As galerías e os artistas excluídos de ARCO opinan sobre a decisión

O que ARCO non exhibe

Este ano que ARCO se atopa coa lusofonía (Brasil é o país convidado), a presenza da arte galega redúcese con respecto ao que viña sendo habitual nos últimos anos. Os motivos, segundo fontes da Feira, pasa pola “renovación do seu espazo e a reestructuración do seu programa artístico”. Falamos coas galerías do país sobre o que supón para elas, para os seus artistas e para a arte galega non asistir á feira.

En primeiro lugar, cómpre aclarar que ARCO é a feira de galerías de arte contemporánea máis importante do Estado. En segundo lugar, como feira que é a xente vai ata alí a comprar. Pero non só iso, tamén a facer contactos e a dar a coñecer o traballo dos diferentes artistas aos que lle poden propor futuras exposicións. E, en terceiro e último lugar, non asistir a ARCO implica que hai outras feiras de arte contemporáneo que están automaticamente vetadas. Estas son algunhas das características polas que estar nesta feira é tan importante.

Este ano a presenza galega pasa de cinco a catro galerías (“Trinta”, “Ad Hoc”, “Bacelos” máis a incorporación de “C5”). Dúas das que levaban máis de dez anos asistindo de xeito ininterrompido (“SCQ” e “Marisa Marimón”) foron excluídas.

Os motivos da exclusión
“Os motivos? Se hai algo que me gustaría saber é cales foron os motivos, porque se non os sei, non podería corrixilos para o futuro. O noventa por cento da indignación é que non tiveron a deferencia de explicarnos cales foron” asegura Marisa Marimón, a galerista ourensá que levaba trece anos asistindo a esta feira. A outra galería excluída é a santiaguesa SCQ e unha das súas responsables, Mónica Iglesias, asegura que “na primeira selección explicaron non estabamos por falta de espazo e nós entendémolo porque alguén se tiña que quedar fóra”. Pero para ela o problema foi que “cando miramos o listado de galerías que participaban vimos que se tiña que cubrir un cupo de 70% de galerías de fóra de España, o que determina que o espazo para as nosas era mínimo”. Nesta mesma liña tamén apunta Marisa Marimón que cre que “todas as galerías teñen dereito a entrar en ARCO e cando te ves substituída por galerías que veñen de fóra, polo feito de ser de fóra e non amparado en criterios de calidade, aí é cando te lamentas”.

Curioso ou non, o certo é que boa parte dos artistas que ían con Marisa Marimón irán en espazos institucionais. “Moito se di que a selección se basea na calidade e resulta que os artistas non valen para que eu os leve pero si van estar na representación que levan os museos ou espazos institucionais; e isto que quere dicir?” pregúntase a galerísta ourensá.

As consecuencias
“As consecuencias verémolas despois, asegura Marisa Marimón que di que o tempo é o que determinará se se poderá “seguir en contacto cos coleccionistas, con outras galerías e coas entidades cando deixas de ir”. Para ela, este non é a única consecuencia “é un prexuízo grande para os meus artistas, que amosaban a súa obra e era aí onde lle xurdían exposicións”.

Mónica Iglesias, de SCQ explica que a primeira e máis inmediata consecuencia é a nivel anímico. “Cando solicitamos participar é porque estamos interesados na participación da feira. Non só por unha intención económica, senón tamén polo punto de interese por dar a coñecer os artistas que nós propoñemos. En resumidas contas, por ese punto de difusión que ofrecía ARCO”. En todo caso, Mónica Iglesias quere desdramatizar a exclusión ao asegurar que tampouco causa un dano excesivo á galería. Nesta dirección apunta a artista lucense Mónica Alonso, que cre que “sempre se lle deu (a ARCO) demasiada importancia. Non me parece que sexa algo tan importante e eu nunca estiven de acordo con esa mitificación”.

Mónica Alonso achega ademais unha perspectiva diferente. É artista pero “considero que a galería e os artistas somos como un todo. Se a galería non está en ARCO, a miña obra non sei vai poder ver, nin para as posibles vendas e contactos posteriores”. Pero para esta artista esta decisión apunta cara unha liña moi clara. “Están, explica, a centralizar a arte do Estado Español, excluíndo a galerías periféricas. E foi precisamente este ano, cando Brasil é o país convidado e hai un punto de conexión moi importante coa periferia”.

Unha anécdota moi curiosa evidencia este desaxuste. “Nós sabemos en setembro que non somos admitidos, pero resulta que en agosto, Antón Cabaleiro (artista galego afincado en Estados Unidos) veu uns días de vacacións e aproveitou para deixarme a obra de ARCO” explica Marisa Marimón ao tempo que asegura que os seus artistas “lévano ben, porque están moi acostumados a levar paos”. Unha mostra máis do que dicía Mónica Alonso, de que ARCO é unha pequena parte do traballo que un artista fai ao longo de todo o ano.

A feira e a presenza galega
Á marxe da drástica redución de galerías españolas (en detrimento das estranxeiras), o eixe da feira será como é tradicional o programa xeral. Achega o proxecto de 224 galerías seleccionadas polo Comité Organizador, e que incorpora como novidade un novo segmento dedicado á arte contemporánea da máis recente creación, producido nos últimos tres años (ARCO40). Xunto a estas dúas seccións, presentarase unha interesante selección coas últimas propostas para os espazos (SOLO PROJECTS e EXPANDED-BOX) e para a nova sección (PERFORMING ARCO) que lle dará por primeira vez cabida á performance.

A presenza galega está formada este ano por “Ad Hoc”, “Trinta”, “Bacelos” e, por primeira vez, “C5 Colección”. A galería Trinta de Santiago presentará exclusivamente a Carlos Pazos coa súa instalación “Isto non é pop” con obxectos e proxeccións. A viguesa “Bacelos” presentará o traballo de revisión da escultura clásica da coruñesa Victoria Diehl; mentres que Ad Hoc desembarca co traballo de 13 artistas, os mesmos cos que traballa todoo o ano. Destacar as investigacións sobre as figuras populares do Entroido en Cantabria, Zamora, Portugal e Ourense de Chelo Matesanz, ou a reflexión sobre o mito da eterna xuventude de Suso Fandiño.