A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chega á súa XVIII edición coma un referente no mundo da escena

Ribadavia: Dezaoito anos detrás do pano

Hai xa moitos anos que Ribadavia é o referente para o teatro en Galicia. Na Mostra Teatral que organizaba nesta vila a asociación Abrente xestouse toda unha xeración de nomes da nosa escena. Desde hai dezaoito anos a Mostra Internacional de Teatro trae a esta vila compañías de todo o mundo. Ata o día vintecinco de xullo vinte compañías con vintecatro espectáculos celebran a maioría de idade do festival.


........Tema suxerido por un lector........





Dezaoito ven levados

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chega á súa maioría de idade consolidada coma o principal encontro escénico do país. Vinte compañías, catro delas galegas presentando tres estreas, outras catro estranxeiras e o resto delas provinte de diferentes comunidades do Estado Español participan nesta edición, superando ampliamente a media de quince espectáculos que veu mantendo a mostra. No programa hai obras para todos os gustos, desde espectáculos para nenos a animación de rúa, pasando por obras vangardistas e representacións convencionais, todas elas contan este ano co elemento común de seren de autores contemporáneos. Rubén García, director do encontro desde a súa posta en marcha sinala que a idea de non incluír ningún clásico na programación busca “rachar un pouco a traxectoria e darlle un cambio” ó evento. A celebración dos dezaoito anos está presente en todo o festival, desde a elección de Luís Álvarez Pousa, considerado un dos pais do evento, ata o cartel, que reinterpreta o feito por Xaime Cabanas para a primeira edición. Tamén a xeito de evocación histórica preséntase o libro “Un abrente teatral”, dirixido por Dolores Vilavedra e que analiza o traballo da Asociación Abrente de Ribadavia a prol do teatro entre 1969 e 1983.



Teatro na vila, vila no teatro



A falta dun teatro axeitado para a Mostra obrigou desde o comezo a que este se tivese que integrar coa propia vila. A Igrexa da Madalena, o auditorio ó aire libre que hai no castelo e diferentes prazas e espacios da zona vella acollen cada ano as representacións. Arredor de oitocentos espectadores reúnense para ver cada obra, e a pesar de que son moitos os visitantes que se achegan á vila atraidos polso teatro, existe unha ampla representación de público local nas cadeiras. E é que, segundo explica Rubén García, os veciños “teñen a Mostra coma un patrimonio cultural propio e non o deixan desaparecer por nada do mundo”. García salienta o idóneo de Ribadavia para este evento, polo seu tamaño e polo encanto “de atoparse os artistas que participan e o propio público nas rúas e nos bares”. Para el, nos días en que se celebra o festival, “respírase teatro na vila”. E non é para menos, entre técnicos e actores, son arredor de douscentos os profesionais da escena que se achegan a Ribadavia en cada edición, e ata cinco as representacións que se poden ver ó día.




Como se fai



Rubén García, como director da Mostra e da Feira de Teatro de Galicia percorre todo o estado de feira de teatro en feira de teatro, chegando a ver ata duascentas cincuenta obras ó ano. Ademais destas, hai que atender as numerosas peticións de compañías de todo o mundo que queren participar na mostra. Hai que deixar fóra moitas propostas para facer un programa limitado polo tempo, o espacio dispoñible e o orzamento. O idioma da obra é unha variable importante para a selección, os espectáculos mudos ou en linguas comprensibles para os galegos teñen máis posibilidades de participar. Segundo Rubén, búscanse obras A Mostra de Ribadavia realízase cun orzamento de 90.150 euros (quince millóns de pesetas), dos que a Consellería de Cultura achega 30.050 euros (cinco millóns e medio de pesetas), Caixanova 6.010 (un millón de pesetas) e o Ministerio de Cultura 9.015 (un millón e medio de pesetas). A recadación nas billeteiras permitre cubrir outros 9.015 euros encargándose o concello de aportar o resto dos cartos. Con este orzamento págase as compañías, o material e o traballo das trece persoas que organizan, coordinan e montan os escenarios da mostra.





Da mostra galega á mostra internacional

As orixes da Mostra Internacional de Teatro hai que buscalas a finais dos anos sesenta cando nace en Ribadavia a Asociación Cultural Abrente. Sería este grupo de afeccionados ó teatro o que organizaría en 1973, e a base de traballo voluntario, a primeira Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, que vería sete edicións máis ata a súa desaparición. Viñeron entón dous anos en branco, ata que algúns dos membros de Abrente, coa colaboración de Lúes Álvarez Pousa, director xeral de Cultura por aquel entón, botaron a andar a Mostra Internacional.
Desde aquela foron pasando pola vila compañías que despois chegaron a converterse en referentes mundiais. Coma exemplos Rubén sinala que as primeiras representacións de La Fura del Baus ou de La Cubana fóra de Cataluña foron en Ribadavia. Ou que foi o mesmo ano que veu “O soño dunha noite de verán” de Ur Teatro cando este espectáculo recibiu o Premio Nacional de Teatro. Tamén estivo na vila o espectáculo “La cuarta pared” antes de acadar o premio Max. O propio Rubén recoñece que “non sei se é que teño sorte ou atino ben, pero é raro o ano que veñen por aquí compañías que non son coñecidas e que despuntan despois”.
Un fito dentro da mostra son os premios Abrente e do Público. Instaurados hai tres anos, os premios Abrente recoñecen o traballo realizado a prol do teatro galego por persoas que estiveron relacionadas dalgún xeito coa asociación homónima. Se nas dúas edicións anteriores a organización premiou a Roberto Vidal Bolaño e a Manuel Lourenzo, nesta XVIII Mostra levan o galardón os actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez. Pola súa banda, o premio do Público recoñece por votación a obra que máis gustou. A este respecto salienta Rubén o nivel dos espectadores da Mostra, que o pasado ano premiaron un monólogo fronte a producción máis espectaculares ou con estrelas de renome.




Futuro


E se a esta altura se pode dicir que o teatro galego comezou en Ribadavia, non se pode negar que grande parte do seu futuro segue na vila. Polo de agora, nesta XVIII Edición a Mostra recibiu a visita de Cristina Santolaria, subdirectora do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais. No acto inaugural do evento, Santolaria pediu desculpas públicas por non ter apoiado máis un certame que non coñecía axeitadamente e que recoñeceu conta “cun programa excepcional”, e garantiu o apoio do INAEM para o futuro. A vindeira edición será especial porque coincide coa celebración de trinta anos da primeira Mostra de Teatro organizada por Abrente. Están aínda a perfilarse os diferentes actos para conmemorar o evento, pero Rubén adiántanos que a Mostra contará “cun espectáculo moi importante, un monólogo que vai estar tres días e que pecha a súa xira internacional aquí”, sen querer dar máis detalles. Haberá que achegarse para velo.




Algunhas reflexións sobre Abrente, ó fío da MIT.
Dolores Vilavedra, profesora da Facultade de Filoloxía e especialista no teatro galego fálanos da asociación Abrente e das orixes da Mostra de Teatro Galego de Ribadavia.