Samaniego chega á Fundación Seoane co obxectivo de convertela nun referente cultural

Fundación con S

Luis Seoane foi escritor e artista pero tamén un xestor cultural á fronte de numerosas empresas como Sargadelos. Diferentes perfís que Alberto Ruíz de Samaniego (Fene, 1966) quere recuperar para a fundación que leva o seu nome e para a que acaba de presentar o seu proxecto cultural. Un cambio que pretende que a Fundación Seoane se converta nun centro de referencia.

“O proxecto para a Fundación Seoane pasa por dúas vías de traballo” explica Alberto Ruíz de Samaniego. Este crítico de arte, comisario de exposicións e profesor de teoría da arte aterra na Fundación Seoane despois de dirixir o pavillón español na Bienal de Venecia. “Unha delas é manter a presenza do legado de Luis Seoane, dinamizalo tanto desde o punto de vista editorial e intelectual como o expositivo, coa edición selectiva de obra gráfica e queremos facer unha exposición da ilustración do universo Luis Seoane. E manter a presenza do legado do escritor” explica o novo director ao tempo que asegura que a segunda liña pasa por “incorporar as linguaxes contemporáneas aos espazos da fundación. Algo que xa se estaba a facer na Fundación e que nós queremos amplificar”.

Definir os espazos
Desde que a mediados de decembro se anunciou que sería Alberto Ruíz de Samaniego o que substituiría a Silvia Longueira á fronte da fundación, este fenés estivo coñecendo polo miúdo as características da sede e o seu proxecto. Por iso explica que “o que fixemos foi determinar a personalidade de cada espazo, ver a utilidade de cada sala”. A Fundación Seoane ten moitas salas de formato medio, moi independentes e moi autónomas que en palabras do novo director “permiten diversificar a oferta expositiva”. Unhas características que fai que o seu proxecto pase por “manter ao mesmo tempo catro ou cinco exposicións moi diversificadas. Por exemplo, unha sala está destinada a contidos audiovisuais en formato de novas tecnoloxías; haberá outra sala máis de teoría da imaxe, na que estudaremos proxectos de interseccións entre varias disciplinas como pode ser, por poñer un exemplo, a montaxe cinematográfica; tamén haberá a sala grande con exposicións a propósito de Seoane e outras de tipo monográfico; haberá outra sala destinada á colección de Luis Seoane, e unha que está aberta a procesos de documentación, de técnicas como o debuxo ou a obxectualidade e tamén fotografías”.

Pero non só iso, a nova dirección non quere romper con algunhas das dinámicas desenvolvidas neste espazo, como foron as actividades musicais, e Samaniego asegura que “imos dedicar dous espazos permanentes que se deitan sobre a baía nunha perspectiva visual moi atractiva para actividades musicais, ben sexa jazz, clásica ou outros estilos”. Canda iso, o novo director asegura querer “ampliar a oferta de ciclos e conferencias, por exemplo, estamos a preparar un curso de verán sobre Fritz Lang que servirá de complemento á exposición”.

É precisamente na exposición sobre Fritz Lang cando se comezará a ver a impronta de Alberto Ruíz de Samaniego e o seu estilo de dirección. Pero antes, haberá unha mostra que comezará a apuntar cara o novo derroteiro que toma a fundación. “Trátase de “Atlantic World”, unha pequena exposición en torno ás construccións de defensa que se fixeron durante a época do nazismo. Unha exposición moi fermosa que apunta a varias vías: a vía arquitectónica, achegándose ás formas na era da violencia; unha compoñente sociológica porque esas construccións foron recontextualizadas con novos usos, e agora unha delas é un colexio; e, por outra parte, porque foron testemuñas dunha fenda e dunha cicatriz que se recupera dentro da historia de Europa” apunta Samaniego.

Un referente con Seoane de por medio
Pero este crítico, teórico e comisario de exposicións, ten un reto engadido ao de dirixir unha fundación, que é dirixir unha entidade que leva o nome de Luís Seoane. Un feito que, lonxe de asustalo, Samaniego recoñece como “moi estimulante”. O novo director considera que Seoane “é unha figura moi poliédrica, é escritor, pintor, un teórico e un pensador da imaxe no sentido máis amplo. Hai que pensar na teorización que fixo Seoane nas técnicas de reproductividade moderna (desde o gravado ata as serigrafías); é un pensador do cine e nese sentido, acho que é unha figura moi próxima a min, porque procedo dun ámbito teórico como é a docencia. Nese sentido compartimos intereses comúns e a incorporación a unha fundación que está presidida por esa figura, en certa maneira véxoo como un proceso moi natural”.

As primeiras actividades a desenvolver pasan por crear un espazo permanente para os fondos da colección que ten a fundación, pór en marcha unha edición dixital das obras do artista para conseguir a súa difusión e editar algúns dos principais carteis deseñados por Seoane. Canda isto, crearanse as “Lecturas de Seoane”, que consisten en cnco sesións a cargo dun experto internacional que logo se editarán.

Alberto Ruíz de Samaneigo considera que “non se destacou o carácter de xestor que tivo”. Seoane foi fundador de editoriais no exilio, foi colaborador continuo de todo tipo de proxectos intelectuais (como as editorial Losada, editorial MC en México...), instaura o laboratorio de formas, e “ese carácter de xestor cultural é o que herda a propia fundación”. Por todos estes motivos, Samaniego considera que “é unha figura moi atractiva para poder un colocarse ao seu abeiro”.

Un diálogo permanente
Nese obxectivo de converter a Fundación Luis Seoane nun referente cultural, Samaniego iniciará un proceso de conversa con outras entidades, tanto públicas como privadas e estean onde estean. “Xa teño algún achegamento a institucións como o CGAI, a fundación Caixa Galicia (estamos en vías de facer un proxecto común despois do verán); o CGAG e o Marco, que xa se mostraron colaboradores para realizar proxectos a tres e manteremos o Proxecto Edición; ademais, quero establecer convenios co Círculo de Belas Artes de Madrid e outras entidades como o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, pero estes últimos serán a posteriori”. Samaniego non busca mimetizar ningún modelo, senón que o referente que buscamos é “traballar desde o máis concreto, cada centro ten as súas características espaciais e de reflexión. Cada proxecto deberá ir pensado desde a súa propia ideosincrasia” apunta. Iso si, Samaniego ten claro que a Fundación Seoane está moi volcada na xente nova e é sobre este segmento sobre o que incidirá .

Por último, nesa busca de diálogo e de conexión, Alberto Ruíz de Samaniego busca tamén apoios no mundo da empresa. “Queremos iniciar unha intensa relación empresarial” asegura. E para iso, Samaniego trae para o seu proxecto a Miguel Angel Ramos, unha figura cun perfil moi polivalente cunha ampla experiencia no artellamento mediático e civil e é un gran experto teórico nas artes, con experiencia na relación empresarial.

Son as claves coas que pretenden que a Fundación Seoane se converta nun referente cultural que supere os límites metropolitanos.