O CGAI ultima a restauración da longametraxe "La tragedia de Xirobio"

Novas das artes da imaxe

O Centro Galego de Artes de Imaxe (CGAI) está a ultimar estes días a restauración de "La tragedia de Xirobio", a primeira longametraxe de ficción realizada en Galicia alá polo 1931. Ademais deste traballo, que ten prevista a súa estrea en marzo, o centro coruñés puxo recentemente na rede vinteunha películas realizadas no noso país e recuperadas nas súas instalacións

Chega Xirobio



A restauración da longametraxe de 1931 "La tragedia del Xirobio", considerada a primeira de ficción do cine galego, está a piques de rematar. O CGAI anunciou a súa intención de estrear en marzo esta producción, unha película muda rodada en branco en negro en 1931 por José Signo e que, partindo dun conto de Castelao, conta as aventuras e desventuras de Xirobio.
Logo de atopar en 1995 parte dos sete rolos da película no Cine Clube Universitario de León e de completalo co material presente na Filmoteca Nacional, o proceso de restauración, do que xa dábamos noticia en outubro do 2000, demorouse un ano máis do previsto.
A pesar de que desde o CGAI se conseguiu recuperar a totalidade da metraxe deste film, quedan aínda por localizar as partituras propias da película.
Agardamos para marzo a estrea mundial deste filme, que na súa época non foi proxectado en ningunha sala comercial pola súa carencia de son nuns tempos nos que o cine sonoro estaba a se impor.











Cine en web



O CGAI tamén puxo en marcha estas últimas semanas a sección Cine Recuperado da súa web. Esta sección, incluída no apartado Audiovisual na Rede, recolle versións dixitais de obras dos pioneiros do cine galego na primeira metade do século XX que foron restaurados nas instalacións deste centro.Así, podemos ver "Miss Ledya", unha curtametraxe de 1916 na que podemos ver a Castelao facendo de pastor protestante. Outras pezas históricas son as vistas de Vigo tomadas en 1926 , "Galicia y Buenos Aires" ou "Pontevedra, cuna de Colón" de 1930. Tamén se poden ver diferentes imaxes de Castelao tomadas por Eligio González en Buenos Aires en diferentes intres da vida do galeguista e os actos celebrados na súa memoria. Na páxina anúnciase tamén a futura posta na rede de curtametraxes e longametraxes do país na rede.