O ano que vén comezará en Santiago a Escola de Arte Dramática

Drama con estudios

A Escola de Arte Dramática é un proxecto que se leva acariñando durante moito tempo. De feito, todas as persoas implicadas no mundo do teatro consideraban que era o instrumento necesario para dotar o tecido teatral galego da regularización e do seu progresivo desenvolvemento. E así o plasmaron nun proxecto elaborado por unha comisión do Consello da Cultura Galega que servíu de base para o que, desde o ano que vén será unha realidade. Cinco anos despois as partes implicadas nesta idea, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega sentarán as bases do que supón o respaldarazo definitivo ó teatro galego.

Os flecos


A Escola Superior de Arte Dramática é competencia directa e exclusiva da Consellería de Educación. En parte porque a creación desta escola implica darlle unha categoría regularizada e regrada a unha disciplina que estivo sempre minusvalorada e considerada de segundo orde. E iso só se pode facer desde a Xunta. Deste xeito o que se fai é dotala de estudios de réxime especial contemplados pola LOXSE. E iso implica unhas circunstancias de formación, desenvolvemento curricular, alumnado, profesorado, infraestructuras, equipamento e homologado de xeito completamente regrado e a nivel oficial. Así, outórgaselle o mesmo nivel que os estudios de música (que levan anos regularizados) e ós de danza, que coa creación do edificio en Lugo, e co compromiso acadado pola Consellería de Educación de implantar neste ano 2002 o programa de estudios correspondentes. E se a implantación dos graos de estudios de Danza de Lugo está en vías de ser unha realidade porque se está a construir o centro que albergue esta disciplina, o da Escola de Arte Dramática aínda está no aire. De feito, o concello de Santiago está disposto a acoller e, polo tanto a facilitar, a implantación destes estudios. En parte porque, malia que este ano acolleu a Escola de Idiomas e ten concedido un conservatorio de grao medio, é a cidade de Galicia que ten menos oferta de estudios públicos de réxime especial. De momento o Concello de Santiago non propuxo ningún local, pero os únicos centros de titularidade municipal no casco vello son os colexios Santiago Apóstolo na Almárciga, e o López Ferreiro en Xoán XXIII. E para este cometido tamén se baralla a posibilidade do edificio do Pedroso dos misioneiros combonianos. De momento, o concello que considera urxente poñer a andar este centro, aínda que sexa cun local de carácter provisorio.

Os estudios


Os estudios de Arte Dramático están completamente regularizadas pola LOXSE. Para acceder a este ensino de réxime especial hai que ter o título de Bacharelato ou ter máis de vinte anos, e superar unha proba de acceso específica. Os estudios están estructurados en catro cursos académicos con tres especialidades: dirección de escea e dramaturxia; escenografía e interpretación. E o título resultante desta formación é equivalente ó de licenciado universitario. Ademais, neste centro poderíase impartir, ademais da formación inicial, formación permanente e complementaria e podería ter convenios coas universidades para impartir cursos de posgrao.

O proxecto

Falar da Escola Superior de Arte Dramática non é un proxecto novo. De feito, é unha idea que se comezou a xestar en 1996 da man dos TeatraGal (Encontro do Teatro en Galicia e o Norte de Portugal) que demandaron ó Instituto Galego de Estudios e Investigación Teatrais (INGAT) a creación dunha comision que elaborase un documento programático para solicitar a creación en Galicia dunha Escola Superior de Arte Dramática. E ese proxecto recuperouno o Consello da Cultura Galega no 98, organizando esa comisión que demandaban. Un proxecto no que participaron Xosé Manuel García Iglesias, ex-presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, Candido Pazó, autor e director teatral, Rodrigo Porral, inspector da Consellería de Educación, Xosé María Sánchez, presidente do IGAEM, Manuel F. Vieites, profesor de Ensino Medio, en representación do Instituto Galego de Estudios e Investigacións Teatrais, Dolore Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago, Damián Villalaín, editor, crítico teatral e membrod a Ponencia de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.