Novidades sobre os centros comerciais abertos en Pontevedra e Compostela

Abrir polo centro

A Asociación Seminario de Estudios Socieconómicos Carlos Velasco de Pontevedra presentou onte o seu estudio "Horizonte comercial do casco histórico (I)" no que analiza as posibilidades da zona vella pontevedresa e propón liñas de actuación de cara ó futuro Centro Comercial Urbano que se está desenvolver por iniciativa dos comerciantes locais en colaboración coa Consellería de Industria e Comoercio. Mentres, desde Compostela anúnciase para este mes a posta en marcha do Centro Comercial Aberto da capital, que será pioneiro no país. E, por se fose pouco, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo vén de decidir que Cangas será a primeira vila comarca na que se desenvolverá un proxecto destas características.

Proxecto en Pontevedra


O estudio que presentou onte o Seminario de Estudios Socioeconómicos Carlos Velasco recolle as opinións dos propios comerciantes da zona vella de Pontevedra e analiza as posibilidades que ofrece a constitución dun Centro Comercial Urbano para a zona vella da cidade. O Seminario propón catro liñas de desenvolvemento para o Casco Histórico que son, ademais da actividade puramente comercial, a restauración, a actividade turística e cultural e as posibilidades residenciais da zona. Cada unha destas actividades concentraríase nunha área concreta do casco histórico, atendendo á actual preeminencia dun tipo ou outro de negocio en cada área. Así, apoiase o Mercado de Abastos e as prazas que contan con pequenos establecementos como puntos fortes para a actividade comercial da zona, mentres que a área o museo e monumentos como a igrexa de San Bartolomé conformarían a zona fundamentalmente cultural.
O estudio sinala a importancia que a peonalización do Casco Histórico terá para permitir o desenvolvemento do futuro Centro Comercial Urbano, e apuntou a necesidade de realizar melloras na limpeza e na vixilancia da zona, así como de ofetar unha variedade de servicios que atria ó consumidor. Tamén se salientou a importancia do financiamento que recibirá o Casco Histórico de cara a este proxecto, que sera costeado nun setenta por cento pola Consellería de Industria. As actuacións incluirán obras de renovación das prazas e rehabilitación de monumentos.
Este estudio, desenvolvido durante o ano 2001 supón a primeira fase da catro nas que se divide o proxecto ata o ano 2004. No ano actual preténdense realizar as primeiras intervencións no casco histórico, no 2003 porase en marcha o centro e para o 2004 procederase á súa consolidación.











Posta en marcha en Compostela


Este mes de xuño constituirase oficialmente e presentarase ó público o Centro Comercial Aberto do casco histórico compostelán. Así nos vindeiros meses comezarán as actividades de harmonización da imaxe dos locais e dunha sinalización máis axeitada, así como a edición de planos nas que se recolla a localización dos diferentes comercios e a publicidade común. Tamén se porá en marcha un gabinete técnico de apoio ó sector para coñecer subvencións, cursos de formacións e outro tipo de asesoramento. Todas as actividades do centro desenvolveranse en idioma galego, mercede ó recente convenio asinado entre o concello e as asociacións de comerciantes que promoven o Centro Comercial. O custo total do proxecto de sinalización inicial será cuberta nun setenta por cento pola Consellería de Industria, aportando o Concello o trinta por cento dos 151.397 euros en que está orzamentado o proxecto.
Este será o primeiro centro destas características que se pón en marcha no país.





Futuro en Cangas

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo anunciou que Cangas acollerá o primeiro centro comercial aberto desta comarca. Logo de chegar a un acordo Concello, crearase agora unha comisión de seguimento para acordar as actuacións que se desenvolverán e se designará un xerente que coordine as actividades. A Consellería de Industria aporará a maior parte do orzamento necesario para desenvolver este proxecto.
O centro comercial aberto consiste na organización dos diferentes comercios minoristas dunha mesma zona nun organismo común, desde o que se realizan accións publicitarias e promocionais colectivas. Ademais, supón actuacións de mellora nas zonas públicas nas que está ubicado o cenro e unha harmonización da imaxe pública dos establecementos implicados. Tamén se procura buscar unha modernización nas técnicas de venda e desenvolver estratexias de desenvolvemento atendendo ás posibilidades de cada zona. Con estas iniciativas búscase consolidar o pequeno comercio fronte ás grandes superficies ó tempo que se dinamizan social e culturalmente as zonas nas que se intalan os centros.