Caboverdianos en Burela: Vintecinco anos de integración

Atando cabos

No 1977 chegaron os primeiros caboverdianos á Mariña. Hoxe son arredor de 250 persoas, constituídas en corenta familias, as que viven en Burela. As xeracións máis novas son as que mellor se van adaptando á vida nunha sociedade diferente. Coñece o seu difícil proceso de integración.

Non lles gusta queixarse porque teñen máis do que terían de non estar en Burela. Pero moitos, non todos, son conscientes de que poderían ter máis. O que máis ansían, o que lles falta, é a capacidade de decidir que queren facer coas súas vidas. Porque o seu futuro está predestinado dende que os primeiros caboverdianos chegaron á zona no ano 77. Daquela, comezaron a cubrir as vacantes dos mariñeiros que deixaron os barcos para traballar na nova fábrica siderúrxica Alúmina-Aluminio. Agora, cambiar o destino é tarefa difícil.



Referente de muller

Este ano Lucinda celebra as súas vodas de prata con Burela. Ela é unha das primeiras en facelo. Pasaron xa vintecinco anos dende que aquela adolescente, recén casada, emprendera a aventura de deixar o seu país para gañar a vida noutro. Lucinda chegou a Burela seguindo ó seu home, Ricardo. Aínda que non hai ningunha regra escrita, ese é o costume, e está vixente aínda hoxe: En xaneiro deste ano chegaron vinte caboverdianos novos, que se acomodaron como puideron nas casas dos coñecidos mentres sacaban os cursos de capacitación que se requiren para ir ó mar. Cando volvan dun par de mareas buscarán unha nova casa e, se teñen en Cabo Verde muller ou fillos ós que traer, pagarán os custosos trámites da viaxe e fixarán a residencia en Burela.



Neste cuarto de século Lucinda viu como Burela cambiaba ó mesmo tempo ca ela. A pequena aldea mariñeira de finais dos 70 é agora unha vila de 8.000 habitantes. E a rapaza recén casada converteuse nunha das mulleres de referencia para toda a comunidade caboverdiana. No 1998, con Lucinda como presidenta, a asociación Tabanka viviu os seus mellores momentos. Coincidiu co comezou do Proxecto Integra-Bogavante, promovido pola Rede galega de loita contra a pobreza e a exclusión social, que buscaba a inserción laboral dos homes caboverdianos. Sen embargo, á primeira reunión do programa só puideron asistir mulleres e nenos, entre elas Lucinda, porque os homes estaban no mar. E así, as mulleres convertéronse nas protagonistas do Bogavante, nas encargadas de transmitirlle á familia o orgullo -crecente día a día- que sentían ó pertencer a unha comunidade. Coa cohesión que deu o grupo, fóronse solucionando problemas hoxe xa case esquecidos, coma que os nenos que nacían aquí non tiñan ningunha nacionalidade, que as mulleres non se podían apuntar na oficina de emprego, ou que en Burela non houbese servicios sociais.



Pero en xuño do 2001, cando esmoreceu o espírito que impulsara o proxecto, Lucinda foise canda el e deixou a asociación. Hoxe Tabanka, a penas ten actividade. Malia iso, a autoestima que se foi gañando no grupo trouxo resultados, dos que hoxe aínda quedan algúns. No centro de Burela hai unha perruquería caboverdiana. E perto está un bar tamén caboverdiano que serve de centro de reunións para os homes que están en terra e que aproveitan as tardes dos domingos para botar unhas partidas ó tute. E queda tamén a pegada de Batuko, o grupo de música caboverdiana formado por unha ducia de mulleres que cantan, bailan, tocan o batuko (en criolo, unha especie de tambor)... Batuko leva anos amosando a música e cultura caboverdiana aló por onde vai, e está servindo para dicirlle ó mundo que en Burela, ó igual que en Bembibre (León), Zaragoza ou Madrid, hai unha comunidade de persoas chegadas de Cabo Verde.



Hoxe, algunhas mulleres caboverdianas conseguiron traballo en Burela. Pero son contratos temporais (cando os hai) para traballar na hostalería, ou en tarefas domésticas. E ademais cóbrase pouco. “Para ter un salario digno hai que limpar tres ou catro casas”. Algunhas fano. “É que sen preparación é o único no que podemos traballar”. Sen embargo, esta rutina podería estar próxima a crebarse. E pode que sexa Lucinda quen a crebe. Leva meses de esforzo continuo, sen a penas tempo libre: ó traballo das tardes nun restaurante súmase unha mañá dedicada por enteiro ós cursiños que se esixen para traballar na nova fábrica conserveira de Burela. Nunhas semanas, se ten sorte, poderíana chamar para comezar. Polo de agora, só lle queda agardar... máis.



Homes predestinados

Mundiño pisou Burela por primeira vez no 89. Ó igual que a todos os homes caboverdianos acabados de chegar, agardábao un traballo no mar. O mar é duro e canso, pero dá cartos. E de momento, hai traballo. “A xente de Burela ten outras alternativas para gañarse a vida, e non quere ir ó mar, así que nos queda para os que vimos de fóra. Para nós, ademais, non hai máis no que escoller. Contados son os casos de curros en terra”.
A súa muller, coa que casou en Cabo Verde nunha das viaxes que a morriña lle obrigou a facer, veu a Burela no 1998. Ela pásao mal durante as longas ausencias do home. Mundiño está ata tres meses embarcado, e os períodos de descanso en terra non superan, como moito, as dúas semanas. Neste tempo entre mareas é imposible formarse e prepararse para optar a outras profesións. E deixar o mar significaría non ter de que vivir. É un círculo que se pecha mentres Mundiño loita por abrilo, por abrirse camiño noutras profesións. “Nós tamén pensamos, tamén valemos para facer outros traballos. O que pido é que nos orienten un pouco máis, ata que nos poidamos defender por nós mesmos”. A igualdade, neste caso, pasa por dar a todos as mesmas oportunidades ante a vida. De fondo, está o futuro do mar, incerto, ameazado por unha reforma pesqueira que deixaría sen traballo a centos de mariñeiros caboverdianos de Burela.



A comunidade, lonxe de irse integrando na sociedade na que vive, estase vendo separada, relegada a profesións que dan cartos pero que lles están quedando case como exclusivas. Ou noutros casos, asimilada. Mundiño fala dunha imaxe dos medios que está moitas veces distorsionada. O seu fillo, de catro anos, non parece entender de que fala o pai, e fixa a vista na pantalla do televisor, aceso. No telexornal ve nenos negros, espidos, desnutridos. O aparato di que nalgún lugar de África hai unha epidemia de fame; noutro, unha guerra de tribos indíxenas. Para o neno, estes son os únicos africanos que coñece. E sen embargo, non se parecen en nada a el. Mundiño pregúntase que pasará pola cabeza do cativo, vendo unha televisión na que só saen cousas malas e vergoñentas sobre os negros e sobre África. “E nós temos moi boas cousas que tamén hai que ensinar”. Se a sociedade non llas ensina ó seu fillo, Mundiño terá de facelo. Todo, con tal de evitar que, no peor dos casos, o fillo esqueza as súas raíces e sexa asimilado por unha cultura da que pode aprender moito, pero que non é a súa.



Navegando o mañá

O camiño para unha integración efectiva pasa polos máis novos, polos nenos nacidos aquí, algúns xa adolescentes, ou polos que chegaron a Burela sendo aínda pequenos. O día a día na escola tradúcese nunha constante interculturalidade, nunha relación entre burelenses e caboverdianos, aínda que ás veces a inocencia infantil se torna en crueldade. Tralo primeiro día de colexio o fillo de Mundiño chegou á casa e contoulle que os nenos o chamaban “negrito”. O pai explicoulle, sen estar moi seguro, que o único diferente nel era a cor da pel. Porque a outra diferencia é, para a maioría dos nenos caboverdianos, o fracaso escolar. Ós rapaces dánselles aulas de apoio, que sen embargo non son suficientes para solucionar un problema de adaptación, ó que se lle une outro atranco: a triglosia. Son nenos que ven como se lles dan distintas funcións ó criolo (a súa lingua nai, que empregan só –e non sempre- na casa), ó galego (a lingua nai dos seus compañeiros) e ó castelán (que moitos estudian en pasantías polas tardes).


Quizais sexan estas dificultades as que desaniman ós rapaces caboverdianos a continuar os estudios mais aló da etapa obrigatoria. O certo é que ata o de agora ningún conseguiu pasar o bacharelato, aínda que hai un par deles dispostos a matricularse o vindeiro ano. As rapazas, sabedoras da pouca saída profesional que teñen se deixan os estudios, poñen máis da súa parte para facer ciclos de formación ou cursos de aprendizaxe. Ós rapaces sempre lles queda o mar, se non sacan adiante os estudios. Pero cada vez máis, ven no fútbol outro camiño cara o éxito.



Nilson ten catorce anos e seu pai leva quince indo ó mar. Un día, non hai moito, chegou do colexio e comezoulle a explicar ó pai, con entusiasmo, que había equipos da zona nos que podería adestrar e xogar a próxima tempada. No colexio os compañeiros anímano á vez que envexan a rapidez coa que se move no campo. E Nilson só pensa nas experiencias de Valú, de Félix ou de Adriano, auténticas estrelas futbolísticas, ídolos da afección, aplaudidos, queridos. E, parece que non é coincidencia, eles si teñen un traballo en terra.



As aspiracións dos caboverdianos que viven en Burela son diferentes segundo cadaquén, pero no que todos coinciden é en pronunciar dúas palabras: futuro e mellor. Mellor vida, igualdade, integración. Poder desenvolver a súa cultura, algúns dos seus costumes nunha sociedade burelesa que os respecte. E iso era algo que se estaba comezando a acadar coas festas caboverdianas: exposicións audiovisuais, mostras da súa cultura, música popular... reunidas dúas veces ó ano (en maio e en Nadal) por iniciativa de Tabanka e do Concello. Á primeira festa caboverdiana só foron tres brancos. Á última, ducias. Sen embargo en maio deste ano non se celebrou a festa. Os servicios sociais din que non había cartos para pagar as actuacións. Lucinda di que a festa era unha das poucas formas de integración que había. “Cada vez ía máis xente, e era... estar todos xuntos, brancos e negros. Non seguir coa festa é un paso atrás”.

Galería: A comunidade caboverdiana

Galería: A comunidade caboverdiana

As orixes. A comunidade caboverdiana da Mariña procede, na súa maior parte, da Ilha de Santiago (Cabo Verde). Na foto, nenos na vila de Ribeira da Barca. Foto: Luzia Fernandez.

Galería: A comunidade caboverdiana

Galería: A comunidade caboverdiana

Nenos e nenas de Portomosquito. Illa de Santiago. Cabo Verde. Foto: Luzia Fernandez.

Galería: A comunidade caboverdiana

Galería: A comunidade caboverdiana

Actuación do grupo Batuko Tabanka, formado por emigrantes caboverdianas na Mariña, nun acto da Marcha Mundial das Mulleres. Compostela. Novembro de 2001.

Galería: A comunidade caboverdiana

Galería: A comunidade caboverdiana

Obradoiro de autoestima e habilidades sociais. Burela, marzo 99. Foto: Luzia Fernandez.

Galería: A comunidade caboverdiana

Galería: A comunidade caboverdiana

Apátridas. Nenos e nenas nacidos en Burela que non contan coa nacionalidade española. Foto: Luzia Fernández

Datos sobre a comunidade caboverdiana.
A antropóloga Luzía Fernández traballou coa comunidade caboverdiana en Burela en varios programas de cooperación. Nesta serie de textos, a investigadora explica máis sobre Caboverde e analiza a situación social, dende unha perspectiva antropolóxica, da comunidade caboverdiana en Burela.