Teatro do Atlántico mergúllase na Galicia medieval en Unha primavera para Aldara

Feira Galega das Artes Escénicas 2008 - Montaxes

Moitas cousas de particular ten a última montaxe de Teatro do Atlántico. En primeiro lugar, é o texto co que Teresa Moure se estrea no xénero teatral. En segundo lugar, que foi premio Rafael Dieste de creación dramática da Deputación da Coruña. E en terceiro lugar que se trata dunha obra que tivo que ser simplificada e adaptada pola súa complexidade. Sitúa no interior dun mosteiro feminino, na Galicia do século XV nunha época na que estoupa a Revolta Irmandiña, chega ao convento un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla e necesitado de refuxio e de coidados. As regras non permiten a presenza masculina no mosteiro, pero as monxas deciden poñer por diante a misericordia e acoller o forasteiro ata que se vexa curado das súas feridas... Mais toda decisión arrastra consecuencias.


Crítica

“Teatro do Atlántico estrea o primeiro texto teatral de Teresa Moure.” Por Andrea Pino



A sólida estrutura dramática do primeiro texto teatral de Teresa Moure, que sostén unha trama costumbrista de anclaxes teóricas algo trilladas, asenta no poder da palabra como motor fundamental da acción. Isto acaelle ben á poética habitual de Xulio Lago, quen adoita identificar teatralidade e diálogo. Se ben este afán discursivo do director afasta formalmente á montaxe das novas linguaxes coas que o teatro vén experimentando nas últimas décadas, Unha primavera para Aldara non deixa de dar conta dunha temática complexa e plenamente actual: a da loita das mulleres por construir e preservar espazos e imaxinarios propios que parten das súas vivencias diferenciais e encarnadas da sexualidade, do poder ou do amor. A montaxe traslada a problemática á vida das mulleres que habitan un cenobio da Galiza do século XV. A situación límite á que obriga á revolta irmandiña que comeza no exterior trastornará a calma de Aldara e da súa comunidade de monxas e novicias, que optarán por facerlle fronte aos problemas levando por bandeira a súa feminidade.

Aínda que pode custar seguir dúas horas de vellas convencións escénicas, pensó que hai dúas razóns importantes polas que ir ver Unha primavera para Aldara. En primeiro lugar, porque é un gusto recibir novas incorporacións ao panorama da escrita teatral en galego e poder disfrutalas sobre as táboas de forma case inmediata. En segundo lugar, porque a proposta de Teatro do Atlántico afronta con sensibilidade o reto último que propón o texto. Visibilizar as experiencias de pracer e disidencia das mulleres baixo parámetros de seu, que non son outros que os que nós mesmas construimos e alimentamos ao fío dos nosos desexos íntimos e das nosas rebelións cotiás, esixe unha posta en escena e un traballo actoral que, como é o caso, non se deixe condicionar pola norma que dicta a ollada masculina.