Castros da cidadanía

Neixón é un exemplo de dinamización cultural a partir da arqueoloxía

Neixón é o primeiro castro de Galicia no que se fixo unha escavación científica. Pero tamén unha área coa que os veciños se foron identificando ao tempo que o castro se foi abrindo ao público. O punto de inflexión desa actitude tivo lugar en 2003, cando a Universidade, o CSIC, A Xunta e o Concello de Boiro iniciaron un proxecto para potenciar este espazo. E os veciños responderon ao anzol.

“Ao principio a comunidade local nunca o sentiu como algo propio” afirma Xurxo Ayán, arqueólogo do CSIC, que leva traballando en Neixón desde o 2003. Máis que nada porque o espazo no que estaban os castros era propiedade comunal e onde os paisanos desenvolvían unha intensa relación económica: ían mariscar, recollían rastroxos…. Así ata que un bo día do 2001 o concello expropiou os terrenos para por en valor o abondoso patrimonio desta zona. Abríase así unha fenda entre os castros e os veciños malia qe sempre viviran de costas a eles.

Un ano despois, no 2002, o concello e a Xunta abrían un Centro de Interpretación co obxectivo de ser unha especie de museo de sitio, no que se exhibiran os achados que se sacaban da investigación do castro. Ao pouco reconverteuse nun centro de recepción de visitantes para amosar a oferta patrimonial e turística. A partir de aí, o laboratorio de arqueoloxía do CSIC implicouse no proxecto e comezou un traballo intensivo de investigación científica. Ademais, co apoio da Dirección Xeral de Xuventude foi cando xurdiu a idea de facer un campo de traballo. Deste xeito, nese ano abrironse dúas frontes: por unha parte o traballo de voluntariado, que permitía continuar coa escavación arqueolóxica e, pola outra, un traballo de conseguir implicar a comunidade local.

Dunha banda: Implicar os veciños
Xurxo Ayán, foi un dos investigadores do CSIC que cheou a Neixón nese momento e recorda que “había unha reacción negativa, unha grande reticencia dos veciños que nos vía como un factor externo”. Por iso, “unha das primeiras cousas que fixemos foi abrir as escavacións á xente da zona” explica Xurxo. Tentamos aplicar o concepto de aberto por obras para que a xente non pensara é un espazo pechado e que se pode estropear, senón todo o contrario”. Pero este arqueólogo ten claro que o verdadeiro punto de inflexión chegou máis tarde, cando os investigadores comezaron a vivir no lugar de Nine e o roce cos veciños se fixo máis intenso.

Foi entón cando comezaron a entrevistar a vellos do contorno no marco dunha liña de investigación etnoarqueolóxica, que lle permitiu reconstruir a vida arredor dos castros e pouco a pouco ir trazando vínculos. “Todo este traballo permitiu darlle a volta a unha situación traumática, creada polo pouco tacto co que se lle arrebataron os terrenos” afirma Xurxo. O mellor momento desa relación tivo lugar o ano pasado cando fomentaron a creación da Asociación de veciños de Neixón de Cespón que desenvolve traballos como recuperación de fotografías, participación dos veciños… “A xente sinte agora que os castros son algo propio e comezan a sentirse orgullosos deles” asegura Ayán. Unha evolución que se pode ver no documental “O neixón:historia viva dun castro”, que acaban de elaborar e que estrearán este sábado como prolegómeno a unha das romarías locais máis populosas.


Da outra: O voluntariado
Desde que se implicou no proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e se converteu en campo de traballo, teñen pasado por Neixón preto de 300 voluntarios. “Comezaron con 25 prazas pero agora son só 20 por cada tanda” explica Xurxo Ayán que considera que “é interesante que traballe con nós xente sen formación arqueolóxica que nos abre unha perspectiva e unas olladas que nós non temos”. Ademais da escavación en si, Xurxo explica que o resto do día poden facer visitas a elementos senlleiros doutras zonas de Galicia; fan obradoiros de fotografía arqueolóxica onde os participantes tiran fotografías polos castros que permiten ver outros puntos de vista sobre o mesmo elemento; recollida sistemática de fotografías das casas das aldeas, que conseguen ademais servir de anzó para a comunidade local. Un material que se dixitaliza e permite facer unha análise documental". Un traballo inxente que desenvolve un equipo chamado "os arqueólogos" por parte dos veciños que ten a súa clave no traballo continuado.