Sarabela Teatro acada seis premios María Casares con "Sexismunda"

María Casares chamouse Sexismunda

A compañía Sarabela Teatro fíxose na noite do pasado mércores con seis dos sete premios María Casares ós que estaba nominada pola montaxe Sexismunda. Coincidindo coa celebración do Día Mundial de Teatro os autores galegos nominados ós premios Max reclamaron unha maior atención ó teatros da periferias do Estado. Finalmente, desde o Certame Nacional de Teatro Afeccionado Cidade de Reinosa, chéganos a noticia do segundo premio concedido ó grupo de teatro Bacharel, de Pontevedra.

Os María Casares


Mellor espectáculo, mellor acrtiz protagonista para Elena Seijo, mellor actor secundario para Josito Porto, mellor adaptación, mellor maquillaxe e mellor iluminación. A Sarabela Teatro só lle faltou o premio ó premio á mellor escenografía para acadar os sete premios ós que estaba nominada coa súa obra "Sexismunda".
Outro dos premios máis destacado, o de mellor dirección, foi para Cristina Domínguez polo seu traballo na obra "Coitelos nas galiñas". Vidal Bolaño acadaba o premio ó mellor actor por "Os Papalagui". A mellor actriz secundaria foi Susana Dans, escolleita entre dúas das súas compañeiros en "Rosalía". Esta obra tamén levou o premio á mellor música orixinal, composta por Rodrigo Romaní, e a o galardón á escenografía realizada por Paco Conesa. O vestiario de Carlos Alonso para "Fausto" e o texto orixinal de Quico Cadaval para "Espantoso" foron os outros premiados da velada.
O premio especial Marisa Soto, que recoñece o traballo desenvolvido a prol do teatro durante o último ano foi para a Fundación Teatro Municipal de Tui polo esforzo realizado para rehabilitar este espacio escénico.











Para os Max



O Día do Teatro serviu tamén para presentar publicamente os candidatos galegos ós premios Max, que organiza anualmenta a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e que se entregarán o vindeiro día quince. Roberto Vidal Bolaño con "Mar revolto", Cándido Pazó con "Ñiki ñake" e Eduardo Alonso por "Alta Comedia" competirán dentro da categoría do mellor dramaturgo en lingua galega. Mentres, Sarabela Teatro competirá con outras quince obras de todo o estado por acadar o Premio Revelación coa súa obra "Sexismunda".
O acto de presentación serviu para que os candidatos avaliasen a situación do teatro en Galicia. Así, Vidal Bolaño, lamentou o esquecemento no que se atopaba o teatro galego con respecto a centros coma Madrid e Barcelona. De calquera xeito, agradeceu que a organización do Max establecese o pasado ano a categoría de mellor dramaturgo galego. Bolaño tamén amosou o seu convencemento de que o teatro galego está en crecemento, un incremento que contrasta, segundo el, coa "franca decadencia" dos espectáculos foráneos no noso país. Segundo as estastísticas da SGAE o teatro no noso país perdeu máis de cen mil espectadores durante o ano 2000. Sen embargo, Cándido Pazó sinalou que as estatísticas só recollen o público dos gradnes teatros galegos, sen contar todas as representacións que se realizan en pequenos auditorios.



Premio en Reinosa


O grupo de teatro pontevedrés Bacharel acadou o segundo premio do Certame Nacional de Teatro para Afeccionados "Ciudad de Reinosa", organizado por este concello cántabro en colaboración co grupo Corocotta. O encontro, que reúne compañías de afeccionados todo o estado, valorou o traballo desenvolvido por este grupo na posta en escea da obra "Un millóns de vacas". Esta obra era unha adaptación libre de diferentes textos de Manolo Rivas, e traduciuse ó castelán para ser representada neste certame. Bacharel foi o único grupo galego que acudiu a este encontro. O primeiro premio foi para o gurpo Quía Teatro de Zaragoza por "Ubú Rey".