É a primeira vez na historia do Centro Galego de Arte Contemporánea que a Comisión Superior de Bens Culturais, entidade con carácter consultivo, solicita información adicional no proceso rutinario de compra de obra. Foi na xuntanza habitual que ten a Comisión despois de ARCO (a feira de arte contemporánea coa que o CGAC ten un compromiso de adquisición), na que se presenta o listado de compras anuais. Nesta ocasión, a dirección do centro presentaba obras por importe de 500.000 euros (cifra máis baixa que no ano anterior, cando superou os 600.000 euros) que quedou sen aprobar á espera de solicitar novos informes. A decisión da comisión, que se volverá reunir o 1 de abril, ten carácter consultivo, sendo a Dirección Xeral de Patrimonio a que ten a última palabra no proceso de compra.







