Xigantes e cabezudos están aínda presentes en moitas das nosas festas e romarías. Estas figuras grotescas fan parte da nosa paisaxe cultural ata o punto de que non somos, polo xeral, conscientes de que están aí, e moito menos da súa orixe nin da súa evolución. Simplemente son, coma a banda de música, as carrozas ou os gaiteiros, unha parte das procesións nas festas patronais. No entanto, estas figuras contan cunha historia ben longa cun punto común, as procesións do Corpus Christi. Julio González Montañés, delegado galego do Círculo Internacional de Amigos dos Xigantes, investigou sobre esta figura a partir dos seus traballos encol do teatro popular e desta festividade. A celebración do Corpus está rexistrada no noso país desde o século XV, aínda que diferentes datos apuntan a súa existencia previa. Segundo explica González Montañés en Europa Occidental as figuras teñen esta orixe, noutros lugares do mundo non, lembra. O primeiro xigante documentado en España está en Barcelona en 1314, explica. No caso galego, tamén as primeiras citas destas figuras coinciden con esta festa.
Definición xigante
Malia á variedade que presentan estes bonecos,por xigante, explica este historiador, entendemos unha figura portante, que ten un bastidor de madeira que permite levala desde dentro. Despois ten unha cobertura téxtil. Polo xeral os vestidos poden mudarse pero mantéñense as testas, que son de pasta de papel, resume. O feitío destes bonecos non mudou moito ao longo do tempo aínda que agora tamén os hai con cabezas de resina ou de plástico, e existe algunha variante na que o xigante vai sobre unhas andas, coma o San Cristovo de Redondela. Polo xeral, estas figuras van por parellas mixtas que ademais levan coroas ou feitíos que os identifican coma rei ou nobres. Canda a eles van, polo xeral, os cabezudos, que si viviron unha maior evolución. Pode haber cabezudos sen xigantes, pero non á inversa. De feito, polo xeral considéranse fillos dos xigantes. Son máis sinxelos de construír e vanse adaptando ás modas, a presentar personaxes coma Groucho Marx, Popeye, o Gordo e o Fraco ou, nos últimos anos, Astérix e Obélix. A outra figura relacionada con estes bonecos é a Coca ou Tarasca, son tamén unha manifestación do Corpus e participaban no cortexo. Na maior parte dos casos tiñan rodas para levalas, aínda que hai casos, coma o de Betanzos, en que era portante.
Antes da relixión
Malia á identificación coa festa do Corpus, González advirte que a asociación entre figuras e festividade non implica que non houbese xigantes de xeito previo. Os xigantes non se inventaron para o Corpus. Foron figuras que se incorporaron do mesmo xeito que as cocas ou tarascas e mais as danzas de penlas e espadas, cita coma outras tradicións. Esta era para igrexa unha festa de ledicia e permitiu nela unha serie de elementos folclóricos que actuaban en certo xeito a maior gloria de Deus, completa. É así que representacións de figura demoníacas e mais ou menos pagás se incorporaron a unha festividade fondamente relixiosa.
De Corpus a Entroido
Na lista de figuras que noutrora acompañaban no tránsito entre a primavera e o verán esta procesión, atopamos algunhas que hoxe temos asociadas a épocas máis temperás, coma os cigarróns ou os felos que na actualidade fan parte do Entroido de moitas das nosas vilas e aldeas. Non digo que todas as máscaras teñan a súa orixe no Corpus, e é posible que moitos deles se poidan remontar moito máis. Pero o que está claro é que se conservaron en boa medida grazas á súa incorporación ao Corpus, e de aí chegaron ao Entroido, explica González. De feito, a tradición da Micaela de Buño, exemplifica coma un xigante se introduciu nos ritos destas datas que estamos a vivir.
Xigantes centrífugos
Do mesmo xeito que estas figuras, outros elementos que foron no seu día parte das procesións do Corpus viviron semellantes movementos centrífugos e foron desprazándose a outras datas do calendario, movidos sobre todo pola intención da igrexa de facer máis solemne a procesión. Foi deste xeito que xigantes e cabezudos acabaron repartíndose polo calendario e mais pola nosa xeografía, chegando a se integrar en todo tipo de celebracións e festas patronais. Son figuras que conseguiron un certo arraigo popular e alén do puramente popular. Todas as recepcións reais que había desde Idade Media contaban con eles, participaban en toda festa relixiosa ou profana. Teño documentados en gravados os xigantes coruñeses que foron agardar a Alfonso XII na visita que fixo á Coruña. Co tempo, no entanto, a frecuencia coa que estes señores saían nas distintas festas foi decaendo. A tradición case desapareceu na altura dos anos oitenta. Conserváronse casos concretos coma Santiago ou Ribadeo. Na actualidade recuperouse e hai como corenta concellos que teñen estas figuras, algunhas históricas e outras novas.
O círculo
A tradición de contar con figuras a representar humanos superdesenvolvidos en festas e eventos non é nin moito menos exclusiva de Galicia. Os xigantes forman un dos complexos festivos máis estendidos do planeta. Hai máis de 2000 casos en trinta países de todo o mundo, incluídos varios de África, explica González Montañés. A importancia do fenómeno, animou a un grupo de persoas interesadas por esta figura a constituír o Círculo Internacional de Amigos dos Xigantes. A entidade, que abre agora a súa delegación galega, contactou con este historiador a raíz do seus traballos arredor da festividade do Corpus e animouno a achegar contidos para o web que esta organización abriu sobre o noso país . Entre os proxectos inmediatos está ir actualizando o catálogo de xigantes que se conservan en Galicia, estou a traballar en facer fichas de cada un dos lugares onde hai xigantes e vendo onde xa non existen. Hai un material inmenso, só facendo catas na prensa histórica aparecen en calquera lugar, explica. A máis longo prazo agárdase ampliar as actividades desta organización. O Círculo organiza encontros de xigantes, intercambios e congresos, supoño que algo faremos. Polo momento a idea ir vendo como funciona a páxina, que semella que ten xa certo éxito, lembra o historiador. Quizais sexa este un paso para que volten a máis rúas estes grandes personaxes.
Xigantes e cabezudos
Monumento aos Cocos de Ribadeo. O monumento ós Cocos de Ribadeo é obra de César Lombera e atópase na praza de San Roque da vila dando a benvida ós visitantes, proba da popularidade dos xigantón ribadenses, auténticos símbolos da localidade. Fonte: Julio I. González Montañés
Xigantes e cabezudos
Cocos de Ribadeo nos anos setenta Fonte: Julio I. González Montañés Tirados de repertorios públicos con licenza Creative Commons.
Xigantes e cabezudos
Mómaros de Pontedeume en 2007. Estes xigantes son pezas recentes debidas a iniciativa de Mª Manuela Lapique e saen na Festa das Peras. Fonte: Julio I. González Montañés Tirados de repertorios públicos con licenza Creative Commons.
Xigantes e cabezudos
Xigantes do Porriño na actualidade Fonte: Julio I. González Montañés, con permiso do Arquivo Municipal da Imaxe do Concello de Porriño para a súa reprodución
Xigantes e cabezudos
Xigantes de Forcarei nos anos 50 Fonte: Julio I. González Montañés. Tirada do web do concello.
Xigantes e cabezudos
Xigantóns da Coruña Gravado feito dun debuxo do natural de J. Comba e publicado na revista La Ilustración Española y Americana, nº XXXV (1883), p. 164. Trátase dos antigos xigantes Xudit e Holofernes no recibimento do rei Afonso XII cando viaxou á cidade para inaugurar o ferrocarril. Fonte: Julio I. González Montañés.
Xigantes e cabezudos
Xigantóns da Coruña. Xigantes de Santiago. Aparecen no seu lugar de descanso na tribuna da Catedral. Trátase de pezas novas de César Lombera, copias en fibra de vidro das cabezas históricas de Mateu de Prado. Fonte: Julio I. González Montañés
Xigantes e cabezudos
Xigantes do Porriño nos anos sesenta Fonte: Julio I. González Montañés, con permiso do Arquivo Municipal da Imaxe do Concello de Porriño para a súa reprodución