A creación nova ten embaixada na Coruña

O ciclo Outonarte tenta favorecer a difusión da arte contemporánea na cidade herculina

14/10/2009 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: arte
4 lecturas | Compartido 0 veces

Cartel Outonarte 2009. Suso Montero.

Conseguir espazos para amosar a creación contemporánea de autores novos na cidade da Coruña. Este é un dos obxectivos con que naceu a Mostra de Arte Emerxente Outonarte. Na busca de novos públicos, este proxecto achega ás rúas e a salas convencionais da cidade, por segundo ano, unha selección da creación recente e Galicia e do Norte de Portugal.
Na Coruña, ao longo de todo este mes, a fronteira entre o que é rúa e o que non o é está difuminada. A edición 2009 de Outonarte, comisariada por Nilo Casares, aposta claramente, baixo o lema Imos de escaparates pola integración entre a arte de rúa e a de sala. “O nexo que une as obras que aquí se presentan é a cuestión da cultura urbana e xuvenil, da cidade e da rúa”, explica Ánxela Caramés, axudante do comisario neste proxecto.

Integracións
Nesa idea intégranse as exposicións de obras de arte en escaparates, as performances na rúa ou, á inversa, a integración no interior de salas de artes habitualmente urbanas coma o graffiti ou os carteis. Por exemplo, “converteuse a parte superior da sala Durán Loriga nunha rúa cos seus bancos, contedores ou sinais de tráfico”. Tamén está neste espazo, coma performance, unha pista de patinaxe aberta ao público. Canda a esa busca da rúa, a mostra tamén se caracteriza polos traballos colaborativos entre artistas. “Non se lle deixou un espazo a cada un, buscouse que se interrelacionasen, e a montaxe final das pezas foi deles”.

O contexto da arte
Outonarte gaña importancia, segundo os seus organizadores, pola ausencia de propostas semellantes na cidade que a acolle. “Na Coruña, malia a ser unha cidade que conta con bastantes exposicións e museos, é raro ver propostas de artistas novos. Nese sentido, penso que Outonarte é unha iniciativa moi importante”, lembra Caramés. Segundo explica, “as salas de exposicións que temos céntrase en mostras de fotografía clásica, pintura, deseño ou arquitectura. Logo hai outras institucións que poden facer unha dúas veces ao ano unha mostar de arte contemporánea actual, coma as salas municipais ou a Fundación Seoane, pero son contadas, e acho en falta máis mostras de creación nova”. Canda a isto, na cidade vese tamén un escaso número de galerías de arte, o que contraría en boa medida a tradición da mesma neste campo e dificulta o acceso aos máis recentes creadores plásticos do país.

A situación da arte
Malia a esa aparente ausencia de canles, Caramés recoñece que existe na Coruña unha certa masa de artistas. “Hai un núcleo bastante potente de creadores de banda deseñada, e tamén bastantes arquitectos. Poida que isto teña que ver co tipo de estudos que hai na cidade, máis centrados na formación profesional do que a creativa”. Bos exemplo disto son a Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso ou a de Imaxe e Son. “De calquera xeito hai artistas coruñeses, sempre os houbo e memos houbo momentos con bastante actividade”, recoñece. Na actualidade “vese unha revitalización en aspectos coma a arte visual, a música ou o deseño”.

Pendentes de futuro
Aínda pendente de amosar todo o seu potencial, o festival desenvolve as súas propostas ata o vindeiro un de novembro. Desta volta o maio eco veu da abortada instalación dun “son antibotellón” co que Escoitar.org convidaba a reflexionar sobre o ruído coma arma de control social. No entanto, o conxunto do evento continúa a súa andaina. “É importante que haxa estas exposicións e que a xente se vaia habituando e vexan que se poden fazer cousas deste tipo na Coruña, aínda que a priori non sexa o contorno máis axeitado”.

Universo culturagalega.gal