Síntese colaborativa

O CGAC achegará a arte, música e cine da modernidade na súa programación para este ano

15/2/2010 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: arte
3 lecturas | Compartido 0 veces

Cristina García Rodero. A alma dormida. Nosa Señora dos Milagros

Avisouno na súa presentación cando foi elexido director do CGAC “a programación do 2010 asentarase na colaboración con outras institucións e nos seus fondos propios”. En menos de dous meses, tempo insólito para un centro que xa está a concretar exposicións para 2011 e 2012, o CGAC confeccionou unha programación que se asenta en dous piares claves: a transdisciplinariedade (música e cine cobran un protagonismo destacado) e reflexión da creación sobre o contexto (a “modernidade” foi o concepto máis repetido na rolda de presentación). Unha programación que conta co reto de captar máis público.
A segunda parte de Espectral, que saca do armario obras da colección nunca exhibidas ata agora para achegar unha visión personal sobre a morte (a do director do CGAC que é o comisario da exposición) abre a programación do Centro Galego de Arte Contemporánea para este 2010. Detrás del vén unha oferta xa anunciada na súa maior parte por outras vías.

Apartado expositivo
A exposición de Cristina García Rodero, a primeira fotógrafa da Axencia Magnum enmarcada na programación do Xacobeo; A cidade interpretada, da man da concellaría de cultura de Santiago e que permitirá ao artista galego re-inventar a cidade de Compostela; ou as mostras de Gilberto Zorio (que acaba de pechar no MAMbo de Boloña) ou as xemelgas Jane&Louise Wilson (actualmente no Centro de Arte Moderna da Fundación Gulbenkian Lisboa). Pero isto non lle resta un ápice de actualidade, porque Miguel Von Hafe apunta que “a reinterpretación destas obras no espazo físico do CGAC permitiralle dar unha visión completamente diferente”. Alén diso, o programa expositivo complétase con dúas propostas curiosas. Dunha banda, o arquitecto Pedro de Llano comisará unha exposición que achegará un monográfico sobre a críptica personaxe de Bas Jan Ader. Este artista holandés, que fai parte da primeira xeración de artistas conceptuais, iniciou unha misteriosa travesía polo océano (entendida por moitos como un suicidio), que rematou cando un grupo de mariñeiros galegos descubriron o seu bote emborcado e o remolcaron ata o porto da Coruña; lugar do que desapareceu de xeito misterioso. Unha conexión galega que se plasmará na montaxe que pretende facer de Llano, que leva un tempo inmerso nesta historia para a que existía un proxecto documental (da man de Continental). Pero a exposición que segundo Miguel van Hofe vai marcar expositivamente o ano 2010 é Afro-Modern, journeys through the black atlantic). Unha exposición que examina polo míudo a influencia que sobre a arte exerceron as diversas culturas negras do atlántico desde principios de século XX ata os nosos días. “Unha mostra de gran formato, de difícil adaptación ao CGAC e que conta con grandes dificultades polas reticencias aos préstamos de mostras das obras que están previstas”. A proposta permitirá facer un percorrido visual de artistas descoñecidos ata o momento.

En todo caso, queda clara a intención de Miguel Von Hafe de presentar exposicións no que os artistas reflexionan sobre o contexto e sobre a idea de modernidade.

Carácter multidisciplinar
“O CGAC debería desenvolver un traballo difusor de disciplinas artísticas como documentais, cinema e música, un centro transdisciplinar que dialoga sobre o pasado recente” apuntou Miguel von Hafe na rolda de prensa de presentación da programación. Así se explica o papel protagonista da música e do cinema nas actividades paralelas. Non era infrecuente ver de cando en cando no CGAC concertos de formacións independentes con vinculacións temáticas, xeográficas ou artísticas do eido expositivo. Esta relación, que tamén se mantén neste 2010 grazas ao grupo Fonos21, estará potenciada a través de ciclos de concertos como o Vía Stellae. A medio camiño entre música e audiovisual está a colaboración que o CGAC con Cineuropa que exhibirá documentais recentes para a divulgación de universos creativos singulares e moi vencellados á arte. No apartado audiovisual, alén do habitual ciclo de cine (Cine no parque) destaca a homenaxe a Chano Piñeiro no marco da bienal de Pontevedra.

“A formación dunha masa crítica é un dos labores importantes do CGAC” apuntou o director do centro, ao tempo que presentou unha batería de actividades como obradoiros, seminarios e conferencias especialmente dirixidas a profesionais.

Universo culturagalega.gal