O IGAEM fai balance do 2001 e o Salón Teatro trae novos "Camiños Teatrais"

Facemos reconto

Co ano novo é hora de facer balance dos eventos organizados e do éxito acadado, que sente un punto de anclaxe na nova programación. E isto mesmo foi o que fixo o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), que deu a coñecer os datos de actuación durante o ano que vimos de rematar e que conta con satisfactorios resultados. Un bo número de eventos organizados (uns case 1.200 en diferentes xéneros) e mellor cifras de participación que outros anos (uns 99.160 espectadores) que se completan con outras actividades complementarias (web, catálogos, anuarios, cursos...) que fan que este 2001 fose bo para este organismo. E mentras o IGAEM fai balance, o Salón Teatro acolle desde este venres un novo "tramo" dos "Camiños teatrais" que desde o ano pasado percorren xuntos compañías galegas e portuguesas. Esta vez é o Turno da Companhia de Teatro de Braga ("A moeda falsa") e o Centro Dramático de Viana do Castelo ("O colaborador").

Balance


A cultura tamén ten números. E estos son os que están a facer estes días todos os organismos culturais que analizan os resultados e a aceptación que tiveron as súas programacións culturais. E IGAEM, entidade dependente da Consellería de Cultura, quixo facer públicos os seus números. Unhas cifras que se din que durante os doce meses do 2001 se organizaron baixo a súa supervisións 1.190 espectáculos que tiveron que ver con todos os xéneros que van desde a música, ó teatro e a danza. Aínda que o montante total supón unha boa cifra, o desglose por xéneros amosa que existen diferencias entre eles. O teatro segue a ser o gran programado (con 787 funcións), seguido de lonxe pola música (155 funcións), e moito máis abaixo, case dun xeito minoritario, a danza (con 69 funcións). Unha programación que protagonizaron nun 90% compañías e grupos galegos, e que contou coa colaboración doutros organismos e de entidades privadas no seu financiamento (ou cedendo locais para a celebración dos eventos). De todos os xeitos se os números de espectáculos organizados non é baixo, tampouco o é o de espectadores desta edición que foron duns 99.160 persoas.
Ademais, dentro dos cálculos e dos balances do IGAEM, tamén se deixou notar a diversificación da oferta que se fixo ó longo de todo o ano. De feito, dentro da súa actividade anual fixéronse públicos traballos de catalogación e documentación de grande valor. Foi o caso dos anuarios e da catalogación do patrimonio escénico e musical galego (sendo un bo exemplo, os anuarios das bandas de gaita de Galicia), a presentación de publicacións novas (a revista de títeres "Bululú"), as axudas que concederon á producción e distribución de espectáculos teatrais para contribuír á normalización do panorama escénico, e outras actividades como a edición de libros, publicacións periódicas e gravacións musicais. No balance do IGAEM tamén entaron as xornadas de formación, que organizaron unhas 420 actividades nas que tamén se inclúen os actos que organizaron a Escola de Altos Estudios Musicais e o Ballet Galego Rey de Viana.

Recalada no Camiño


Os "Camiños teatrais" que percorren xuntos compañías galegas e do norte de Portugal chega a un novo tramo do camiño. É é o que se desenvolverá no Salón Teatro de Compostela esta fin de semana e a que vén. O primeiro en facer a súa actuación é a "Companhia de Teatro de Braga" que poñerá en escea "A Moeda falsa" de Máximo Gorki. E farao o venres 11 e sábado 12 ás 21:00h e o domingo 13 ás 18:00 no Día do espectador. Un horario que tamén manterá o Centro Dramático de Viana do Castelo con "O colaborador" de F. Dürrenmatt o venres 18, o sábado 19 e o domingo 20. Unha nova entrega dos "Camiños Teatrais" que xurdiron por primeira vez nunha mostra de teatro en xaneiro do ano pasado, co obxectivo de crear un vínculo escénico común entre Galicia e o Norte de Portugal.