O Consello da Cultura Galega afronta novos retos dezanove anos despois da súa creación

En plena forma

O 8 de xullo de 1983 comezaba o reto de darlle corpo a unha institución chamada a defender e promover os valores e a lingua propias: era o Consello da Cultura Galega. Dezanove anos despois, o Consello é unha institución aberta e dinámica que agora se enfronta ós novos retos que lle impón á sociedade co aperturismo cara ás novas tecnoloxías e a interdisciplinariedade nos seus estudios. Coñece algo máis de preto que é o Consello da Cultura Galega e en que está a traballar.

Mirando á sociedade

“No marco dunha profunda híper especialización da investigación en Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) tense adaptado a estas novas esixencias, ofrecéndose como un espacio de traballo que permite a toma de contacto e a colaboración entre especialistas en distintas materias”. Segundo Henrique Monteagudo, secretario do Consello, esta interdisciplinariedade marca os últimos anos de traballo diario para situar ó Consello na vangarda da acción cultural en Galicia. A apertura cara á sociedade e ás novas tecnoloxías, a través dunha cada vez máis destacada presencia en Internet, completan o actual marco no que se move a terceira institución en importancia da Comunidade, constituída tal día coma hoxe hai 19 anos.



O Parlamento de Galicia aprobaba a creación do Consello da Cultura Galega o 8 de xullo de 1983 e o facía en cumprimento do Estatuto de Autonomía de 1980, onde se recollía este requirimento. O CCG constituíase así como un corpo asesor e consultivo da Administración, con capacidade de investigación e composto por representantes de distintas entidades culturais e outros persoeiros importantes na cultura galega. Ramón Piñeiro, Filgueira Valverde, Antón Fraguas foron algúns destes persoeiros. E non hai que esquecer o nome do anterior presidente do CCG, Carlos Casares.



Débeselle a Casares, precisamente, o “pulo cara adiante” que viviu a institución desde que o escritor ourensán colleu as rendas, en 1996 e ata o seu falecemento en marzo deste ano. “O dinamismo, a apertura e a renovación marcaron a etapa de Casares, como a consolidación da institución e o traslado do CCG a Raxoi marcaron a de Filgueira ou o despegue do Consello, a de Piñeiro”, asegurou.

O novo Presidente, Alfonso Zulueta é un reputado notario vigués cun longo compromiso de impulso e dinamización de proxectos culturais. Elexido o 17 de abril deste ano, asegurou que tódolos proxectos do anterior Presidente "terán continuidade" e manifestouse optimista con respecto ó futuro da institución: "ofrece un amplio abano de posibilidades de actuación". "O Consello ten que axudar a abrir fronteiras dende Galicia e a ollar o mundo cos pés chantados na terra", manifestou en máis dunha ocasión Zulueta.

Precisamente esa colaboración e apertura entre investigadores é a que está a permitir facer apostas cada vez máis altas, acometendo proxectos amplos e ambiciosos como o da edición das Obras Completas de Sarmiento, do que Monteagudo tamén é coordinador.



Descubrindo a Sarmiento

Fala Monteagudo con moito mimo deste macro proxecto pero tamén cunhas reservas baixo as que non pode ocultar a ilusión. A culminación do traballo, nun prazo calculado de oito anos, suporía a edición completa dos escritos de Frei Martín Sarmiento. Por agora, os traballos de edición do Volume 0 destas Obras nas que se recollerá un inventario dos escritos do freire están moi avanzados. Pero Monteagudo anuncia sorpresas, “esperamos localizar novos textos do freire benedictino a través do rastrexo de fondos no Arquivo Nacional de Madrid, a Real Academia, a Biblioteca Xeral de Oviedo ou o Arquivo de Silos”.



Monteagudo tamén é responsable doutro dos “pesos pesados” do CCG, o Informe de Política Lingüística e Normalización, do que xa foi presentadas unhas primeiras conclusións nos V Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar en outubro pasado baixo a organización do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística. Neste informe, no que se sigue a traballar, faise un minucioso estudio da política de difusión do galego no ensino, na empresa e no ámbito editorial.



Pero o traballo do Consello diversifícase en moitos outros proxectos nos que traballan equipos humanos, coordinados en seccións, e centrados en distintas áreas do coñecemento. Patrimonio, Antropoloxía, Lingua, Ciencia, ... o Consello traballa en moitos e diversos contidos. A Sección de Comunicación, por exemplo, ten dúas liñas de traballo ben definidas: a elaboración de informes da comunicación, nos que ano a ano, faise un balance da situación actual dos medios de comunicación e, como complemento desta, a recompilación e análise de medios históricos, como o do Catón Compostelano, do que se fixo unha edición facsimilar e se editou un estudio, ou a catalogación das publicacións impresas, traballo do que se ocupa o Arquivo de Medios.



Dinamismo e diversidade

Desde 1992 o Arquivo da Emigración Galega traballa na creación dunha biblioteca especializada que garde o patrimonio cultural da emigración que se recupera dentro e fóra de Galicia, un labor para o que ó longo dos anos os seus responsables tiveron que poñer en marcha distintas estratexias que permitiran engrosar os fondos hemerográficos, documentais e fotográficos recuperados.



“O noso modo clásico de actuar é ofrecernos a catalogar uns fondos a cambio de poder reduplicalos e poder quedar no Arquivo cunha copia, que é o que estamos a facer cos fondos do Centro Galego de Montevideo”, explica a directora do Arquivo, Pilar Cagiao, pero non sempre se actúa así. “Imos acometendo tarefas na medida en que estas se van propiciando e, nese sentido, poida que non sexamos moi sistemáticos”, comenta “pero hai que ter en conta que moitas veces se trata de fondos que se atopan en mans privadas e os seus propietarios son moi reticentes a entregalos”.



O dinamismo caracteriza o traballo do Arquivo da Emigración Galega, característica que lles leva a abordar unha grande diversidade de temas. Ademais de centro de documentación, o Arquivo funciona como foro de debate sobre temas de vixente actualidade, como o de Galicia como receptor de emigrantes. “Non podemos desdeñar unha realidade que está aí, sobre todo porque moitas das inmigracións que recibe Galicia son froito das emigracións que houbo pero non debemos esquecer tampouco que o noso é un Arquivo da Emigración Galega, non un Arquivo de Migracións” .



Cagiao detalla con decisión algunhas das liñas de traballo que hai abertas: actualizacións do repertorio biográfico sobre a emigración, da base de datos das asociacións galegas fóra de Galicia “base que pensamos publicar para o ano que ven” ou do repertorio biobibliográfico do Exilio Galego, baleirado do Eco de Galicia de Bos Aires para colgalo na rede ou Arquivo Fotográfico da Emigración, do que xa se levan catalogados máis de 7.000 documentos gráficos.



¿Un Museo da Emigración?

De todos, o máis recente proxecto é a elaboración dunha base de datos sobre as actividades económicas dos galegos no exterior, “unha idea que xurdiu a partir da Oficina do Historiador da Habana para facer un itinerario galego pola cidade da Habana que rescatara a lembranza dos comercios galegos máis coñecidos naquela cidade”. Sobre a posibilidade de constituír un Museo da Emigración, Cagiao é moi sincera: queda un longo camiño por andar e moito que madurar ata que o proxecto tome corpo pero o que é indubidable é que “Galicia está obrigada a ter un Museo da Emigración”, afirma Cagiao, “alimentado por un centro de documentación como o noso, que podería aportar un material valiosísimo”. Segundo a directora do Arquivo, xa se iniciaron as primeiras conversas coa recentemente creada Consellería de Emigración, departamento especialmente interesado en realizar este tipo de colaboracións. É o inicio dunha serie de cooperacións para sumar os esforzos documentais do Arquivo coas iniciativas da Consellería.



Entre as mallas

En 1997, o Consello da Cultura Galega iniciou as súas actividades en Internet cun primeiro sitio web. A partir de aí, a actividade do Consello disparouse nas redes. En 1998, o Consello comezou a retransmitir os seus actos –xornadas, conferencias, eventos- a través de Internet. No 2000, creou o Museo Castelao en Internet en colaboración con Vieiros e a Fundación Castelao. No 2000 tamén naceu culturagalega.org, ou sexa, nós. E no 2001 transformouse a web corporativa da institución, consellodacultura.org, ofrecendo numerosos servicios de interactividade cos usuarios –rexistro de xornadas en liña, un centro de ideas para consultas culturais, etc.- e pondo boa parte das publicacións da institución na rede. No 2002, culturagalega.org redeseñouse e o Consello desenvolveu a súa propia plataforma de publicación electrónica, clave para o desenvolvemento no futuro de novos productos culturais en Internet. Hoxe en día, as webs e conforman un complexo contorno que internamente se chama o Sistema Cultural en Rede e que constitúe unha ponte de contacto contínua coa cidadanía.