Intelectuais e artistas reúnense en Lalín para reivindicar a importancia de Laxeiro

A propósito de Laxeiro

A súa falta de formación académica, a súa orixe humilde e o momento histórico que naceu non foron suficientes para diluír o seu potencial artístico, senón todo o contrario, foi o acicate da súa creatividade. Falamos de Laxeiro ou, como el gustaba de chamarse,“o campesiño pintor”, ao que a formación académica lle chegou de xeito serodio. Agora, cando se cumpren cen anos do seu nacemento, intelectuais e artistas reúnense no seu nome para por en valor a súa figura. Uns actos que comezan este sábado cunha homenaxe en Lalín, a súa localidade natal.

Nun momento no que anegaba a pintura rexionalista e retratista por doquier, José Abeledo (coñecido como Laxeiro) deuse conta que había que romper con toda esa tradición. Foi nese momento cando comezou a falar da estética granítica, en clara referencia ao Mestre Mateo, e iniciou unha peculiar forma de pintar, moi recoñecible e facilmente identificable. Foi un dos pintores máis admirados de Galicia, pero tamén un dos máis copiados (a fundación que leva o seu nome ofrece un servizo de autentificación das súas obras) pero a súa obra non está ao nivel de coñecemento e valoración que merece. O escritor Carlos Reigosa, amigo persoal de Laxeiro, cre que “o recoñecemento é indiscutible en Galicia, pero vótase en falta que sexa igual fóra. Hai que tirar os muros e dar a coñecer a súa importancia”. E agora, cando se cumpren cen anos do seu nacemento, existe un movemento que pretende marcar un antes e un despois.

Unha homenaxe merecida
Este sábado, 23 de febreiro, cúmprense cen anos do nacemento de Laxeiro. E todos os que, de xeito directo e indirecto teñen algo que ver co artista, xuntaranse en Lalín no acto que Carlos Reigosa, coordinador das actividades programadas para ese día, define de “homenaxe e reivindicación”. De feito, Reigosa explica que “queremos reunir un número importante de intelectuais do mundo da pintura, da escultura, pero tamén da literatura, da cultura, nun acto simbólico para visibilizar o apoio a Laxeiro” . Uns apoios que sen dúbida non lle han de faltar tendo en conta que teñen confirmada a súa presenza César Antonio Molina, o ministro de Cultura, Ánxela Bugallo, a conselleira de Cultura, e Ramón Villares, o presidente do Consello da Cultura Galega.

“Á parte disto debe ter un destino ambicioso, que se pode conseguir ou non, pero ha de quedar claro que a ollada final ten que ser unha exposición no Reina Sofía, que é un dos mellores museos do mundo” apunta Carlos Reigosa. Un obxectivo que comezará a concretarse despois do acto, cando se inicien os contactos para conseguir que o Reina Sofía lle dedique un espazo ao artista lalinense. Un obxectivo realmente ambicioso tendo en conta que as exposicións de artistas galegos nese recinto foron sempre moi limitadas, destacando nos últimos tempos as de Salvador Cidrás e Vicente Blanco en lugares moi puntuais como é o caso de “Espazo 1”.

As actividades
Os actos do sábado en Lalín son a antelasa de todo o que virá despois, unha serie de actividades que se estenderán ao longo de todo o ano e que promoven diferentes entidades e nas que a Fundación Laxeiro desempeña un papel importante. Javier Pérez Buján, presidente desa entidade explica que as actividades están enfocadas en tres eixes: investigación, divulgación e programación. “No nivel de investigación destaca a a realización e publicación dun catálogo universal, que recolla de forma exhaustiva e detallada, toda a produción artística deste artista” apunta Javier Pérez. Pero non quedarán aí, compilarán todo o seu epistolario; publicarán os escritos que servirá para amosar a unha faceta de Laxeiro practicamente descoñecida: a de escritor. Farano editando un volume que reúna os seus escritos, é dicir, pequenas composicións teatrais, relatos breves e conferencias, así como as descricións dos artistas da súa época. Dentro deste primeiro piar de investigación, tamén haberá espazo para un congreso, que leva por título “Laxeiro e a vangarda histórica galega”.

O director da Fundación Laxeiro apunta tamén que “seguiremos centrados no público infantil e xuvenil”, para o que manterán as actividades para escolares (tituladas “Coñece a Laxeiro”) e polas que actualmente pasan uns 3.000 escolares. Unhas actividades de divulgación, o segundo dos piares das actividades deste centenario, para o que tamén están a presentar unha produción audiovisual dirixida por Diego Santomé (Vigo, 1965).

Pero unha revisión de Laxeiro debe pasar ineludiblemente polas exposicións, é dicir, por exhibir a súa obra e é aquí onde se aúnan os apoios de diferentes entidades. A Fundación Laxeiro ten previsto realizar catro exposicións propias (“Laxeiro, debuxos inéditos VI: Anatomías”, “Total view”, “Laxeiro ilustrador”, “Laxeiro descoñecido nas coleccións privadas”) e dúas máis en colaboración co noutras entidades: unha co concello de Vigo (“De Vigo a Bos Aires. A arte galega de postguerra”) e outra co Museo do Pobo Galego máis o Auditorio de Galicia (“Laxeiro na colección Alcalde Varela).

Por último, as fundacións Caixa Galicia (“Laxeiro e os artistas do xesto na colección Caixa Galicia” que chegará a Pontevedra en outubro) e Barrié (“Laxeiro, a lóxica do irracional” que levará ás sedes de Vigo e A Coruña a partir de marzo), así como os museos de Pontevedra (“O primeiro Laxeiro” a estrear en outubro) e Lalín, o Ramón María Aller Ulloa (“Laxeiro e Amigos” que xa se abriu ao público o pasado 8 de febreiro) tamén ofrecerán ao público diferentes cadros do artista.

Malia que Laxeiro desenvolveu boa parte da súa obra en Bos Aires, cidade na que viviu preto de vinte anos e na que experimentou unha apertura da súa obra cara linguaxes informalistas, non haberá actividades nesta cidade. A totalidade das actividades para conmemorar o centenario do artista terán lugar no país, desde onde se pretende impulsar o seu coñecemento.
Actividades da Fundación Laxeiro no 2008.
Co callo do centenario do nacemento do xenial pintor, a entidade organizará unha programación especial ao longo deste ano.