O retorno de Leo Caldas

A praia dos afogados recupera un dos personaxes de máis éxito da narrativa recente

Con Ollos de auga o inspector Leo Caldas fíxose un oco no imaxinario das nosas letras actuais. Máis de dez mil exemplares vendidos, seis edicións, traducións e premios internacionais fixeron de Domingo Villar unha das grandes revelacións das nosas letras nos últimos anos. Agora, Galaxia presenta a segunda entrega das aventuras deste personaxe. A praia dos afogados amosa un novo caso para o inspector, pero o seu autor asegura que a historia non queda nunha simple investigación. Falamos con el sobre a obra e sobre o éxito do seu personaxe e achegámosche o video promocional da editorial Galaxia.

¿Como naceu Leo Caldas?
Desde hai moito tempo souben que quería escribir, pero en vez de me dedicar a facer narrativa desde o primeiro momento tomei o camiño longo e estiven a picar en diferentes flores. Finalmente acabei no que realmente quería, que era contar historias de un a un. Eu sabía que quería facer unha novela policial, tíñaa dando voltas na cabeza. Ollos de auga non era máis ca un caso policial con personaxes feitos con trazo groso, sen moito detall. A idea que tiña era que se a novela callaba máis ou menos ben entre os lectores, seguiría escribindo sobre o mesmo personaxe. Cando comecei a escribir non tiña nin idea de se alguén ía publicar aquilo. Vendo que tivo aceptación, decidín continuar. Nese sentido, A praia dos afogados é xa algo máis ca un caso policial. Hai unha investigación pero tamén é a historia de homes e mulleres que son os personaxes diferentes da novela.

¿Cales son as razóns do éxito de Ollos de auga?
Non mo explico, penso que non hai razón e que é difícil de explicar. Supoño que parte do éxito terá que ver con facer o que che gustaría atopar coma lector, pero non atopo razón, teño amigos con manuscritos espléndidos que non os dan publicado. Supoño que hai tamén un factor sorte.

¿Pensa que a novela negra está a pasar un bo momento a nivel internacional?
O que me parece é que a novela negra está a tirar o sambenito de ser unha literatura de segunda orde. Penso que hai un grande público que se decatou de que ler novela negra non é algo para tipos raros, e si está a conquistar certos lectores máis sisudos. Supoño que iso ten certa importáncia para o xénero. En calquera caso, a min gústame a novela negra cando está ben, igual que a histórica, a erótica ou a romántica. Supoño que os libros que están ben funcionan con independencia do xénero que toquen.

¿Veremos máis aventuras de Leo Caldas?
Ando bulindo todo o tempo e dándolle voltas. Agardo que si. conto con amigos que son Leo Caldas, o seu axudante, o pai, o comisario e o resto do persoal da comisaría para ir da man deles. Entón, mentres me divirta escribindo aventuras de Leo Caldas e haxa tamén quen se divirta léndoas, penso que seguirei.