
O tema da Sociedade do Coñecemento está moi debatido, pero nós queremos facer unha foto de como está a situación en Galicia no 2008. Para iso sería moi bo que a xente falase, que haxa participación, para que non sexa só unha presentación académica e entre todos poidamos achegar un punto de vista diferente. Domingo Docampo, coordinador deste encontro, traslada deste xeito ao público a importancia da riqueza do debate, da súa utilidade. É coa opinión de todo o mundo como se pode construír unha imaxe de país enriquecida.
Que é a Sociedade do Coñecemento?
Galicia na Sociedade do Coñecemento é como dicir Galicia no mundo, porque é unha realidade que afecta a todos os sentidos asegura Domingo Docampo. Esta nova orde mundial ten na rede Internet a súa pedra angular. Pero para o coordinador deste foro non é máis que un fenómeno de internacionalización que non é novo aínda que si con máis posibilidades e de xeito máis vertixinoso. Precisamente ese carácter aglutinador e transversal que lle confire a rede á actualidade afecta a diferentes puntos de vista e contribúe a crear unha imaxe de país e tamén forma parte da nosa cultura e a nosa identidade. Para Docampo este tipo de foros servirán para reflexionar sobre a presenza na rede como pobo, como país, como cultura e coñecer como é nun mundo global onde hai unha lingua vehicular como é o inglés, e ver como queda cada unha desas culturas, deses pobos, e como a rede pode preservar ou non a personalidade propia. Para iso, o programa pretende abrir interrogantes en tres frontes interconectadas.
Tres caras da mesma moeda
A tecnoloxía, a socioloxía e a economía son os tres piares básicos nos que se asenta a Sociedade do Coñecemento actual. Por ese motivo, Domingo Docampo ideou un programa asentado nestes tres eixes centrais onde cada bloque se centra en cada sesión.
O Foro parte dese contexto xeral encadrado no epígrafe Galicia na Sociedade da Información para comprobar como mudan as pautas, os comportamentos e o seu nivel de aceptación e perfeccionamento. Neste sentido, tanto Divina Frau (profesora de estudos americanos e sociología de la Universidad de París-III Sorbona experta en temas de diversidade cultural e aculturación, que ten analizado diferentes formatos de televisión como reality shows desde unha perspectiva intercultural así como a regulación e a autoregulación dos medios) como Inma Tubella (reitora da Universitat Oberta de Catalunya e especialista en analizar a identidade nunha sociedade mediatizada pola rede) achegarán ese punto de vista de coñecer como a sociedade resposta ante este novo campo e os retos que se lle presentan.
A economía e o outro dos aspectos a analizar pero como o propio Docampo asegura non é un seminario de economía, senón cultural por iso analizaremos como afecta esta nova orde social dede o punto de vista do progreso e o benestar.Guillermo de la Dehesa, Felipe Serrano e Santiago Lago conforman o punto de partida para coñecer a rendabilidade económica da nova orde social.
Finalmente, imos dos efectos ata as causas, entendendo como causa o feito de que esteamos nun mundo no que as tecnoloxías da información e as comunicacións son a clave asegura Domingo Docampo, quen considera que a tecnoloxía permite conectar a todos os implicados e conseguir que flúa o coñecemento. Tocamos o punto das tecnoloxías e falamos de que é importante estar conectado apropiadamente, como está a conectividade en Galicia e deberemos ver canto está a ser usada polos galegos, se hai atranco pola tecnoloxía ou é cuestión de actitudes asegura o coordinador. Responsables das telecomunicacións no ámbito público (principalmente académico) como privado debullarán o perfil tecnolóxico no se está inmerso neste momento.
Tres dimensións dunha mesma realidade que inician as primeira das sesións convocadas polo Consello da Cultura Galega para celebrar os seus vinte e cinco anos de existencia. Estes foros de debate parten dese interese do Consello por imaxinar o país e non só de preservalo, como pensamos que é a nosa obriga aseguraba o presidente da institución, Ramón Villares, no día de presentación deste encontro que agora comeza.