Nace a Academia do Audiovisual para conseguir unha vertebración do sector

Con adeptos

O día das letras foi tamén un día para o audiovisual. O día no que os galegos homenaxeaban e recordaban a figura de Frai Martín Sarmiento, dábase a coñecer a creación da Academia Galega do Audiovisual. Unha entidade que terá que unificar esforzcos coa Compostela Film Commission, a AGAPI (Asociación Galega de Productoras Independentes), AEGA (Asociación de Empresas do Audiovisual de Galicia), o Consorcio do Audiovisual e o Observatorio do Audiovisual. E todo isto dentro do marco da Lei do Audiovisual de Galicia. E todas estas entidades comparten unha meta común: o desenvolvemento do audivisual.

Unha máis


Desde que se aprobase a Lei do Audiovisual xa pasaron dous anos. E durante todo este tempo foron aumentando o número de organismos e sociedades ó abeiro de empresas públicas e privadas para o desenvolvemento do audiovisual en Galicia. A última en sumarse a esta iniciativa é a Academia Galega do Audiovisual que escolleu unha data ben simbólica para darse a coñecer. Foi o día das letras galegas, en medio de todo o movemento festivo que honraba este ano a Frai Martín Sarmiento, nacía a institución. Unha institución que terá a súa fundación oficial o vindeiro 30 de maio na Coruña.
Os seus obxectivos, segundo reza no comunicado que fixeron público, son o "desenvolvemento e perfeccionamento de todas as especialidades e disciplinas que integran o audivisual, a promoción e defensa da imaxe pública do conxunto dos profesionais do sector; a formación e troca de experiencias entre tódolos seus membros, así como a análise dos problemas comúns; e a capacidade de galardoar traballos e profesionais no exercicio das nosas actividades artísticas".
Nese intento de servir como ponte entre os diferentes puntos e centros de conexión de todo o audiovisual a Academia Galega será un espacio no que teñan cabida todas as persoas que forman parte do audiovisual: actores, productores, directores, realizadores, guionistas, músicos, directores de fotografía....
E para cumplir todos os seus propósitos a Academia desenvolverá a súa actividade en dúas frontes. Unha interna tentando atopar e identificar as necesidades de todos os profesionais que forman o panorama audiovisual galego e cara fóra, servindo de promoción exterior de todo o que implica o audiovisual.

E as súas relacións coas outras


Cando o vindeiro 30 de maio se funde na Coruña a Academia Galega do Audiovisual estarán máis pormenorizados e concretados os seus obxectivos e a forma de levalos a cabo. Entre outros motivos porque desde que a lei do audiovisual se aprobou deuse lugar a creacion de novas institucións que teñen un obxectivo común que é o despegue do audiovisual. O Consorcio do Audiovisual, creado en outubro do ano pasado daba lugar a unha entidade de dereito público, un patrimonio propio, e plena capacidade para obrar no cumprimento dos seus fins. Un organismo que está regulado por lei e que asinaron a Xunta de Galicia, Caixanova, Caixa Galicia e a CRTVG. Coa Compostela Film Commission un organismo que se encargará de potenciar a cidade como lugar para o desenvolvemento de rodaxes. E todo isto inmerso nun plan de axudas que se ofrecen desde a Xunta, nese interese de Pérez Varela, de converter esta lexislatura na do audiovisual. A Agapi, creada en 1994, é o interlocutor válido e representativo có que contan asproductoras independentes galegas. Agapi é unha asociación anterior a todo o movemento de despegue do audiovisual desenvolvido desde a Xunta de Galicia trala aprobación da lei e que creo uns galardóns para contribuir a unha normalización dun campo, o do audivisual, que está en visos de constituirse como sector. A universidade tamén creou o seu propio organismo e foi o Observatorio do Audiovisual que ten por obxecto o seguemento sistemático da producción, modo de financiamento e circulación das obras cinematográficas e audiovisuais galegas, a súa catalogación, e a actualización permanente dunha base de datos e documental arredor desta ponla da industria da comunicación e da cultura.