O filósofo Xavier Rubért de Ventós abre o foro sobre O valor crítico dos bens culturais

O encontro desenvólvese ata o sábado no salón de actos do Consello da Cultura Galega

A creación e a conservación son dous polos da mesma realidade cultural. Sobre esta dualidade abórdase o foro O valor crítico dos bens culturais que arrinca hoxe no Consello da Cultura Galega. O encontro reflexiona sobre a necesidade de manter unha actitude crítica dos bens culturais que definen a “ conciencia colectiva” dos pobos. E todas estas dimensións analizaranse desde o punto de vista da conciencia (coa presenza do filósofo Xavier Rubert de Ventós), a memoria (co catedrático de Estética Simón Marchán), a escrita (coa escritora Susana Fortes) ou a arte (con Antón Patiño), entre outras moitas visións. O foro fai parte dos seminarios de debate organizados pola institución para celebrar os seus 25 anos de existencia.