Un centro con aires de museo

Miguel von Hafe chega ao CGAC nun momento de cambios

O padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ratificou onte a candidatura de Miguel von Hafe (Oporto, 1967) como novo director do centro. Un proxecto, un proceso de selección, un xurado de expertos e un centro que enfila unha nova etapa que espera gozar dunha maior autonomía. O CGAC pasa páxina.

“Para min foi toda unha sorpresa” exclamou Roberto Varela, conselleiro de Cultura, na rolda de prensa na que se deu a coñecer o nome do director electo do Centro Galego de Arte Contemporánea. Por primeira vez na historia do CGAC, o conselleiro non foi o encargado de escoller a un candidato para o posto. Non existe lexislación específica que estableza o procedemento, pero nos últimos anos estableceuse un “Código de boas prácticas” comunmente aceptado por políticos, críticos e artistas, no que os directores de centros públicos se escollen a través dun proceso de selección de concorrencia competitiva. Unha fórmula que abrazaron no seu momento centros como o Museo Reina Sofía, Museo Vasco de Arte Contemporánea-ARTIUM ou o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco).

Logo do despedimento de Manuel Olveira, o novo conselleiro de Cultura apuntou que este sería o proceso para escoller o seu substituto. E así o fixo. En xuño e tras un acordo amigable con Olveira, a Xunta lanzaba o concurso público de carácter internacional para escoller o seu substituto. O director do MARCO de Vigo, o catedrático de Estética na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, a directora do centro LABoral de Xixón, o responsable da Fundação Serralves de Porto, a conservadora xefe do MUSAC de Barcelona e mais a directora da feira ARCO conformaban un comité presidido por Manuel Borja-Villel, director do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. Presentáronse 15 persoas, dos que sete chegaron á entrevista final no que os seleccionados explicaban os seus proxectos. Ao final, foi a candidatura de Miguel von Hafe, a que convenceu ao comité de expertos.

O xurado de expertos tomou a súa decisión o pasado sábado 26, pero non foi ata o 29 cando se reuniu o padroado do CGAC, entidade que segundo os estatutos é a que debe validar a proposta. Houbo, segundo se comunicou na rolda de prensa posterior a esta xuntanza, “unanimidade” total por parte dos membros do padroado.

O candidato
Miguel von Hafe é portugués pero non por iso debe ser considerado “estranxeiro”, tal e como apuntou o conselleiro Roberto Varela no marco da rolda de prensa. De feito, von Hafe coñece ben Galicia xa que foi comisario de dúas bienais de Pontevedra (1998 e 2004), deu clases nun mestrado da Universidade de Santiago dirixido por Marisa Sobrino e participou nas conferencias “Arte, identidade e globalización” que organizou en xullo de 2006 a Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega. Coordinou a área de “Artes Plásticas, Arquitectura e Cidade” no ano no que Oporto foi Capital Europea da Cultura e ata onte traballaba na Fundação Ilidio Pinho de Oporto onde forma parte do seu Conselho das Artes. Ademais, von Hafe foi concelleiro na Câmara Municipal do Porto, elixido como independente na lista do Partido Socialista. No seu currículo destaca a coordinación de Anamnese, unha completa base de datos de artistas portugueses que está dispoñible na rede e que logo tivo versión impresa.

O novo director do CGAG “fala alemán, inglés, francés, español, portugués e galego no prazo máximo dun ano”, explicou Roberto Varela. A cláusula do idioma é un dos requisitos que figuraban nas bases da convocatoria. Ademais, o que si quixeron destacar os membros do padroado do CGAC é que o director electo ten só 42 anos, “moi novo” para este posto e que lle permitirá afrontar os novos retos que lle quedan por diante.

Situación actual
“Hai dúas preocupacións que lle vou trasladar ao novo director, en primeiro lugar a necesidade de darlle a vocación de centro de arte de referencia internacional que tivo no pasado; e, en segundo lugar, a de integrar o centro dentro da sociedade galega” apuntou o conselleiro de Cultura. Neste sentido, Varela lembrou a caída de visitantes do CGAC e a necesidade de incorporalo á vida da cidade.

O proxecto co que Miguel von Hafe conseguiu convencer ao xurado é, en palabras do conselleiro, “moi equilibrado e pon o énfase no aspecto máis museístico” que na producción de exposicións. Unha liña na que tanto Miguel Fernández-Cid, como Manuel Olveira, os antecesores no cargo, defenderon e postularon no seu momento. Segundo o conselleiro, que recoñeceu non ter lido o proxecto con detalle, von Hafe centrará o seu mandato en darlle un aire de museo (que implica traballar coa colección propia que alberga o centro) e abrilo a outras disciplinas moi relacionadas coa arte actual (o cine, o deseño, a moda...). Sobre este aspecto, Varela anunciou unha rolda de prensa futura na que o director explicará os pormenores do seu proxecto.

Retos de futuro
O Conselleiro volveu poñer onte sobre a mesa a idea de converter o CGAC nunha fundación. Non é un desexo novo, de feito leva anos planando sobre o estatus do centro. Ata tal punto que no 2004 ata o padroado aprobou a conversión en fundación. O cambio na súa situación xurídica permitiríalle desvencellarse dos ritmos ríxidos e lentos da administración e adaptarse máis aos da xestión da arte contemporánea. E non só iso, suporá ter acceso a financiamento privado, patrocinios e outras vías de entrada de material máis flexible que servirán para dinamizar o centro. Ademais, tamén lle permitirá ter unha maior autonomía e independencia con respecto da Xunta. Sexa cal sexa a fórmula para o futuro, seguirá adscrito á consellaría de Cultura e seguirá tendo a condición de titularidade pública.

Pero non será o único reto. En época de crise, von Hafe terá que bregar cunha reducción orzamentaria e coas estatísticas de asistencia ao centro. Deberá entablar relacións cos centros de arte, tanto públicos e privados, xa non só de Santiago, senón tamén do seu contorno e, ao tempo, co futuro Centro de Arte Internacional que estará situado na Cidade da Cultura.
Ligazóns