Un novo de posgrao ensina a realizar materiais educativos multimedia

Aprender a ensinar por todos os medios

As posibilidades que para a educación teñen as novas tecnoloxías analizarnase no novo curso de posgrao "Deseños de materiais multimedia educativos" que se celebrará en Compostela a partir do vindeiro mes de xaneiro. Pero se realmente o que interesa é ver a aplicación da rede ós contidos informativos, a Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) preséntanos o primeiro "Master de enxeñería de contidos multimedia" que comezará este outono. E outro xeito de aprendizaxe a través da rede é o que presentou onte a Aula de Productos Lácteos de Galicia, que a través da súa web tecal.net ofrece cursos sobre diferentes aspectos do mundo lácteo.

Aprender a ensinar


O deseño e a composición visual, as relacións entre ensino e aprendizaxe nos materiais deste tipo e o emprego dos recursos multimedia son algúns dos temas que se tratarán no curso de posgrao "Deseños de materiais multimedia educativos" que comezará o vindeiro mes de xaneiro.
O curso de 392 horas de duración e 135 horas de prácticas en empresas do sector multimedia, pretende achegar a licenciados en Pedagoxía, Psicopedagoxía ou Educación Social as posibilidades dos materiais multimedia na educación e o xeito de producir eses materiais.
Entre os encargados de impartir o curso atópanse especialistas de prestixio coma Begoña Gros, da Universidade Autónoma de Barcelona, Ángel González da Politécnica de Madrid, Nicolás del Río, de Dygra, Carlos Marcelo, da Universidade de Sevilla e Lourdes Montero da USC.
O curso desenvolverase maioritariamente a través de internet, e só un vinte por cento das sesións terán carácter presencial.











Novas formas de comunicar



Ata o vinteún de outubro está aberto o prazo de inscripción para o "Master e Exeñería de Contidos Multimedia" que, organizado pola Facultade de Xornalismo da USC, comezará o día catro do mes de febreiro e rematará o seguinte outubro.
Este master, o primeiro do seu tipo que se convoca desde esta facultade, pretende fornecer ós vintecinco alumnos que participen nel dos coñecementos necesarios para desenvolver productos multimedia.
Así, no curso trataranse aspectos coma os diferentes soportes dixitais, linguaxes de programación, tratamento dixital de fotografías, ou animación en tres dimensións entre outras cuestións técnicas. Ademais abordaranse aspectos teóricos sobre as posibilidades do multimedia falando sobre o márketing coas novas tecnoloxías ou as diferentes estratexias de creación destes productos.
O master, que terá unha carga lectiva de sesenta e tres créditos, está dirixido por Xosé López, decano da Facultade, e os profesores Xosé Ramón Pousa, Xavier Vaz e Marita Otero.





Cursos sobre o leite


A Aula de Productos Lácteos de Lugo vén de presentar a súa nova web, tecal.net, que inclúe abondosa información sobre o centro e unha aula virtual desde a que se impartirán, vía internet cursos sobre os procesos do leite.
A nova web inclúe ademais difeterentes noticias e un resume de prensa sobre temas relacionados co leite e coas industrias lácteas, e está previsto que en pouco tempo, se poña en marcha a través deste soporte o proxecto Metafor, que permitirá achegar ás diferentes explotacións lácteas, cursos por satélica, con grande calidade de imaxe.
O equipo encargado da realización desta web é o mesmo que realizou o portal pescagalicia.es para a Consellería de pesca, no que tamén se poden realizar diferentes cursos de formación vía web.