A afección pola cultura xaponesa vive un momento de auxe en Galicia

A Galicia do sol nacente

Son lexión e comezan a se organizar. Os afeccionados á animación, á banda deseñada e mais á cultura xaponesa en xeral multiplícanse nas nosas cidades e vilas. Non é dicir por dicir. Nos últimos tres meses fixéronse públicos dous novos colectivos de afeccionados e xurdiu a nova dun posible Salón do Manga en Vigo. Aos poucos, conceptos coma manga, anime ou cosplay vanse incorporando á nosa axenda cultural.

A Asociación Ippon, legalizada no ano 2000, é o máis veterano dos colectivos dedicados a promover a cultura xaponesa no noso país. Con máis dun cento de inscritos, desde aquela desenvolveu unha ampla variedade de propostas sobre os máis diversos ámbitos da cultura do Sol Nacente. O seu vicepresidente, Ramón Méndez, recoñece que neste tempo houbo unha evolución destacada no calado social destas afeccións. "Comezou moi pouco a pouco, pero vai gañando fama e agora mesmo penso que se está a vivir unha época dourada", explica. "Edítase moitísimo manga e anime, cada vez prográmase máis en televisión e mesmo hai canles de pago especializadas. Xa non é unha moda como se puido considerar nalgún momento, xa leva moito tempo e está consolidado", explica. A nivel de actividades deste colectivo, a máis recente foi a celebración dunha festa de Entroido cosplay, é dicir, na que os asistentes acudían disfrazados coma os seus personaxes favoritos de manga e anime. No mesmo encontro desenvolveu se outra das actividades clásicas de Ippon, o karaoke con temas xaponeses. De cara a Semana Santa prevén realizar unha nova edición dos encontros anuais en Vigo, e tamén están a traballar para impartir un curso de introdución á cultura xaponesa que agardan que a Universidade de Vigo recoñeza.

A expansión

Tamén Carlota Quintana, unha debuxante que está a tentar crear o primeiro Salón do Manga de Vigo, recoñece que a afección medra. "En xeral nótase un incremento no interese a nivel estatal", apunta. "No Salón do Manga de Barcelona este ano dobrouse a asistencia, superando mesmo as expectativas da organización, e cada vez hai máis editoras". Ademais de se incrementar o número de afeccionados, tamén se está a producir unha diversificación dos seus intereses. Ao gusto polas series de animación e as bandas deseñadas do País do Sol Nacente vanse sumando modas e produtos orixinarios de alí. "É bastante evidente, cada vez hai máis afeccionados ás tendencias xaponesas. Está a roupa e a moda, pero tamén os festivais, a música e a cultura en xeral". Como mostra, salienta que no Salón do Manga " por primeira vez había tendas de roupa xaponesa". Polo momento, a existencia de público aínda non se traduciu na existencia, no noso país, de establecementos deste tipo, e continúan a ser as libarías especializadas en banda deseñada os centros que congregan o merchandising e os produtos de interese para estes amantes do nipón. "A maioría da xente acode ás tendas especializadas e tamén compra moito or Internet. Moitos van tamén ata os diferentes salóns do manga, que son os únicos sitios onde podes atopar algunhas cousas", completa Quintana.


Máis que cadriños

“No fondo está todo bastante unido e unha cousa leva á outra", explica Méndez. "Podes ver que nun manga sae unha comida e queres probala, ou que che apeteza disfrazarte coma un personaxe. Logo cada un pode centrarse en temas concretos e dedicarlle máis tempo, xa depende da persoa", lembra. Nese sentido, o colectivo Ippón demostra unha grande variedade de intereses. "Como asociación tentamos abarcar os campos máis coñecidos, pero tamén temos interese por todo o que pode ser a historia, a cultura e a vida en Xapón, que é máis do que manga e anime. Eses produtos veñen dunha cultura e dunha evolución histórica que tamén nos interesa". Deste xeito desde a arte xaponesa ata a lingua ou a caligrafía son elementos aos que o Ippon lles presta atención nas súas propostas. Un destes novos entretementos chegados de Xapón son as bonecas articuladas ou BJD (ball jointed dolls). O tema consiste en personalizar, vestir e amañar bonecos deste tipo facendo deles auténticos personaxes individualizados. Como en moitas outras afeccións os foros e os encontros, compartindo coñecementos sobre como conseguir as figuriñas máis traballadas manteñen unha certa actividade das BJD. En Galicia, os seus seguidores agrúpanse arredor do foro G-Dolls, onde se pode ver unha boa mostra das súas creacións e introducirse algo máis polo miúdo neste curioso pasatempo.

En galego

De calquera xeito, o feito de que haxa afección por Xapón non supón en absoluto que se produza desinterese polo país. Así temos, por exemplo, o colectivo “O anime, mellor en galego”, que programa de cando en cando filmes dobrados á nosa lingua e reclama versións para o noso país dos DVDs que se publican a nivel estatal. Tamén en Ippon apuntan o seu interese neste sentido. “Hai anos xa que traballamos neste sentidos. Nos propios encontros e en Viñetas desde o Atlántico temos recollido sinaturas para pedir máis anime en Galego”. En xeral, Carlota Quintana proclama o interese de moitos destes afeccionados por conseguir produtos traducidos á nosa lingua. "Queremos que en España se dean conta de que aquí hai moita afección e que tamén se pode publicar en galego o manga. Hai DVDs que teñen versión no noso idioma, pero hai moitísimos máis que teñen versión en catalán. Do mesmo xeito, as editoras publican manga en catalán, e queremos que tamén a haxa en galego". É tamén con este obxectivo que esta moza está a traballar na creación do primeiro Salón do Manga do país que terá, se non hai problemas, a súa sede en Vigo. Logo dunha primeira tentativa o pasado Nadal, Quintana pretende conseguir para este 2008 un evento que poida ser un referente e consiga congregar afeccionados de todo o país e das zonas limítrofes.

Os máis novos

Un exemplo curioso. Hai agora vinte anos, Ourense acollía acollía a formación dun grupo de afeccionados á banda deseñada, o “Fronte Comixario”. Este colectivo que destacou pola súa intensa actividade e pola nidia defensa da lingua e da cultura do país no seu traballo. O último Nadal, na cidade das Burgas vía a luz outro colectivo de xente nova afeccionada á BD. Desta volta, o interese da Asociación Kamakura céntrase no ámbito do manga e mais do anime. Non é nin moito menos para xeneralizar, pero o caso pode ser unha mostra de como muda o signo dos tempos. A última nova neste proceso é a creación do colectivo Mangalego na Coruña, un grupo nado ao abeiro da libraría Alita Cómics , que agrupa xa máis dunha trintena de socios. Entre as primeiras propostas que agardan desenvolver está a celebración de festas cosplay. Non é este, de calquera xeito, o primeiro colectivo que existe na Cidade Herculina centrado nestas afeccións. Aínda que nos últimos tempos a súa actividade está centrada en Internet, o grupo Gofansub foi responsable en 2004 e 2005 da organización dunhas xornadas na Facultade de Informática da Coruña, unha actividade para os que mesmo conseguiu o recoñecemento por parte desta universidade de créditos de libre configuración.
Resumindo, máis nos vale irnos acostumando aos disfraces cosplay, á moda xaponesa e á presenza deses personaxes de ollos grandes que caracterizan ao manga e ao anime. Polo momento, están aquí para quedar.