Unha lea con historia

O destino do Camiño Xacobeo enfronta as vilas de Fisterra e Muxía

Desde sempre, unha boa porcentaxe dos peregrinos que visitan Compostela deciden continuar camiño cara á Costa da Morte. Como no resto das Rutas Xacobeas, antes da existencia de itinerarios oficiais, os camiñantes guiábanse polas vías existentes, as indicacións dos veciños e as súas propias ganas, e remataban na vila de Fisterra ou de Muxía, segundo cadrase. Durante séculos a ninguén se lle ocorreu polemizar polo punto onde remataba o camiño a Fisterra, pero nos últimos meses, a cuestión está a cobrar unha certa importancia na zona e a enfrontar estes dous concellos.

¿Ata que punto pode ser importante o percorrido dunha ruta de peregrinación? A celebración do Xacobeo está a favorecer que a poboación galega se faga consciente da improtancia das rutas a Santiago. Camiños como o Primitivo, o Inglés ou o de Inverno ven como se multiplican os esforzos para os pór en valor. Na Costa da Morte, no entanto, a importancia que están a cobrar a Ruta Xacobea está a se revelar doutro xeito, e toma a forma dun intenso debate sobre o lugar no que remata.

A importancia dun camiño
O debate nace sen que haxa novos achados históricos que xustifiquen as reclamacións dunha ou doutra localidade de ser o final do Camiño. Segundo explica Víctor Castiñeira, historiador e técnico de Cultura do Concello de Cee, “a polémica non ten moita explicación, non hai novos datos que nos conviden a pensar unha ou outra cousa”. Ao seu ver, a situación ten a ver coa celebración do Ano Santo. “Se non fose Xacobeo non habería tanto problema”, argúe. E é que neste 2010 agárdase que unha grande cantidade de peregrinos prolonguen a súa andaina ata a Costa. Segundo apunta Castiñeira, “este é o único camiño, co Francés, que estatísticamente está a medrar en número de peregrinos. O pasado ano, só en Fisterra pernoctaron 7.000, que xa é unha cantidade respectable, e aínda habería que engadir os que pararon en Muxía ou que marcharon sen facer noite”. De calquera xeito, Castiñeira non pensa que sexan motivos económicos os que están detrás da liorta entre as dúas localidades. “Non sei realmente ata que punto é esa a cuestión ou se é máis un tema de identidade local”.

Resumo de combates
Entre os últimos enfrontamentos desta lea, atopamos que na última fin de semana de xaneiro o Concello de Muxía iniciaba o reparto de 3.000 pegatinas co lema “Muxía. Fin do camiño”. O día anterior, todos os grupos do Concello de Fisterra aprobaban unha moción reivindicando que é esa localidade a única na que remata o camiño. Estas actuacións corolan toda unha serie de acusacións e accións que levan varios meses a enfrontar as vilas. Segundo lembra este historiador, “houbo unha primeira ``agresión´´, se se pode entender como tal, hai cousa de nove meses, cando unha asociación veciñal de Fisterra lle solicitou ao Xacobeo que eliminase o tramo a Muxía e se entendese Fisterra como punto final. En Muxía sentíronse moi molestos e contraatacaron en xaneiro organizando unha peregrinación a reivindicar a súa vila”. Cruces de declaracións, actos promocionais, camisetas, o nacemento da Plataforma Veciñal Fisterra: Único Fin do Camiño, o traslado de debate á Internet mediante as redes sociais ou pronunciamentos públicos non fixeron máis do que incrementar o enfrontamento. Para Casteiñeira, a lea “está a arrefriar, pero aínda colea”.

A voz da Historia
Do mesmo xeito que Castiñeira, diferentes historiadores publicaron nos últimos meses textos nos que reivindican a importancia desta ruta ao tempo que inciden na necesidade de superar os localismos e buscar a súa promoción. E o caso, por exemplo do muxián Manuel Vilar que o pasado mes de decembro levaba o premio de investigación Rutas Xacobeas por un traballo no que recollía as pegadas históricas deste camiño. Malia a reivindicar a importancia da ruta a Muxía, Vilar aposta polo entendemento entre os concellos polo ben da ruta. Do mesmo xeito, José Antonio de la Riera, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, non lle atopa sentido á liorta e aposta por buscar a declaración desta vía como Patrimonio da Humanidade. Aínda nas recentes xornadas, Muxía no Camiño de Santiago, celebradas a mediados do pasado mes de xaneiro, os participantes insistiron na necesidade de superar os localismos neste campo.

As pegadas da ruta
A nivel histórico, segundo lembra Castiñeira, “o camiño está moi documentado desde finais do século XIV ou XV. Diferénciase dos outros en que, por unha banda, é unha prolongación das demais rutas, e pola outra en que se pode facer nos dous sentidos, tanto cara á costa como para ir desde ali ata Compostela”. Tanto o Santuario da Barca coma o antigo de San Guillerme, en Fisterra, eran coñecidos de xeito local como lugares de peregrinación. “Son centros de culto milenarios que aproveitou a Igrexa”. Ademais, a fins da Idade Media as dúas vilas dependían do arcebispo de Santiago que as quixo promocionar fronte a Corcubión, en mans dos seus rivais os Condes de Altamira. “Daquela aproveitou para as introducir no Camiño Xacobeo, nunha época en que o comercio marítimo favorecera a creación e o crecemento destes poboamentos onde antes só había centros de culto”. Desde aquela, abondosas testemuñas históricas refrendan a importancia do itinerario, que contou con paseantes internacionais como Mártir, bispo de Armenia, Jorge de Ehingen, Sebaldo Rieter, Leo de Rosztmithal ou Bartolomeu Fontana entre moitos outros que, de xeito indistinto, visitaban os dous santuarios. Malia a que foi con este apoio que se comezaron a promover as peregrinacións xacobeas á zona, o vencello da Costa co Apóstolo vén de moi atrás. “Duio xa aparece no Códice Calixtino. Dise que cando os discípulos de Santiago buscan un lugar onde enterrar o apóstolo, a raíña Lupa os manda onda o rei que mora alí”, lembra Castiñeira. “Logo está o vencello coa Virxe da Barca. A lenda conta que se lle apareceu ao Apóstolo nunha barca de pedra cando este estaba moi desanimado tentando eliminar os cultos pagáns en Galicia”, completa.

A vía actual
A recuperación moderna desta vía data aproximadamente do ano 95, cando a Asociación de Amigos do Camiño abordou a sinalización do camiño. Ata entón, a existencia dun tramo de peregrinación ata a costa era mesmo posto en dúbida por boa parte da curia eclesiástica e o seu recoñecemento atopou non poucos atrancos. Desde aquela, o fluxo de peregrinos aumentou enormemente e a ruta figura, en igualdade de condicións coas demais, en páxinas e guías de todo tipo. Agora, mentres nalgúns destes espazos se recolle Muxía coma punto final do itinerario, noutras denomínase a variante como Fisterra-Muxía e se advirte que o tramo entre as dúas localidades se pode facer nos dous sentidos. Este é o caso, precisamente, da ruta recollida pola Asociación de Amigos do Camiño no seu web, e publicada en colaboración coa Asociación Neria, que se dedica promover o turismo no conxunto da Costa da Morte.

Igualdade
“É triste que, precisamente cando non vai haber outro xacobeo en anos, se pelexen agora nesta polémica sobre que localidade é mais importante”, apunta Castiñeira. “Teñen as dúas a súa importancia, e ao final son os peregrinos quen realmente deciden o camiño. Logo de faceren centos de quilómetros a Santiago e de se animaren a seguir tres dias, en chegando a Fisterra ou a Muxía, dado o preto que están, van ir aos dous sitios”. Na actualidade, cada unha das localidades outorga o seu propio certificado, ao xeito das coñecidas compostelás, a aqueles peregrinos que as visitan. “Non é verdade que o camiño rematase nunha ou noutra localidade”, conclúe este investigador. “Como o seu nome indica, o Camiño remata en Compostela”