol non é o mesmo que facelo na Coruña e, ademais de ter un contexto diferente, hai que ter en conta as particularidades propias do edificio, que neste caso é fantástico”. A rehabilitación feita no Torrente Ballester respecta o seu antigo uso (foi un hospital) e é o eixe sobre o que pivota a programación. O proxecto museístico distingue entre o espazo Antigo e Novo do Centro no que teñen lugar as exposicións de carácter xeral, que se complementan coas salas Máximo Ramos e a de Proxectos. A primeira nace coma un espazo no que amosar, ben de maneira individual ou propiciando xogos de interrelacións, os abundantes fondos de pintura e gravado do Concello. “É o que todo o mundo chama colección do concello pero que non é tal porque non ten un criterio por detrás, senón que é un sumatorio de obras que inclúen desde curiosidades ata obras de artistas como Bello Piñeiro ou Soutomaior, e sobre o que procuro darlle a volta para sacar cousas interesantes ao tempo que exhibimos as pezas”. A chamada agora Sala de Proxectos, que era o antigo centro de documentación e depósito de cadáveres, é unha sala abovedada na que “pretendemos darlle cabida ás propostas máis heteroxéneas e alternativas” explica a responsable de programación. Foi o sitio no que expuxo Victoria Diel e “é o lugar onde quere expor todo o mundo”.

A liña plural, diferente e interrelacional con outras disciplinas artísticas contemporáneas (con especial atención ao deseño) que pretende Susana para o CTB apréciase no deseño da programación que fixo para este ano, no que hai un pouco de todo. Coa mostra de Suso Basterrechea (Espazo Antigo e Novo) “exhibiremos unha faceta menos coñecida del: a de debuxante”; con Agar Fernández (Sala de proxectos, ata o 31 de marzo) achégase ao deseño de moda; e os grafitis e as manifestacións urbanas entrarán da man de USA Today (do 17 de xullo ata o 31 de agosto). Iso ademais do diálogo constante con outras institucións que o CTB pretende relanzar para o futuro.

Ademais, tamén dispón dunha zona de lectura en que o visitante poderá consultar os catálogos en curso, revistas especializadas así como aqueles fondos bibliográficos que desde a Concellería de Cultura ou o mesmo Centro se viñeron editando ao longo de todos estes anos de vida da institución. Alén do traballo expositivo, o centro desenvolve tamén un intenso labor de catálogo e de actividades. E todo isto con 200.000 euros que é o presuposto que o concello destina para este centro co que realizan actividades, exposicións, catálogos e todo o labor que se necesita para botar a andar a programación.
Comprendido por todos ou non, o certo e´que na nómina de artistas que este ano se pasarán polo Centro Torrente Ballester destacan nomes como Jorge Barbi, Amaya González, Marisa Núñez, Juan Pérez Aguirregoika, Santiago Sierra, Suso Basterrechea… referencias imprescindibles para moitos centros de arte contemporánea.

Enrique LIsta. A ousadía do bufón. CTB

Enrique LIsta. A ousadía do bufón. CTB

Fernando Sánchez Castillo. Centro Cultural Francisco Franco, Baraka, 2007. Detalle instalación

Fernando Sánchez Castillo. Centro Cultural Francisco Franco, Baraka, 2007. Detalle instalación

Fernando Sánchez Castillo - Narón - Escultura de bronce - 2003-2007

Fernando Sánchez Castillo - Narón - Escultura de bronce - 2003-2007

Juan Pérez Agirrecoikoa - The syndrome Muntadas - Instalación 2010

Juan Pérez Agirrecoikoa - The syndrome Muntadas - Instalación 2010

Juan Pérez Agirrecoikoa - The syndrome Muntadas - Instalación - detalle - 2010

Juan Pérez Agirrecoikoa - The syndrome Muntadas - Instalación - detalle - 2010

Juan Pérez Agirregoikoa Centro Cultural Francisco Franco (detalle) Instalación. 2010

Juan Pérez Agirregoikoa Centro Cultural Francisco Franco (detalle) Instalación. 2010

Xoan Torres e Juan Pérez Agirregoikoa  Vista do Centro Cultural Francisco Franco - Instalación - 2010

Xoan Torres e Juan Pérez Agirregoikoa Vista do Centro Cultural Francisco Franco - Instalación - 2010