Andrea Davila explora a relación entre o corpo e o ecosistema en NÉBOA

A boirense dá continuidade a unha investigación iniciada durante unha residencia artística en Suíza

Obra de Andrea Davila na exposición
Obra de Andrea Davila na exposición
A galería NÉBOA (Rúa Lamas de Prado 31, Lugo) presenta este verán (ata o 12 de setembro) a exposición 'a sweaty dispersal into the fog', un proxecto da artista Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) comisariado por Nuria López Blanco. A mostra preséntase como unha proposta que entrelaza escultura, corpo e paisaxe "desde unha óptica feminista posthumana". Esta exposición nace do proxecto iniciado por Davila durante a súa residencia en Atelier Mondial–Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea (Suíza), e dá continuidade a unha investigación artística centrada na relación entre o corpo e o seu contorno como ecosistema "vivo, poroso e afectivo". A través dunha práctica escultórica guiada pola intuición e polo comportamento dos materiais (fibra de vidro, aceiro inoxidable, auga salgada, imaxes recollidas da paisaxe), a artista propón un achegamento sensíbel e non xerárquico entre o humano e o non humano.

A mostra acompáñase dun texto comisarial que narra a experiencia de correr xunto á ría, onde o corpo entra en contacto coa humidade, a luz, o salitre e o metal. En palabras da comisaria, "o traballo de Andrea existe nese lugar e nese momento, no que ela deixa de correr, no que o alento seca e o suor disípase nesa néboa salgada". Este xesto poético tradúcese nunha instalación que convida a repensar a nosa maneira de habitar e coidar o contorno desde o corpo e os seus límites difusos. A obra de Davila Rubio sitúase no cruce entre escultura, ecoloxía afectiva e experiencia corporal. Desde este lugar, a exposición 'a sweaty dispersal into the fog' evoca, segundo a súa comisaria, unha coreografía líquida de corpos que transpiran, se evaporan, se transforman e cohabitan un mesmo espazo brumoso e salgado.

A artista
Andrea Davila Rubio é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. A súa obra foi exposta en espazos como der TANK (Basilea), Fundación Sales (Vigo), Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona) e Matadero Madrid, entre outros. Ten recibido numerosos premios, e a súa obra forma parte das coleccións públicas da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.
Ligazóns