Xabier Díaz e Luz Casal estarán no Festival intercéltico de Lorient

A representación galega complétase coa gaiteira Lucía Comesaña e as formacións Herba Grileira e O Fiadeiro

Xabier Díaz
Xabier Díaz
A 54ª edición do festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar na localidade bretoa entre o 1 e o 10 de agosto, inclúe no seu programa a artista convidados representando as diversas nacións celtas. No caso de Galicia a organización inclúe este ano as actuacións da cantante Luz Casal, Xabier Díaz (en solitario e en formato cuarteto), Lucía Comesaña, o grupo de baile O Fiadeiro e a Banda de Gaitas Herba Grileira. A edición deste ano do festival está dedicada a 'Os primos de América'.

No caso da artista de Boimorto, Casal actuará o luns 4 de agosto no festival, que na súa presentación lembra entre os méritos da cantante ter a Medalla de Ouro ao mérito das Belas Artes, imposta en 2007 polo Ministère de l’Éducation, de la Culture et des Sports de Francia. No caso de Xabier Díaz, que a organización recoñece como "un dos nomes máis importantes da música galega tradicional", o artista está no programa por partida dupla. Actuará en formato cuarteto o 6 de agosto, acompañado de Roberto Grandal, Iván Costa e Virxilio da Silva, e en solitario o día 7 de agosto en dúas sesións. Pola súa banda a gaiteira viguesa Lucía Comesaña dará unha 'Master Class' do instrumento. No caso das dúas formacións tradicionais, A Asociación folclórica viguesa O Fiadeiro e a banda de gaitas Herba da Grileira de Melide, tomarán parte en diversas actividades ao longo do programa do festival.