A banda deseñada internacional dase cita no salón "Viñetas desde o Atlántico"

Abrindo a banda

Nada máis e nada menos que sesenta mil persoas. Esa é a cantidade de xente que pensan atraer os organizadores de "Viñetas desde o Atlántico", o salón de banda deseñada máis multitudinario de Galicia. E a cifra non é ó azar, xa que en edicións anteriores os visitantes chegaron a ser cincuenta mil visitantes. Exposicións de orixinais, visitas dalgúns dos autores máis prestixiosos do mundo, mesas redondas e abondosos postos de venda son un reclamo irresistible que fan deste encontro un dos máis destacados de toda a Península Ibérica. Será a partir das sete da tarde do luns, hai que ir pensando en coller sitio na Estación Marítima da Coruña.

Os autores




A pesar de que aínda non se coñece con detalle o programa oficial para esta edición, xa están confirmados os autores que visitarán a Cidade Herculina durante a vindeira semana. Así, desde América chega Ridk Veitch, pioneiro da banda deseñada no ciberespacio e autor en series coma "Swamp Thing" ou "Teenage Mutant Hero Turtles". Tamén de Estados Unidos chega Mark Hempel, debuxante en series tan prestixiosas coma "Sandman", "Hellraiser" ou "Johnny Quest". Ou Teddy Kristiansen, danés emigrado que ten ilustrado obras de Neil Gaiman e James Robinson e foi nominado ós premios Eisner ó mellor debuxante en 1993. Máis cara o sur, Arxentina envíanos a Carlos Nine e a Jorge Zentener Hick, e desde España veñen Rubén Pellejero, autore de "El silencio de Malka", Álex Fito coa seu recente éxito "Raspa Kids Club" ou Kano, que se ten internacionalizado e se atopa traballando na serie "Superman" para Márvel.
A nivel galego atoparemos coma convidado especial a Das Pastoras. Por suposto Miguelanxo Prado, director do Salón e Carlos Portela, que colabora coa organización, tamén andarán por alí. Onda eles, outros autores coma Kiko da Silva ou Kike Benlloch, aproveitarán para presentar as últimas iniciativas da nosa banda deseñada: a revista BD Banda e o álbum colectivo Mmmmh!!!. Tamén desde culturagalega.org tentarermos estar presentes para dar a coñecer o noso soportal "Banda Deseñada".


















Outras cousas



Unha novidade desta edición será a existencia dunha sala de lectura aberta que estará aberta co mesmo horario do salón, é dicir, entre as doce a dúas pola mañá e de seis a dez pola tarde. A partir do martes catorce e ata o peche, o domingo, cada tarde haberá charlas e conferencias sobre os máis variados aspectos da novena arte. Para o venres e o sábado está previsto que os autores convidados asinen as súas obras, evento que provoca as maiores colas de todo o salón. Tamén para o venres ás nove da noite nos xardíns de Méndez Núñez, está previsto o concerto do grupo Birimbao. No mesmo lugar estarán instalados durante toda a semana postos de venda das principais tendas especializadas en banda deseñada de todo o Estado. En canto exposicións, atoparemos as mostras "Comic arxentino 2000", "Os tebeos da nosa infancia, desde 1951 a 1975" ou os traballos premiados no certame de banda deseñada Injuve 2001, entre outras. Onda todo isto a cidade encherase de personaxes de comic nas figuras de cartón pedra ás que os coruñeses se van afacendo.





As orixes


"Viñetas desde o Atlántico" naceu hai catro anos coa intención de crear en Galicia un salón de banda deseñada de carácter internacional no que, onda os autores máis prestixiosos do panorama mundial houbese sitio tamén para os debuxantes galegos. A afección do alcalde coruñés, Paco Vázquez, á novena arte e o traballo de Miguelanxo Prado onda os integrantes da asociación Funcomic e outros afeccionados acadaron pór en marcha unha cita que xa se converteu en imprescindible para os afeccionados de toda a península e arredores. A pesar do grande traballo que supón a organización anual deste certame, Miguelanxo Prado resístese a deixar a dirección do evento, aínda que asegura que o reto actual de "Viñetas" é que evitar que esté condicionado á súa presencia na organización e a de Paco Vázquez na alcaldía.