Os eventos culturais favorecen a recuperación do Pazo de Mariñán para a sociedade

A creación como recuperación

O Pazo de Mariñán comezou respondendo, coma todos os edificios da súa clase, aos intereses e necesidades da fidalguía. Un edificio grande, con espazo para almacenar as rendas que se cobraban do contorno e cunha arquitectura coidada para impresionar. No entanto, na actualidade este espazo ocupa un lugar destacado no noso mapa cultural ao acoller unha constante actividade de encontros literarios e artísticos, debates e diferentes iniciativas. A creación emprégase coma un elemento que valoriza o conxunto. Asomámonos ás súas portas.

Encontros de narradores, escultores, pintores, especialistas en land-art, actividades de fusión poética, concertos, debates ou encontros de normalización son algunhas das actividades polas que atopamos periodicamente na prensa o Pazo de Mariñán. E é que o espazo constitúe un auténtico baluarte para a actividade cultural da Deputación da Coruña, e acolle a maiores actividades doutros colectivos.

O edificio
Situado á beira do mar, na arquitectura deste espazo destaca a súa escalinata imperial. A maiores, no xardín deseñado no século XIX atopamos os exemplares máis antigos de eucalipto que se conservan no país, chegados directamente de Australia dun envío de Frei Rosendo Salvado a mediados daquela centuria. A restauración do ano 2000, na que a Deputación apostou por consolidar o espazo como unha sede de prestixio, axudou á recuperación do antigo esplendor do conxunto. Madeiras nobres, tapizarías coidadas e mobles axeitados sumáronse ás máis prosaicas reparacións de humidades e reconstrución de partes da muralla.

Da nobreza ao público
A evolución pola que unha casa coma esta chegou a mans dunha institución pública e deu neste destacado papel cultural non é nada extraordinaria. Logo da súa construción no século XVII, por orde de Gómez Pérez das Mariñas sobre unha antiga fortaleza, o edificio foi pasando de xeración en xeración da familia sen interrupción ningunha ata 1936. Neste ano, morreu Gerardo Bermúdez de Castro, último herdeiro da liñaxe que, sen descendentes, optou por lle doar o pazo á Deputación Provincial para que o empregase en fins sociais. Desde aquela fóronse sucedendo diferentes funcións no recinto, que desenvolveu unha desigual actividade ao longo do tempo.

Pazo cultural
Nos últimos anos, no entanto, este espazo está a se facer coñecido por acoller diferentes actividades, especialmente aquelas relacionadas coa cultura. Malia a que desde a Deputación da Coruña advirten que “este espazo non está considerado estritamente coma un centro cultural, xa que é un recinto para actividades institucionais”, a programación anual non deixa dúbidas da importancia que ten este ámbito no espazo. De feito, semella que Mariñán está a se especializar en eventos de carácter literario.

Escribir e formar
Sen dúbida, unha proposta xa clásica neste espazo é o Encontro de Escritores Galegos cada mes de novembro xa desde 2003. De xeito semellante, en colaboración coa Fundación Casares, celébranse desde 2004 os Diálogos Literarios de Mariñán. No último ano tamén se celebrou no pazo o III Encontro de Novos Escritores, un evento que incrementou se cadra o carácter literario de pazo consolidando o espazo como unha referencia para a reflexión encol das nosas letras.

Pintura e poesía
Outra grande tendencia do pazo nos últimos anos, que semellou truncarse neste 2008 foi a celebración de encontros centrados na mestura de disciplinas creativas. Así, desde 2005 e ata 2007 o mes de abril aproveitouse neste espazo para celebrar o Encontro coa Pintura e a Poesía, na que artistas plásticos (tamén escultores) e literarios, comparten as súas experiencias e realizan cadros e recitais poéticos en directo, ademais de achegar propostas creativas conxuntas que despois se integran no patrimonio artístico da Deputación. Por este encontro teñen pasado nomes coma Yolanda Castaño, Alfredo Erias, Alfonso Costa, Beatriz Ansede, Xulio Valcárcel, Antón Sobral ou Xosé María Álvarez Cáccamo entre moitos outros.
Maio acolleu no pazo, en 2006 e 2007 o Simposio Internacional de Escultura, unha aposta que comezou con nomes coma Paco Pestana, Manuel Pathina ou Volker Schütteng. Nesta iniciativa, diferentes escultores desenvolvían as súas obras á vista dos visitantes nun encontro que se desenvolvía durante dúas semanas e que deu nun feixe de obras. Antecedente directo desta proposta foi o primeiro encontro galego de Land Art. Esta iniciativa, na que participou a Consellaría de Medio Ambiente, transcorreu en 2005 nos xardíns de Mariñán co título “A paisaxe reinventada”. O evento reuniu preto de sesenta alumnos con cinco creadores que abordaron a modificación artística do propio contorno do pazo. Árbores cubertas de aceiro, furados tapados con cristal ou liñas na terra quedaron coma mostras dunha iniciativa pioneira no país.

Outras actividades
A maiores, e segundo explican desde a Deputación, “froito do convenio de colaboración coa asociación “Cursos Universitarios e Internacionais de Música en Compostela” fanse uns conciertos durante o mes de agosto”, e “a través dun convenio coas Universidades da Coruña e Santiago de Compostela, promóvense cursos e xornadas para políticos e técnicos de las áreas de cultura de los ayuntamientos de la provincia de A Coruña” dentro do proxecto Interea.

Pazo aberto
Para alén destas actividades, as instalación do pazo non fican en absoluto paradas durante o resto do ano. A Deputación dispoñibiliza o pazo a particulares e colectivos que queiran desenvolver nel eventos de carácter formativo ou cultural. Segundo explica o regulamento de emprego do lugar, “poderán ser usuarios do Pazo de Mariñán todas aquelas entidades cuxas actividades que se han desenvolver no centro sexan de interese provincial ou clara relevancia cultural ou científica”. Salóns acondicionados, espazos abertos, e mesmo servizos de comedor e de aloxamento están a disposición dos interesados. Deste xeito, non nos sorprende atopar de cando en cando, novas de eventos que teñen mariñán coma sede. Encontros de Política Lingüística, a Escola de Verán do Poder Xudicial (xa habitual), xornadas sobre a política agraria da Unión Europea ou mesmo, no seu día, o Foro da Verdade de Nunca Máis son outros eventos que podemos atopar neste conxunto histórico. Un espazo ao que, verdadeiramente, a cultura lle está a dar nova vida.