O festival de danza En Pé de Pedra corre o risco de desaparecer pola falta de financiamento

O mal da pedra

En Pé de Pedra, o festival de danza na rúa que se celebra anualmente en Compostela, podería estar a ver esta semana a súa derradeira edición por problemas de financiamento. Desde o Teatro Galán, organizador do evento, reclaman unha maior axuda pública para manter un encontro que atrae cada ano máis afeccionados a este xénero e que está considerado coma un dos máis importantes de Europa. Os interesados en ver o baile téñeno fácil, será nas rúas e prazas de Compostela entre o 28 e o 30 de xuño.

E ó principio foi a danza


Levar a rúa e integrar a rúa na danza sen interferir no desenvolvemento da actividade cotiá dos cidadáns. Ofrecer espectáculos para persoas de todo tipo non necesariamente interesadas na danza e abrir a afección a este xénero. Espectáculos sen escenarios, cun tempo de montaxe mínima, adaptando as coreografías ós lugares en que se desenvolve a obra. Estas eran as intencións coas que nacía en 1995 a edición piloto de En Pé de Pedra, Danza para Paseantes. A iniciativa partiu desde o Teatro Galán, espacio de representación independente que se puxera en marcha só dous anos antes danza á.
Así, cun orzamento duns dous millóns de medio de pesetas aportados polo Concello e co equipo técnico e o persoal que comparten o Teatro Galán e o grupo Matarile Teatro, cinco solistas e compañías de Madrid e de Barcelona encheron a cidade cos seus pasos e acadaron un grande éxito de público.




In crescendo (máis ou menos)


A cousa foi medrando ós poucos, coa presencia, xa na segunda edición de compañías provenientes de Estados Unidos e Canadá. Máis tarde viñeron as visitas desde Xapón ou Brasil entre moitos outros lugares. A internacionalización do festival tamén se nota no feito de que representa a Compostela na rede Cidades que Danzan, onda urbes coma La Habana, Río de Janeiro e outras, ata un total de catorce lugares nos que se desenvolven festivais de danza na rúa.
De calquera xeito, os organizadores téñeno claro, non queren máis de dez compañías en cada edición, e de feito, nos últimos dous anos diminuíu o número de participantes mentres se mantiñan as cifras de público. Os organizadores falan de quince mil espectadores en cada unha das dúas últimas edicións, chegando a reunirse ata tres mil persoas na Praza da Quintana para o peche do evento. Neste 2002 están a producirse moitas chamadas de afeccionados de todo o mundo interesados en acudir, o que promete unha asistencia multitudinaria.




Como


O traballo comeza uns seis meses antes de cada festival, cando desde a Sala Galán comezan a chamar a compañías de medio mundo para convidalas a participar e negociar o custo de traelas. En moitos dos casos os artistas que participan no festival cobran por baixo do seu caché habitual. Partindo das obras xa coñecidas das diferentes formacións, os organizadores propóñenlles espacios de Compostela ós bailaríns, incluíndo datos co tamaño do lugar concreto, a inclinación, fotografías...
Despois son as propias compañías as que se encargan de adaptar as súas obras ós espacios dos que dispoñen. A dureza da pedra das rúas compostelás limitan en moitas ocasións o traballo de chan que poden desenvolver os bailaríns, outras veces hai elementos do contorno, coma fontes ou escaleiras que se incorporan ás coreografías. En media hora aproximadamente móntanse a escasa escenografía, a iluminación se cómpre e o son. Logo de bailar todo se desmonta noutra media hora, sen deixar pegada. A pesar das condicións moitas veces desfavorables do terreo, as seis edicións celebradas saldáronse sen ningunha lesión entre os participantes.



As contas claras



A actual edición de En Pé de Pedra precisaría aproximadamente de 60.100 euros (dez millóns de pesetas aproximadamente) dos que ata o de agora só hai 49.500 (oito millóns e cuarto). Destes, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) aportou 24.000 euros (catro millóns) e a garantía de continuar co seu apoio ó proxecto. Outro convenio co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) fai que esta institución aporte 4.500 euros (750.000 ptas) a cambio de que unha das actuacións do festival se realice no seu interior. Finalmente o Consello da Cultura Galega, apoia con 3.000 euros esta actividade. Un convenio asinado co Concello de Compostela a falta dunha semana do inicio do festival sumou 18.000 euros (tres millóns de pesetas) ás arcas da organización, pero aínda non están cubertos todos os gastos. Desde a Sala Galán destinan parte dos 18.000 euros que anualmente reciben do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais para o funcionamento do propio local. Onda estas entidades, os organizadores reciben o apoio en publicidade ou prestacións do xornal “La Voz de Galicia”, da imprenta Gráficas Litonor e da compañía de alugueiro de coches Autos Brea. A propia Ana Vallés, unha das organizadoras, recoñece que acudiron a diferentes empresas, caixas de aforros e fundacións na busca dun apoio que lles foi denegado.
Con estes cartos cóbrense os soldos de vinte persoas do equipo técnico que, segundo a organización cobra moi por debaixo do habitual nestes eventos. Ademais págase o aloxamento das compañías e cóbrense os gastos de varios xornalistas e programadores teatrais de prestixio internacional.
Desde o Teatro Galán reclaman un apoio maior e máis continuado ó evento, xa que ata o de agora nunca souberon de antemán o orzamento de que dispuñan para organizar este evento ata poucas semanas antes de poñelo en marcha, o que crea evidentes dificultades de organización.





A última (¿derradeira?) edición



A sétima edición de En Pé de Pedra achegará a Compostela as coreografías de Hisako Horikawa (Xapón), Korzo Producties (Países Baixos), Kubilaï Khan Investigations (Francia), Provisional Danza (Madrid), Andrés Corchero-Rosa Muñoz (Barcelona), e os galegos Matarile Teatro desde Compostela e B. Monteagudo-Ana B. Pérez e A. Martén que debutan desde A Coruña. Un total de sete compañías que ofrecerán entre o vinteoito e o trinta e xuño catorce actuacións en lugares tan emblemáticos coma a Praza da Quintana, a de Praterías e a do Toral; o CGAC; o Palco da Música e o Paseo dos Leóns (cunha actuación con monopatíns) na Alameda, e diferentes zonas do Parque de Bonaval.



O ¿futuro?

O futuro do festival depende dos apoios económicos con que conte a partir de agora. Segundo sinalan nun texto que os organizadores achegan co programa, “o equipo do Teatro Galán non pode asumi-lo déficit que xera En Pé de Pedra ano tras ano”. De acadar un apoio mínimo e continuado de ano en ano, a pretensión é manter a programación nun máximo de dez compañías. Tendo máis cartos, os organizadores falan de facer encontros entre profesionais da danza de xeito paralelo ás actuacións, habilitar no programa un espacio para que novos coreógrafos presenten as súas obras, e mesmo traer a Compostela un dos congresos da rede Cidades que Danzan.
No caso de non acadar un apoio económico suficiente e estable, desde o Teatro Galán barallan a posibilidade de que En Pé de Pedra desapareza ou mesmo de que se traslade a outra cidade coma A Coruña. En palabras de Ana Vallés, “Esperanzas hai moitas, o futuro é incerto”.
Documento: Móllate en Compostela.
Este texto está a distribuirse onda o programa do festival. Nel, os organizadores de En Pé de Pedra sinalan as dificultades económicas polas que pasa o festival e reclaman unha maior implicación de institucións e empresas e anima ós espectadores a colaborar.
Documento: Programa En Pé de Pedra 2002.
Programa completo da VII Edición de En Pé de Pedra, con horarios, currículo dos participantes e explicación dos espectáculos.