Teatro do Noroeste presenta a comedia de dúas mulleres desamparadas en Extrarradios

Feira Galega das Artes Escénicas 2008 - Montaxes

Comedia urbana, aínda que marxinal, sobre o frutífero encontro de dúas mulleres singulares: unha mendiga chegada ao punto de maior degradación e unha puta de estrada barata e acabada, que disputan o seu espazo vital, a parada abandonada do bus 108. Nos límites imprecisos da cidade, e posiblemente tamén da realidade, móvense estes personaxes que, a pesar da súa lateralidade, manteñen o seu dereito a seren felices. Se cadra, todo podería acontecer doutro xeito, pero elas asumen cunha dignidade túzara a parte que lles tocou vivir. A casualidade fai que Raquel, a puta de estrada, e a mendiga se atopen. Transitan uns espazos onde o encontro era posible e, unha vez que este se dá, acontece como nesas asociacións interesadas de animais de distinta natureza que, complementándose, conviven.


Crítica

"Extrarradios, celebrar as marxes, o abrazo violento das desamparadas" por Andrea Pino




A cidade cuspe mulleres rotas coma quen sacode as pulgas ou arrinca os pelos das pernas. A vertixe da noite fai o resto: provoca encontros azarosos e alianzas inusitadas que ben poden valer esta comedia na que a puta e a mendiga se abrazan as traxedias na parada abandonada do autobús 108. A puta, a mendiga, dúas personaxes arquetípicas e, polo tanto, de historias vitais abondo coñecidas polo espectador, que, perante tal falta de expectativa -propia e allea, na ficción e na realidade-, procuran sorprendernos cunha unión estratéxica e libre de moralismos e nostalxias. Raquel e a esmoleira sópranse sorna e viño de brick nas feridas até conseguir que a acción avance cara a un final abertamente amoral co que nós tamén empatizamos, abeirados e esquecidos como estamos no patio de butacas e felizmente embrutecidos coma elas pola crueza dos acontecementos.

A veterana compañía Teatro do Noroeste prosegue viaxe con Extrarradios, unha peza de estrutura sinxela (case fácil) e de traballo actoral pouco arriscado que se afasta das liñas actuais do teatro contemporáneo. Ten ao seu favor a desdramatización coa que Eduardo Alonso trata o tema da marxinalidade e a escolla dun elenco só composto por mulleres (as actrices son Luma Gómez e Victoria Pérez) que tenta trasladar á escena a especificidade de problemáticas sociais complexas como a da prostitución ou a da feminización da pobreza.