Cando o medio é a mensaxe

Dous especialistas dan as claves na caracterización e indumentaria dos espectáculos escénicos

Da película <i>Tapas</i>
Da película Tapas
Non todo é o que parece. E a vestimenta e a maquillaxe son dous elementos fundamentais para contribuír a ese xogo de verdades e mentiras que recolle o cine ou o teatro. Alejandra Montemayor e Toni Martín sábeno perfectamente e o seu traballo consiste en que as personaxes que aparecen nos espectáculos estean caracterizadas… por esixencias do guión.

Parecer dez anos maior, simular amputacións e feridas graves (e non tanto) ou crear vestidos con ramas de árbores ou latas de refresco. Este é o universo co que traballan Alejandra Montemayor e Toni Martín todos os días. Son os especialistas en conseguir que unha personaxe sexa o que o guión di que ha de ser. E non é un traballo doado.

Pero ¿Cómo se crea unha personaxe?
“Estás engadindo parte da personalidade, porque coa túa achega estás axudando a definir a personaxe” apunta Toni Martín, responsable de figuración e indumentaria de numerosos espectáculos e películas como Tapas de Juan Cruz e Jose Corbacho. Algo que completa Alejandra Montemayor, que foi profesora de caracterización na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) aínda que agora orientou a súa carreira cara a iluminación teatral e o espazo escénico, ao engadir que “é o primeiro que ve o público, moito antes de que o actor pronuncie a súa primeira palabra”. Os dous imparten esta semana un curso en Santiago para explicarlles o seu traballo aos profesionais das artes escénicas e, de paso, darlle trucos prácticos.

Pero todo ese proceso de construción das personaxes comeza moito antes e hai un longo traballo. “O primeiro que hai que facer é unha análise do texto e da personaxe, para ver as súas peculiaridades, as necesidades e a caracterización” explica Alejandra. Un proxecto que é consensuado co escenógrafo e co director e, entre todos eles, comeza a establecerse as premisas. A isto hai que engadirlle, apunta Toni Martín, o feito de que “temos que saber que vai exercer de motor a nivel de vestiario, o tipo de espectáculo, a dramaturxia que se pretende conseguir”. E con esas premisas é cando se comeza a traballar nunha proposta. “Non é o mesmo traballar para teatro, no que os actores están a máis de oito metros, que para o cine, no que os primeiros planos e os planos curtos obrigan a outro tipo de caracterización” apunta Alejandra.

Unha mutación aberta
“Hai que ter en conta que non é un proxecto pechado, senón que no mesmo desenvolvemento da obra poden xurdir novas necesidades, novas particularidades que obrigan a establecer cambios” apunta Martín.

No caso de Alejandra cómpre empezar cunha “análise da cara do actriz ou actor, para saber como hai que traballar para facer, por exemplo, avellentamentos, ou feridas ou marcas físicas”. Pero non todo ten que ser maquillaxe naturalista, hai tamén pinturas que axudan a construír personaxes como poden ser novas figuras nos pés ou nas mans, posibilidades que axudan a crear novos universos, para espectáculos particulares. E isto leva directamente aos materiais que se empregan. “Carne artificial, que se pode conseguir por encarga en tendas especializadas, pelo, látex… é o que empregamos para facer o noso traballo” explica Alejandra. A aparición do látex supuxo toda unha revolución que lle permitiu unha maior flexibilidade. Pero non só na caracterización, senón tamén na indumentaria. Toni Martín explica que non se reduce á vestimenta, a roupa que levan os artistas, senón tamén a “todos aqueles elementos que trascenden a idea de vestido”. Na súa opinión “partes dunha base máis téxtil, pero como figurinista a túa mentalidade ten que ser aberta e poder ser quen de transportar ao espectador a outro universo que che axude para crear”. Para el é a grande diferenza co mundo da moda, xa que non te unha industria por detrás que marca unha funcionalidade, uns criterios de venda ou outros obxectivos que non sexan os meramente creativos.

No fondo, tanto o traballo de Alejandra como o de Toni pretenden conseguir esa atmosfera que establece o guión e que permite ao espectador trasladarse, durante o tempo que dura o espectáculo, a un novo universo.

Caracterizacións

Caracterizacións

La Meva Mercé

La Meva Mercé

La Meva Mercè

La Meva Mercè