A arte vende

As galerías galegas regresan das feiras de arte contemporáneo madrileñas cun balance positivo

É un esforzo económico que na maioría das ocasións non se recompensa en vendas, é dicir, para cubrir os gastos que ocasiona. Pero non estar nunha feira como ARCO ou ART-Madrid non é unha opción. Os galeristas están de regreso cunha visión moi optimista do que deron de si estas citas, aínda que tamén traen algunha crítica.

“Moi satisfeitos”. Esta é a expresión máis repetida nos galeristas que, entre onte e hoxe regresan de Madrid de asistir as dúas citas de arte contemporánea de referencia: dunha banda, ARCO, que cumpre XXI anos entre críticas entre a organización e o rumbo que está a tomar. Da outra, ART-Madrid, con tan só cinco anos ás súas costas, incrementou o número de visitantes nun 20% con respecto á pasada edición (este ano 37.000 visitantes) e cun bo nivel de galerías e vendas. Moita valoración, sempre positiva pero moi poucas cifras. O sector de arte non é moi flexible a dar cifras do volume de negocio que se manexa nestas feiras, aínda que as que se manexan ás veces son astronómicas. Por poñer un exemplo, nesta edición de ARCO había un Francis Bacon valorado en 1.7 millóns de euros, seguido por un lenzo de Fernando Botero (“The beach”, Galería Marlborough) á venda por 946.000 euros. A recoñecida galerista, Asunta Rodríguez, regresa a Santiago moi satisfeita polas vendas e porque “nesta edición de ART Madrid” vendín a peza máis cara da miña traxectoria como galerista”. Non fala de cifras só que é un coleccionista e que a obra “marcha para Holanda”.

ARCO
Dúas veterás e unha novata a presenza galega en ARCO. Con máis de seis anos asistindo de xeito constante están Ad Hoc e Bacelos, mentres que Factoría Compostela (antes C5 Colección que o ano pasado xa estivo en ARCO pero cunha performance) estreábase na feira pola porta grande. Antonio Cervera, responsable desta galería, explica que “como é o primeiro ano que acudiamos como galería con stand propio, non tiñamos un referente previo para poder comparar, pero estamos moi contentos porque vendemos entre 13 e 15 pezas entre as obras de Manuel Sendón, Jesús Pastor, Aimeée García cos que presentamos a nosa filosofía de traballo entre España, Cuba e Iberoamérica”. En canto ao perfil de comprador, Cervera apunta que son principalmente coleccionistas estatais e internacionais e que o CGAC foi a única institución que lles mercou obra (unha peza da serie A derradeira sesión de Manuel Sendón). Un balance moi positivo para unha edición de ARCO que se saldou cun “bo nivel de vendas”, como expresión ambigua de Lourdes Fernández.

Art Madrid
A presenza galega en Art Madrid foi a máis numerosa das seis edicións coas que conta a feira. Atlántica, Metro, Moret Art, Trinta e Marisa Marimón completaron o papel dunhas galerías que fixeron un esforzo por asistir a este encontro que cada edición que pasa está a incrementar o seu protagonismo e a espertar un maior interese entre o público. As cifras de visitantes desta última edición apuntaban cara 37.000 visitantes. E todas as galerías presentes destacaban a importante afluencia de curiosos, coleccionistas e compradores esporádicos, coa ausencia das institucións. “A nivel profesional botamos en falta unha visita por parte das institucións galegas como o CGAC que, aínda que non fose a comprar, só a saudar e a coñecer a obra dos artistas galegos que presentamos” explica Javier Blanco, director de Metro. Blanco afirma que entre viaxes, espazo propio e estadía, a visita da súa galería en Madrid supuxo un investimento de arredor de 10.000 euros. “Estou moi satisfeito porque como o noso proxecto é o de dar a coñecer a obra da galería e a nosa proposta pensamos que lle interesou a público, coleccionistas e críticos que se pasaron polo noso estand”. En canto a vendas, Metro regresa con moita obra vendida que lle permite amortizar custes pero “o noso obxectivo non era ir facer a gran venda, senón abrir contactos e vías de colaboración con outras entidades para dar a coñecer o traballo de artistas novos”. Unha filosofía que comparte Nuria Blanco, directora de Moret Art que asegura que “para nós o balance dunha feira tense que facer a nivel de promoción dos artistas, a nivel comercial, e en función dos novos proxectos.
O noso principal obxectivo nas feiras é contribuír a aumentar a difusión da obra dos artistas que colaboran connosco. Pasaron moitos comisarios, críticos e directores de insitucións polo noso stand polo que podemos dar este obxectivo por alcanzado”. Desde o punto de vista comercial, Moret Art fala de que aprecia “unha reactivación no mercado respecto de edicións anteriores, e por último a nivel de novos proxectos o ano preséntase apaixonante xa desde febreiro. A modo de exemplo Xurxo, Miguel e Héctor participarán en “Polimorfos Perversos” un proxecto comisariado por Andrés Osaac Santana en la galería de Fernando Pradilla en Madrid”.


Co peche das feiras o traballo non está feito. Agora toca revisar os cadernos para recuperar teléfonos e contactos realizados, completar as transaccións das vendas, desembalar o que non se vendeu e iniciar o traballo post-feira que pode ser tan produtivo como o desenvolvido en catro intensos días.